Fontes do Ministerio de Sanidade informaron a primeira hora deste martes que o español que deu positivo por hantavirus, tamén nunha segunda PCR, xa presenta síntomas, aínda que aseguran que se atopa “aparentemente estable e sen empeoramento clínico evidente”. Durante a noite, o pasaxeiro illado no hospital Gómez Ulla de Madrid manifestou febrícula e síntomas respiratorios. Este caso súmase ao positivo en Francia; o dunha muller que agora se atopa en estado crítico. O resto de pasaxeros españois deron negativo, tamén nunha segunda PCR. O cruceiro MV Hondius xa zarpou rumbo aos Países Baixos despois de atracar no porto de Granadilla, en Tenerife, por mor das dificultades meteorolóxicas e para realizar a evacuación de máis pasaxeiros. No barco aínda viaxan 27 persoas.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reuniuse este martes co director xeral da OMS, Tedros Adhanom. Advertiu que se poden producir máis nas próximas semanas debido ao longo período de incubación do patóxeno. En total, hai 10 casos notificados, dos que tres faleceron.
Corentena en Italia
O italiano, en corentena tras viaxar no voo de Johannesburgo a Ámsterdam no que coincidiu cunha das mulleres falecidas por hantavirus, está en corentena, mais non presenta síntomas, tal e como informara erroneamente a axencia de noticias ANSA. El mesmo o desmentiu nunha chamada telefónica.
16.18 horas do 12/05/2026. Actualizado ás 17.26 horas
García contabiliza 10 positivos por hantavirus tras o negativo do cidadán estadounidense
A ministra de Sanidade, Mónica García, acaba de anunciar en rolda de prensa que hai 10 casos de hantavirus; un menos que o que anunciaba a OMS a primeira hora da mañá deste martes. Isto débese a un cidadán estadounidense que deu “positivo débil” nunha das dúas probas que lle realizaron en Cabo Verde —nunha segunda deu negativo—. García confirmou que, tras realizar unha terceira PCR, tamén negativa, conclúese que non está contaxiado de hantavirus.
Os outros dous casos das últimas horas son os dunha muller francesa que comezou a ter síntomas no avión de evacuación e que está ingresada; así como un español illado no Gómez Ulla que deu positivo na PCR e ten “síntomas leves respiratorios”. García non descarta máis casos nos próximos días debido ao longo período de incubación do virus.
13.38 horas do 12/05/2026
O estadounidense que deu positivo “débil” dá negativo nunha segunda PCR
O Ministerio de Sanidade acaba de informar que o estadounidense que deu positivo “débil” por hantavirus nunha proba realizada en Cabo Verde acaba de dar negativo nunha segunda PCR.
12.11 horas do 12/05/2026
Unha segunda PCR confirma o positivo en hantavirus dun dos españois illados no Gómez Ulla
O Ministerio de Sanidade acaba de confirmar que un dos 14 españois illados no Gómez Ulla, e que presentou síntomas esta noite, deu positivo nunha segunda PCR, o que confirma a infección. Todos permanecen en corentena no hospital madrileño e o resto deron negativo na proba.
12.02 horas do 12/05/2026
A paciente francesa de hantavirus está en estado crítico
A paciente francesa que foi evacuada o domingo e está ingresada no Hospital Bichat de París está en estado crítico debido á infección por hantavirus. Os outros catro cruceiristas franceses deron negativo e están en corentena.
11.29 horas do 12/05/2026
Países Baixos decreta corentena para 12 sanitarios que atenderon un paciente con hantavirus
Unha docena de sanitarios do Hospital Universitario Radboud serán postos en corentena por precaución, xa que non se tomaron medidas estritas de precaución durante a extracción de sangue e o procesamento da urina dun dos pacientes con hantavirus do MV Hondius. Realizarán o período de illamento nos seus domicilios ata o 18 de xuño.
11.27 horas do 12/05/2026
A OMS eleva a 11 os casos de hantavirus e advirte de que se poden dar novos casos nas próximas semanas
O director xeral da OMS, Tedros Adhanom, elevou a 11 os casos de hantavirus, dos que tres faleceron e nove están confirmados mediante probas PCR. Así o informou nunha rolda de prensa tras a súa reunión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Adhanom tamén advertiu que, debido ao longo período de incubación do virus, pode que se detecten máis casos nas próximas semanas e que, a partir de agora, os países con pasaxeiros evacuados do MV Hondius serán “os responsables de supervisar e controlar” cada caso. Con todo, minimizou os riscos e apuntou o seguinte: “Agora mesmo non hai nada que apunte a que vaia haber un gromo maior”. Ademais, a OMS establece o período de corentena dende o 10 de maio ata o 21 de xuño.
10.26 horas do 12/05/2026
O español que deu positivo en hantavirus presenta febrícula e síntomas respiratorios
Un dos 14 pasaxeiros españois illados no Hospital Gómez Ulla de Madrid deu positivo este luns en hantavirus. Segundo informaron fontes do Ministerio de Sanidade este martes pola mañá, comezou a presentar síntomas durante a noite, aínda que se atopa “aparentemente estable e sen empeoramento clínico evidente”. Entre a sintomatoloxía, ten febrícula e síntomas respiratorias.
9.36 horas do 12/05/2026
Un español illado no Hospital Gómez Ulla dá positivo
Un pasaxeiro español illado no Hospital Gómez Ulla de Madrid deu positivo provisional en hantavirus na primeira proba PCR e non presenta síntomas. Nas próximas horas coñecerase o resultado definitivo, segundo informou Sanidade, que detallou que os outros 13 españois son negativos.
21.25 horas do 11/05/2026
O MV Hondius atraca en Tenerife polas difíciles condicións meteorolóxicas
A Capitanía Marítima acaba de recomendar á dirección de emerxencia que o MV Hondius atraque no porto de Granadilla, en Tenerife, polas malas condicións meteorolóxicas. Segundo o Ministerio de Interior, esta medida axilizará a partida do cruceiro cara aos Países Baixos. Tamén se traslada que a embarcación estará no porto o mínimo tempo posible para facilitar a evacuación dos pasaxeiros.
18.17 horas do 11/05/2026
O centro europeo de control epidemiolóxico non descarta a manifestación de novos casos de hantavirus
A directora do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC), Pamela Rendi-Wagner, manifesta a posibilidade que xordan “casos adicionais” de hantavirus nas próximas semanas entre os pasaxeiros e tripulantes do cruceiro MV Hondius.
Neste contexto, a muller de 32 anos, en seguimento nun hospital de Alicante por sospeita de padecer a enfermidade, someterase este luns pola tarde a unha terceira PCR, despois de que as dúas anteriores resultaran negativas. A paciente segue sen síntomas.
18:17 horas do 11/05/2026
García anuncia que 26 persoas continuarán no barco rumbo aos Países Baixos
A ministra de Sanidade, a través dunha mensaxe de Twitter, corrixiu as cifras achegadas esta mañá en rolda de prensa. Finalmente, 28 persoas desembarcarán esta tarde en Canarias para subir nun avión con destino a Países Baixos. Outras 26 continuarán no buque que se dirixe ao mesmo país.
15.53 horas do 11/05/2026
Sete casos de hantavirus confirmados pola OMS
A OMS confirma que, ata o momento, hai sete casos confirmados de hantavirus. O organismo internacional actualiza así o reconto, ao sumar un novo positivo rexistrado en Francia, pero non engade o caso sospeitoso de Estados Unidos.
15.43 horas do 11/05/2026
Sanidad informa de que os pasaxeiros que quedan no barco viaxarán a Países Baixos
A ministra de Sanidade, Mónica García, explicou en rolda de prensa que os 22 pasaxeiros que quedan no MV Hondius viaxarán en avión na tarde deste luns con destino aos Países Baixos. No cruceiro quedarían 32 membros da tripulación. García tamén explicou que ao longo da mañá se realizou a repostaxe do buque e que, cando o avión despegue e o MV Hondius zarpe, comezarán os labores de desinfección do porto. En canto aos 14 españois que están no Hospital Gómez Ulla de Madrid, a ministra anunciou que se atopan ben e que ao longo do día de hoxe estarán os resultados das PCR que se lles realizaron.
13.20 horas do 11/05/2026
Francia confirma un positivo en hantavirus entre os repatriados
A ministra de Sanidade francesa, Stéphanie Rist, confirmou que un dos repatriados do cruceiro MV Hondius deu positivo por hantavirus. Trátase dunha muller que presenta síntomas, que actualmente está a ser tratada nun hospital especializado en enfermidades infecciosas e cuxo estado de saúde empeorou nas últimas horas. Rist tamén explicou que se identificaron “22 casos de contacto próximo” en Francia, a quen se lles solicitou poñerse en contacto coas autoridades sanitarias. As probas dos outros catro repatriados do cruceiro deron negativas.
9.00 do 11/05/2026
Estados Unidos confirma un “positivo leve” en hantavirus e outro con síntomas
O departamento de Saúde dos Estados Unidos informou este domingo de que un dos 17 repatriados do cruceiro MV Hondius deu “positivo leve” na proba PCR da cepa dos Andes, e tamén presenta “síntomas leves”. Os pasaxeiros trasladaranse ao Centro Rexional de Tratamento de Patóxenos Emerxentes (RESPTC, polas súas siglas en inglés), no estado de Nebraska. Os que teñan síntomas “leves” serán enviados a un segundo centro deste tipo.
O secretario de Estado de Sanidade en España, Javier Padilla, matizou esta información en declaracións ao programa de TVE La Hora de la 1. Segundo explicou, un especialista do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) realizou test aos contactos de maior risco e un dos pasaxeiros estadounidenses deu “positivo débil. “Nón o consideramos concluínte”, declarou Padilla.
8.50 horas do 11/05/2026
O gromo de hantavirus declarouse no cruceiro MV Hondius o domingo 3 de maio, tras o positivo dunha muller que acabou falecendo en Sudráfrica. Outras dúas persoas morreron a bordo a causa da enfermidade infecciosa. Esta fin de semana levouse a cabo a repatriación dos pasaxeiros tras recalar o barco en Tenerife. Os 14 españois, entre os que hai un ornitólogo galego, están illados no hospital Gómez Ulla de Madrid, onde pasarán a corentena. Un deles deu positivo por hantavirus.














