Román Rodríguez: “A pandemia puxo enriba da mesa a necesidade de apostar pola ciencia”

O conselleiro de Ciencia defende a aposta do Plan de Investigación polas tecnoloxías da bioloxía, cuántica e verde: “Galicia non pode ser boa en todo”

Máis de 1.700 estudantes cursan estudos no CIFP Manuel Antonio de Vigo. Dende cociña, ata moda, pasando pola química. Unha longa lista de ciclos formativos que o converten nun centro laberíntico onde recibe a GCiencia o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Hai tan só un mes presentou o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 que, con 1.310 millóns de euros, pretende situar Galicia como referente da I+D+i. Rodríguez fala das súas implicacións para a ciencia e de como atraer talento e impedir a fuga de cerebros, pero tamén do fenómeno das universidades privadas e da relación entre a ensinanza e o galego que, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, deixou de ser por primeira vez a lingua máis falada do país.

—Foi difícil convencer os seus compañeiros de Goberno e o presidente da Xunta da necesidade dun plan de investigación e innovación como o que vén de presentar?

Publicidade

—O presidente Rueda foi un activo fundamental porque ten unha confianza plena na importancia que teñen a investigación, a innovación e o desenvolvemento como piares fundamentais para a Galicia do futuro. Se queremos ter futuro como sociedade e como país a nivel produtivo, económico e, en xeral, en todos os ámbitos, temos que estar constantemente mellorando. E para mellorar tes que estar constantemente innovando e investigando. Sobre todo nunha economía madura, como a galega. A investigación, a innovación e o desenvolvemento ábrennos moitísimas ventás de oportunidades e de futuro. Así o fai este goberno.

Ese é un valor básico que impregna toda a organización e que non só é unha cuestión da Consellería de Educación e Ciencia. Hai moita innovación nas de Industria, Medio Rural, Mar… A veces pensamos que a innovación só é o desenvolvemento empresarial, pero tamén está na xestión dos servizos públicos, na sanidade e na educación. Por iso era preciso que presentaramos un plan moi ambicioso pero, sobre todo, realista. Un plan que fixa os aspectos clave para ser competitivos a escala internacional.

Publicidade

Somos un país de 2,7 millóns de habitantes. Temos grandes potencialidades pero non podemos aspirar a ser bos en todo. Por iso unha das claves deste plan foi a especialización e a selección, escoitando o ecosistema, dos ámbitos nos que Galicia pode ser competitiva a escala internacional. Son tres ámbitos. O primeiro, a biotecnoloxía, en que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior potencial biotecnolóxico a nivel empresarial, de científicos e de centros de investigación. Tamén están as tecnoloxías profundas, que engloban a intelixencia artificial e as tecnoloxías cuánticas. En Galicia, por exemplo, temos no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) un dos computadores cuánticos con maior capacidade de cálculo do sur de Europa. E estámolo ampliando cun investimento de 56 millóns de euros. A terceira e última liña é a das tecnoloxías verdes. Por exemplo, a enerxía mariña.

É dicir, non podemos ser bos en todo. Decidimos deseñar un plan que permite que os nosos sectores económicos se poidan beneficiar dun traballo potente e que os seus produtos poidan ser competitivos a escala internacional. Por exemplo, Estrella Galicia recorre á computación cuántica. Aplícana ao seu proceso produtivo. E sen ir máis lonxe, tamén o fai Meteogalicia para facer os prognósticos.

O plan de investigación e innovación é necesario para ter futuro como como sociedade e como país

—Unha das patas do programa é a atracción de talento. Como se fai iso, máis alá dos salarios? Cales son as claves para recuperar os investigadores?

—A clave é deseñar unha oferta atractiva cunha perspectiva integral. É dicir, o salario é importante pero ten que haber unhas estructuras de investigación que posibiliten o desenvolvemento dos proxectos. Despois están as condicións de vida. Galicia é un dos mellores lugares para vivir. E creo que esa idea de Galicia Calidade é fundamental. Pensemos na seguridade, na paisaxe, na gastronomía, na calidade sanitaria e educativa… Son elementos que demandan moitos profesionais.

É máis, temos o proxecto da Fundación Galtia que, en parte, vai xerar un ecosistema de vida para os profesionais que queiran traballar connosco. Por exemplo, xestionar a escolarización, a procura de vivenda ou os trámites ante sanidade. É aí onde temos que traballar. O salario é importante, pero non é, nin moito menos, a única variable.

—Como vai funcionar esa fundación?

—Estamos desenvolvendo os trámites. A súa constitución non é doada pero contamos que estea lista a final de ano. Agora mesmo estamos na metade do proceso, xestionando a parte administrativa. A fundación en si vai funcionar como unha antena capaz de identificar investigadores que teñan un proxecto tractor e queiran vir a Galicia. Entón, fará unha oferta. A fundación será o ente contratante e será moi flexible para adecuarse ás características de cada científico. O que fará despois é conveniar coas diferentes estruturas de investigación para que poidan desenvolver o seu traballo. Por exemplo, o CINBIO, o CiQUS, o investigador X que queira traballar nunha área de investigación e de innovación que desenvolve algún destes centros.

O conselleiro de Ciencia nunha das aulas do CIPF Manuel Antonio.

É un traballo colaborativo. A fundación vai ter moitas personas e institucións vencelladas que traballen conxuntamente. É dicir, toda a rede CIGUS e os centros tecnolóxicos. Tamén centros de investigación como o Cesga. Aquí tamén é moi importante o impulso que nos dean estes centros. De feito xa sabemos, grazas ao contacto cos principais referentes da investigación en Galicia, que hai persoas interesadas en vir, que temos que empezar xa a traballar na adecuación das estruturas… En definitiva, un proxecto no que hai moitísima ilusión e no que están traballando e participando, aínda que non conste en ningunha parte do aparello administrativo, os principais investigadores que temos agora mesmo en Galicia.

—O plan foi aplaudido polos sectores relacionados co ámbito da ciencia pero tamén é certo que hai un substrato de escepticismo. Como o combatería?

—O tempo sempre dá e quita razóns. O tempo é o que nos dirá se un proxecto que se lanza vai cumprir cos seus obxectivos ou non. Este é un plan moi ambicioso. Foi unha criba para centrarnos naqueles aspectos nos que Galicia poida ser boa. Hai unha memoria económica de 1.300 millóns de euros. E hai unha serie de proxectos que apostan pola especialización e pola transferencia. Apostamos tamén por ser capaces de trasladar ao conxunto da cidadanía a importancia da ciencia, a investigación e a innovación en sentido global. Por exemplo, o nivel dos sevizos públicos en Galicia a nivel autonómico é moi bo. No que se denomina a compra pública innovadora que, basicamente, é mellorar os servizos públicos sanitarios, medioambientais, educativos… Somos os mellores de España.

Tamén queremos traballar no ámbito local. Por iso formulamos unha línea absolutamente novidosa: os plans locais de I+D+i. Aspirar a ser unha especie de guía para os servizos que se prestan no ámbito das administracións locais. Son tan importantes como a xestión de residuos, a xestión de agua, a mobilidade… Servizos que inciden directamente na calidade de vida das personas. Esa guía busca a aplicación da innovación e da modenización. É dicir, un mellor funcionamento.

Galicia ten que seleccionar: non podemos aspirar a ser bos en todo

—Cal debe ser o obxectivo de Galicia en investimento de I+D+i, tanto en ratio por habitante como por PIB?

—Galicia está comparativamente por debaixo das medias das rexións máis avanzadas. Pero non é menos certo que estamos medrando moito máis en investimento tanto público como privado que as rexións máis avanzadas. De feito, en 2024 fomos a comunidade autónoma onde máis medrou o investimento en I+D+i. Medrou case un 28% e a media española está nun 10%.

Temos que converxer e facelo rápido. Estamos nesa liña. Pero non é só investir, hai que facelo ben, con sentido común e criterio. E facelo naqueles sectores nos que pode haber un retorno en creación de emprego, no sector produtivo, en mellora da economía… Creo que, aínda estando por debaixo das rexións máis avanzadas, seguimos medrando.

—O ano pasado foi o primeiro que Galicia contou cunha consellería de Ciencia, co valor simbólico que iso ten. Que cambiou na sociedade, ou en Galicia? A que atribúe ese paso adiante?

—Foi unha decisión do presidente Rueda. Creo que cambiou a conciencia e a visión. Debemos apostar polo coñecemento como unha das claves para as dinámicas futuras da sociedade e da economía. Non hai moito tempo tivemos unha pandemia. Todos empezamos a mirar para os señores de bata branca que estaban nos laboratorios. Empezamos a poñer enrima da mesa o coñecemento como unha das claves fundamentais.

Tamén estamos vendo, e cada vez máis, que as empresas máis dinámicas parten da investigación, do coñecemento e, en definitiva, da ciencia. Todos sabemos que hai sectores maduros e sectores de futuro, innovadores, competitivos, dinámicos… e a inmensa maioría deles baséanse no coñecemento e na ciencia.

Pensemos na biotecnoloxía, nas novas tecnologías. Aí é onde vemos que a economía, a escala global, está tendo un maior percorrido. Por iso temos que apostar pola ciencia. Unha sociedade, unha economía, que non aposte pola ciencia é unha economía que está condenada a anquilosarse. Está condenada a ir pouco a pouco, a esmorecer, porque o teu competidor si o vai facer.

Por iso é moi importante traballar no presente pero pensando no futuro. A educación é o mesmo, formar os mozos de hoxe pensando no día de mañá. Isto é un pouco igual. Nesta consellería somos como os agricultores que van poñendo sementes. Sementes para o futuro, para o país. E na investigación todo o que se fai nun laboratorio, nun centro tecnolóxico e nunha empresa tamén son sementes. Sementes que xermolen, que xeren riqueza, desenvolvemento e emprego.

“Négome a que se responsabilice ao decreto da situación do galego”

—No ámbito das Universidades, hai pouco que se presentou o proxecto da Emilia Pardo Bazán, de carácter privado. Está a favor ou en contra?

—Non me gusta dicir se estou a favor ou en contra de nada, sobre todo de xeito preventivo. Unha universidade, esta ou outra carquera, ten uns procedementos para a súa constitución. Chamoume moito a atención a contradición dentro do PSOE. O Ministerio informou de forma claramente desfavorable á proposta. Non obstante, cargos moi representativo do socialismo galego están a favor. Iso xérame certa inquietude porque non se sabe ben a onde imos. En todo caso, constituír unha universidade ten unha serie de procesos que non se poden improvisar.

Non estou en contra da iniciativa privada. Ao contrario, celebro que, dentro dos estándares que se fixan, se poidan desenvolver os seus proxectos. Iso é positivo, sobre todo nun eido como o educativo. Temos que ver a universidade como un servizo que pode ser prestado polo sistema público ou privado. Unha universidade non é boa ou mala en si mesma por ser pública ou privada. O Ministerio informou claramente de forma desfavorable e a comunidade autónoma tiña como criterio que apoiaría o proxecto sempre que houbese un soporte previo do Goberno central, que é quen ten o marco competencial nesta materia.

—As universidades de Santiago e A Coruña manifestáronse claramente en contra do proxecto. Argumentan que a oferta da privada se solaparía coa pública e que, realmente, non hai unha demanda real.

—Iso é un clásico. A universidade pública ten unhas enormes capacidades e potencialidades. A universidade pública, como sector público, ten que competir e ten que intentar ser mellor. Ten que intentar apostar polas súas misións, pola investigación, pola docencia e pola transferencia. É habitual. Non creo que ningunha universidade pública en España se manifestara a favor dunha privada. Pero vivimos nunha sociedade libre, na que hai un marco legal. Afortunadamente pode haber iniciativa privada tamén no eido educativo como a hai na sanidade. A universidade pública galega ten que intentar ser mellor, apostar sempre pola excelencia, dar pasos cara a adiante e non ver o privado como un inimigo.

—Pero habería unha demanda real para cinco universidades en Galicia?

—Se hai persoas que queren arriscarse a facelo, é o seu problema. Eu, como conselleiro de universidades, teño que garantir que as públicas teñen o mellor financiamento posible. Afortunadamente contan cun dos plans de financiamento mellor estruturados e xenerosos de toda a universidade española. De feito, a universidade galega é a terceira de España en canto a financiamento por número de estudantes. E contamos cun plan plurianual que permite ás universidades planificar, organizarse e ter a certeza do que se vai ingresar, así como a autoxestión. Penso que estamos facendo un bo plan de financiamento e actualizando constantemente a oferta formativa.

Temos que ver as universidades privadas como algo positivo

—Cre que correría perigo a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), vinculada a Abanca e Afundación, se sae adiante o proxecto do goberno sobre as universidades privadas? En concreto, no que atixe a número de alumnos e investigación.

—Ese proxecto do goberno é un erro garrafal porque vai xerar un efecto perverso. Nace cunha fórmula ideolóxica inicial de reducir a oferta da universidade privada e, ao final, vaina incrementar. Por que? Ao meter un criterio cuantitativo e non cualitativo van estimular que as universidades privadas traballen para incrementar o seu número de alumnos e reduzan a especialización. Polo mundo adiante, nos países democráticos máis avanzados, hai universidades moi pequenas e moi especializadas que dan unha excelente formación. Eu creo que este goberno pensa moi pouco e en educación non pensa nada.

—Segundo os últimos datos do IGE, o galego xa non é a lingua máis falada de Galicia. A vista desta información, teñen pensado revisar o Decreto do Plurilingüísmo, que reduciu a presenza do galego no ensino do 50% ao 33%?

—Intentar xustificar ou ligar directamente a situación da lingua á ensinanza é unha visión moi simplista. Hai moitos máis factores, como o ámbito e as dinámicas sociais e os sistemas de comunicación. Dende a perspectiva comparativa, os datos dinnos que nos sistemas educativos nos que hai unha inmersión 100% nunha lingua non se conseguiu que os máis novos falasen nesa lingua. En Cataluña, por exemplo. O sistema educativo ten unha responsabilidade e creo que se está cumprindo, que é dotar de competencias lingüísticas o alumnado para que despois, en absoluta liberdade, use unha ou outra lingua, e tamén o inglés.

O decreto funciona partindo dos parámetros do equilibrio. Os alumnos de Galicia son os que teñen as competencias comparativamente máis altas, tanto lectoras como escritas, con outras comunidades autónomas con lingua propia. É dicir, a competencia dos estudantes galegos en galego, que é practicamente idéntica en castelán, é máis alta que a que teñen en Cataluña e o País Vasco. A responsabilidade de garantir a competencia, tanto escrita como oral, cúmprese absolutamente. Outra cuestión é lingua en que fales, que se fai en liberdade. Só faltaría que calquera administración lle diga a unha persoa en que lingua ten que falar. Sería un Estado de todo menos democrático. Négome e admitir que se responsabilice ao decreto da situación do galego.

Respecto ao inglés, o informe EF di que os alumnos galegos son os que mellor competencia en inglés teñen no conxunto de España. Co cal, as linguas propias están practicamente ao mesmo nivel e en inglés estamos entre os primeiros de España. Outra cousa é o uso que cada persoa lle dea ao idioma. Aí é onde temos que traballar, en fomentar o uso e en non impoñelo. A sociedade galega está moi por enriba destas cuestións. É unha sociedade dinámica que entende perfectamente o galego e o castelán. Hai outros elementos, como a chegada da xente estranxeira e os cambios culturais que tamén inflúen.

Vincular a situación da lingua á ensinanza é unha visión moi simplista

O decreto establece que as materias científicas débense dar en castelán, e non en galego. Vostede é conselleiro de Educación, pero tamén de Ciencia. Non lle gustaría que os estudantes galegos tiveran a oportunidade de estudar as materias científicas no noso idioma?

—Cando se fixo o decreto, selecionáronse unha serie de materias troncais e determinouse cales se ían dar en galego e cales en castelán para asegurar un equilibrio dentro do plan lingüístico. Naquel momento determinouse que as orientadas ás ciencias sociais se desen en galego e as de ciencias en castelán. A min o que me interesa como galego e como docente é que os alumnos manexen as dúas linguas e que teñan o mellor coñecemento posible, ben no ámbito social ou humanístico ou no científico.

—Por que o galego para as materias humanísticas e o castelán as científicas? Cales foron os criterios?

É unha cuestión do ámbito da sociolingüística e eu non son sociolingüísta. Foi un criterio que se propuxo no seu momento. Se non fose así agora estariamos falando do contrario. Ten que haber un equilibrio entre as competencias lingüísticas do alumno. Que saiba falar, ler e escribir. Iso está absolutamente conseguido.

—Fala vostede das altas competencias lingüísticas, pero a tarefa pendente continúa a ser falalo. Que pode facer a Consellería de Educación a este respecto?

—A Consellería de Educación ten unha responsabilidade pero hai outros departamentos da Xunta, como Política Lingüística e Cultura, cos que tamén hai que falar. A miña consellería garante o coñecemento pleno en ambas as dúas linguas cooficiais. Tamén inflúen a familia, a sociedade e a contorna. Non podemos cargar todas as dinámicas sociais sobre o sistema educativo, que ten unha función clara, e é dotar de competencias ao alumnado. Iso estase logrando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy