Martes 20 Febreiro 2024

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia:

Antes de nada, gustaríame darvos os máis efusivos parabéns por esta andaina de dez anos: non é doado abofé ter esta lonxevidade no caso dun medio de comunicación que empregue o galego e, aínda menos, se este se dedica a un tema tan especializado como é a diseminación de novas científicas. Estou seguro que esta empresa seguirá sendo frutífera nos anos vindeiros non só porque ata agora o fixestes moi ben senón, sobre todo, porque o que estades a facer é algo moi necesario para a cidadanía do noso país.

Publicidade

Cando me contactastes para participar neste aniversario, unha das suxestións foi que fixera énfase en por que pensaba eu que un medio como este era importante. A necesidade de dar tal xustificación non deixa de ser un tanto paradoxal posto que non coido que fose necesaria dala no caso de falar dun medio que fixese a mesma actividade empregando o castelán ou o inglés. A contestación, realmente, debería de ser a de «por que non», xa que o lóxico é que un país utilice o idioma de seu en todas as facetas da súa vida cotiá onde se inclúen, por suposto, o xornalismo político, cultural ou científico. Por elo, de non existir Gciencia, desde logo habería que inventala.

Dito isto, coido que esta pregunta ten varias derivadas que é importante discutir máis polo miúdo. Por unha banda, esa cuestión creo que reflicte lamentabelmente a diglosia que aínda existe no noso país e, sobre todo, en moitos profesionais científicos. Por exemplo, cando se visita moitos dos nosos centros de investigación e universidades vese claramente que o galego segue a ser aínda un invitado pouco frecuente nos campus galegos. O mesmo acontece cando vemos as declaracións ou os artigos de opinión de moitos científicos e científicas do noso país, onde predomina o uso do castelán na maioría dos casos. É unha magoa que isto estea aínda a acontecer, o que nos di o moito que aínda temos que avanzar como país para normalizar o uso do noso idioma en ámbitos académicos e non académicos. Neste contexto, hai que subliñar a importancia e a gran necesidade de ter medios que, como Gciencia, sirvan de altofalantes da lingua e da ciencia.

A cidadanía ten que estar formada en cuestións científicas básicas para poder tomar decisións tanto a nivel individual como colectivo

Independentemente desa problemática, coido que a diseminación de novas científicas ao público en xeral ten unha importancia esencial para poder ter unha cidadanía formada e informada sobre o coñecemento científico. A maioría da ciencia, ao menos no campo das ciencias experimentais, publícase en inglés. Iso é así e, na miña opinión, é moi positivo: con isto facilítase que os achados científicos se poidan coñecer e entender polos restantes científicos e científicas de todo o mundo moi axiña trala súa publicación. Con todo, é importante que eses achados se diseminen e se fagan comprensibles a toda a cidadanía por varias razóns. Por unha banda, porque como científicos coido que temos a responsabilidade de transmitir o que facemos a toda a sociedade posto que, en última instancia, é esta a que paga as nosas investigacións a través dos impostos e contribucións sociais a organizacións sen ánimo de lucro que invisten en investigación. Pola outra banda, porque considero que a cidadanía ten que estar formada en cuestións científicas básicas para poder tomar decisións tanto a nivel individual (tratamentos, como enfrontarse ou evitar unha enfermidade determinada ou saber en que consiste esta) como a nivel colectivo (deseño de políticas, regulamentos, leis, etc.).

Isto é un punto realmente importante, posto que hoxe en día moitas das decisións que temos que tomar en relación a políticas medioambientais, económicas, sanitarias ou mesmo sociais requiren ter coñecementos científicos básicos. Este coñecemento é tamén importante para non deixarnos enganar por feitizos pseudocientíficos e curandeiros modernos de diversa índole e perigo. E, se me permitides, esta diseminación tamén ten o seu compoñente egoísta: canto mellor saiba a cidadanía a importancia da ciencia que facemos para as súas vidas, máis doado será que esta reivindique melloras na financiación e nas infraestruturas que faciliten as nosas propias investigacións.

Independentemente dos aspectos “prácticos” da diseminación científica, coido que dende un punto de vista máis filosófico tamén é importante transmitir de forma accesíbel os achados científicos para axudar a que a cidadanía comprenda de onde vimos, como se estrutura o mundo en que vivimos, e o que nos agarda no futuro. En definitiva, para poder sermos entes “pensantes” e non meros “habitantes” do noso planeta. E tamén para facer posíbel o sapere aude kantiano que, en última instancia, permítenos a todos e todas ser máis libres e conscientes das nosas decisións. En todas estas facetas, Gciencia tamén xoga un papel fundamental para toda a poboación galega.

Dicía Castelao que “somentes preservando a nosa capacidade creadora será como poderemos contribuír á civilización universal incorporando a ela as nosas creacións inéditas”. Coido que Galiza durante estas últimas décadas está facendo este soño posíbel. Está ben saber que Gciencia está aí para transmitir a todos os galegos e galegas o que se está a facer en ciencia dentro e fóra da Galiza.

Feliz décimo aniversario!

Xosé Bustelo
Xosé Bustelo
Investigador do Centro de Investigación do Cancro (CIC) de Salamanca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Por que é tan urxente que o Goberno español regule o acceso dos menores á pornografía?

Existen diferentes alternativas como métodos de intelixencia artificial de recoñecemento facial ou aplicacións de verificación da idade

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega