O castro do Castelo dos Mouros, en Ons, estivo densamente poboado durante nove séculos

Unha nova campaña arqueolóxica afonda no coñecemento sobre os asentamentos na illa entre a época castrexa e a romana

Ons é a única das illas do Parque Nacional que na actualidade continúa poboada. E máis que o estivo durante nove séculos. Entre a época castrexa e a romana contou con asentamentos no castro de Castelo dos Mouros, aínda que con diferentes formas de ocupar o espazo que, nalgúns casos, aproveitaban o que deixaban os anteriores moradores.

Así o confirman os resultados dunha nova campaña arqueolóxica realizada por investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, que contou co apoio económico da Administración autonómica.

Publicidade

Os traballos deron continuidade aos iniciados na terraza inferior do castro e, segundo os investigadores, achegan “importantes novidades” do acontecido na illa desde a idade de Ferro ata a época romana. Entre os séculos IV a.C e V d.C., a zona estivo “densamente poboada”, pero castrexos e romanos empregaron estratexias distintas.

Namentres que os castrexos ocuparon todo o espazo dentro da muralla, os asentamentos romanos concentráronse na parte baixa e na ladeira que descende ata O Canexol. Alí, intervencións previas xa foran quen de identificar restos de fábricas de salga de peixe.

Publicidade

Na Idade de Ferro, os poboadores de Ons construíron muros para acondicionar as terrazas nas que asentaron as estruturas. As sondaxes feitas nesta última escavación confirmaron a existencia de dúas cabanas redondeadas da Idade de Ferro. Tamén foron atopados materiais do século I a.C., pero non houbo rastro de materiais nin construcións da época romana nesta terraza intermedia.

Na inferior foron localizadas tres cabanas castrexas ás que se superpón “unha grande estancia de época romana”, segundo explica a directora dos traballos de arqueoloxía, Alba Rodríguez. Este feito permite comprender a maneira na que se sucederon as ocupacións do castro e como se foron aproveitando as estruturas que deixaban antigos moradores.

Tres épocas distintas

Deste xeito, os arqueólogos lograron probas de que Ons, durante eses nove séculos, tivo tres momentos de ocupación distintos. En primeiro lugar, o levantamento da muralla, previa ás castrexas, que leva a pensar que a poboación residía no seu interior en construcións feitas de material perecedoiro.

Logo foi o momento das cabanas castrexas sobre as que, máis tarde, se levantaría a casa romana. O achado dunha pequena parte dun edificio da época romana tamén leva aos arqueólogos a pensar que o asentamento destes ía máis aló do castro, chegando ata as fábricas da praia.

A escavación recuperou ducias de materiais arqueolóxicos, desde ánforas a cerámicas comúns e finas ou obxectos de bronce e ferro, que permitirán caracterizar as distintas fases da ocupación e os vínculos comerciais da illa, xa que se atoparon restos de ánforas de distintas procedencias. Tamén foron localizados ósos de animais e cunchas, que serán enviados para análise á Universidade de León e que permitirán acadar máis información sobre os hábitos alimenticios dos poboadores de Ons.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un minuto e moitas incógnitas: a nubosidade media nas últimas tres décadas foi do 30% para o 12 de agosto

O meteorólogo Benito Fuentes indica que as formacións baixas e unha cobertura do 35% son as principais ameazas para a observación

Un ensaio na Serra do Candán propón cambiar a disposición das colmeas para frear o ácaro que arrasa as abellas

A estratexia baséase en xirar as estruturas 90 graos para crear un ambiente máis húmido que axude a cortar a reprodución do parasito

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas