Enxeñaría molecular contra pragas: deseñan na USC plantas inmunes a fungos e bacterias

O proxecto europeo encabezado polo CIQUS empregará a bioloxía sintética para reforzar a resposta da cebada ás proteínas dunha enfermidade

Plantas con capacidade de resistir enfermidades. É o obxectivo dun proxecto europeo liderado por Beatriz Orosa, investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS). O campo de traballo será a ferruxe da cebada, un fungo común que forma pústulas vermellas nas súas follas e que causa estragos nos cultivos.

A meta é identificar as respostas das plantas ante axentes patóxenos para tratar de potenciar estes mecanismos. Orosa dedica parte das súas tarefas desde hai anos ao estudo da inmunidade das plantas, especialmente ao sistema de ubiquitinación. Desencadéase cando a ubiquitina, unha pequena proteína que actúa como etiqueta molecular, modula a resposta inmune das plantas ao unirse a outras proteínas para degradalas ou darlles unha nova potencialidade.

Publicidade

O proxecto SynUbL encabezado pola investigadora Beatriz Orosa detense na ligasa E3, unhas encimas que identifican con precisión as proteínas que deben ser marcadas con ubiquitina para, desta forma, asegurar que o proceso se desenvolva de forma controlada e selectiva.

“Imos estudar como as plantas foron mellorando a súa resposta de defensa contra novos patóxenos ao longo da evolución mediante o roteiro da ubiquitina e utilizar este coñecemento para crear encimas sintéticas que axuden a mellorar a resposta dos cereais a patóxenos aos que aínda son susceptibles”, explica a investigadora.

Publicidade

Ferruxe da cebada

O comportamento das ligasas E3 activadas durante a resposta inmune da planta será analizado en episodios de ferruxe da cebada. Pero non só iso, senón que deseñarán novas ligasas a través de bioloxía sintética con máis capacidade para activar a planta contra as proteínas do patóxeno.

Unha mellora na capacidade inmunitaria das plantas que pode ser clave para combater pragas e patóxenos, que provocan a perda do 40% da produción agrícola mundial cada ano. “Sempre me fascinou a capacidade das plantas para percibir, anticipar e responder rapidamente os cambios ambientais e aos patóxenos“, sinala Orosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas