Dende a ventá da miña casa albisco o perfil das Cíes, a liña de costa do Morrazo e a meirande parte do porto de Vigo. Ver o mar todos os días é un privilexio. Mentres escribo estas liñas, o cruceiro Costa Diadema está atracado no peirao dende primeira hora da mañá. Obsérvoo dende lonxe e pregúntome que estarán pensando os viaxeiros a bordo, que hoxe pasearán por Vigo nun día gris que ameaza con romper a chorar en calquera momento. Serán persoas de distintas nacionalidades que talvez estean a gozar das súas vacacións anuais sen máis preocupación que a de distraerse e desconectar da rutina. Imaxino que iso é o que comparten cos preto de 150 cruceiristas a bordo do MV Hondius, o barco no que se declarou un gromo de hantavirus.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) deu a voz de alarma o domingo 3 de maio. Foi a primeira noticia sobre unha crise sanitaria en alta mar que ocuparía as portadas de todos os medios e, incluso, o debate —ás veces cuestionable— en redes sociais. En GCiencia fixemos unha primeira noticia sobre as claves dun virus potencialmente mortal que se transmite, principalmente, a través da inhalación de partículas contaminadas que emanan das feces e ouriños de roedores infectados. Pero non era a primeira vez que eu escoitaba falar do hantavirus: a comezos de 2025, o recoñecido actor Gene Hackman apareceu morto xunto á súa muller. Un mes despois, confirmouse que ela falecera polo virus, e el por outras complicacións de saúde sete días máis tarde. O hantavirus non é, por tanto, un patóxeno novo: a primeira gran diferenza co SARS-CoV-2, malia que a noticia espertase en tantas persoas recordos de Vietnam.
A partir do luns desatouse un caos de infoxicación e infodemia, as miñas palabras favoritas para describrir un ecosistema mediático caracterizado pola xeración irrefrenable de información, non sempre veraz nin rigorosa. Aí comezaron os grandes retos para un medio como GCiencia, que aposta sempre pola especialización, pero sen os recursos doutros grandes xornais. O noso obxectivo sempre foi informar en medio do ruído e a loita política entre gobernos por ver onde atracaba o barco, en que condicións, e ata que punto é necesaria unha corentena do resto de cruceiristas. O MV Hondius prevé chegar a Tenerife esta fin de semana e, teoricamente, a evacuación farase en lanchas para evitar riscos. Pero, como digo, este non é o noso debate.
O centro das nosas informacións é desentrañar as incógnitas dun virus coñecido dende os anos cincuenta. En concreto, da variante dos Andes, que é a única que demostrou transmisión entre humanos. Para iso foi imprescindible falar con voces expertas como os epidemiólogos Juan Gestal e Cristina Fernández, a microbióloga María Tomás e a inmunóloga África González. Unha explicación, dende Galicia, dunha nova crise sanitaria que estaba a espertar medo. Aínda así, a mensaxe común de todas elas foi prudencia, paciencia e, sobre todo, descartar que estamos ante un novo coronavirus.“Non vai ser a próxima pandemia”, sentenciou Gestal. E a iso nós temos que agarrar: ao coñecemento científico dispoñible. Ampararse na ciencia é a única forma de desbotar elucubracións e conspiracións.
Outra das formas de entender crises deste calibre é acudir aos antecedentes. Co SARS-CoV-2 houbo que comezar de cero, pero o hantavirus xa é un vello coñecido. A miña compañeira Andrea escribiu unha reportaxe sobre o último gran gromo desta enfermidade, que se produciu en Arxentina entre 2018 e 2019. Houbo unha trintena de casos e unha decena de falecidos porque, tras un primeiro contaxio, producíronse moitos máis en cadea a causa dunha festa de aniversario. Un estudo de 2020, que pasou moi desapercibido, alertaba sobre a existencia de “supercontaxiadores” do hantavirus. En resumidas contas, un patóxeno con taxas de letalidade de entre o 21% e o 50% que pode contaxiar máis do que se pensaba. É unha información relevante, pero prudente.
Por iso considero imprescindible ler esta entrevista de El País a Gustavo Palacios, autor do estudo de 2020 e experto no hantavirus dos Andes. Unha das súas respostas paréceme especialmente clave: “As condicións que nós estudamos neste gromo en Arxentina son bastante diferentes ás condicións que se están vendo agora. En realidade, dende o punto de vista teórico, obviamente sen datos, as condicións son peores no buque”. O motivo é obvio: o barco é un espazo pechado, e o gromo de 2018 deuse fundamentalmente ao aire libre. De todo modos, Palacios é cauto: “Non hai que ser alarmista, hai que ser realista”.
O principal reto á hora de abordar unha crise sanitaria destas características é non caer no erro nin na desinformación, aínda que esteas exposta a un bulir de datos constante que cambia cada minuto. Andrea e máis eu falamos longo e tendido da actividade frenética destes días na redacción e nas dificultades que ás veces atopamos para dar algo rápido, pero asegurándonos que é unha información rigorosa. Ás veces unha ten que sacrificar ser a primeira se quere ser veraz.
E digo isto con motivo. Avisáronme ás 18.16 horas do xoves, cando El Confidencial publicou que o director xeral de Saúde Pública, Pedro Gullón, confirmara en rolda de prensa que había un morto dentro do buque, pero que lle restou importancia. Como era posible? Comezou aí un repaso tan intenso como constante para rastrexar a posibilidade dun novo cadáver, e nada aparecía. Ata que unha se decata de que ese corpo do que fala El Confidencial non debería ser noticia: a terceira persoa, que faleceu a bordo do buque, non fora aínda evacuada. Era información coñecida. E se Gullón lle restou importancia é porque existen protocolos estritos sobre como xestionar situacións semellantes en altar mar. Toda prudencia é pouca.
A bordo do MV Hondius vai o galego Ricardo Hevia, quen embarcou na viaxe soñada para un ornitólogo coma el. Moitos dos cruceiristas eran apaixonados das aves, pois a ruta do barco percorría algúns dos lugares máis remotos onde avistar especies imposibles noutras latitudes. Así que, en certo modo, estamos a falar dunha expedición científica. De feito, a hipótese que baralla a OMS como orixe do gromo é o periplo dun matrimonio holandés —os dous primeiros falecidos— que viaxou por Arxentina, Uruguai e Chile na busca de aves. Talvez nesa viaxe estiveron nalgún lugar infectado, e o resto xa é historia.
O hantavirus é unha crise sanitaria con grandes diferenzas respecto á covid, pero entendo á perfección o medo. Palabras como máscaras, corentena ecadea de transmisión traen a nós os recordos dun trauma colectivo: o dun virus novo que irrumpeu bruscamente nas nosas vidas e paralizou a normalidade.
O gran risco que vexo nesta nova crise sanitaria, tal vez por defecto profesional, é a cantidade de información que se xera a cada minuto, que xesta un ecosistema favorable á sospeita, ao medo, a se nos están contando a verdade. O meu consello: acude sempre ás fontes oficiais e aos medios con traxectoria, respectables. Non te fíes do primiero reel. Detrás dunha noticia dun xornal como GCiencia, estamos nós, traballando para descifrar a verdade e, sobre todo, evitar o pánico. Como me dixo unha vez unha amiga, aínda que en circunstancias moi diferentes: “Detrás do medo non hai nada”.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.















