Toleran mellor o estrés os polbos en catividade? Un estudo con selo galego di que si

Os investigadores aseguran que o achado que separa a resposta dos cefalópodos da dos vertebrados abre a porta a súa cría en acuicultura

O debate sobre a cría en acuicultura dos polbos suma unha nova páxina. Un estudo con participación galega vén de asegurar que o polbo común ten unha resposta ao estrés distinta á dos vertebrados. Unha conclusión que, para os asinantes do estudo publicado no American Journal of Physiology, podería ter implicacións á hora de xestionar granxas mariñas de cefalópodos.

A investigación levouna a cabo o grupo de Biotecnoloxía Acuática do CSIC en colaboración co Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science de Reino Unido e o Centro de Ciências do Mar do Algarve de Portugal. Con eles colaborou o Pescanova Biomarine Center, centro de investigación da compañía Nova Pescanova, promotora dun proxecto de acuicultura de polbos nas Illas Canarias que xerou controversia polas dúbidas sobre o benestar dos cefalópodos, un animal que, segundo diversos estudos, é quen de sentir dor e pracer.

Publicidade

O traballo conclúe que o Octopus vulgaris non produce corticosteroides, o que suxire que teñen unha resposta distinta á de vertebrados como peixes e anfibios. Mediante técnicas avanzadas de cromatografía líquida acoplada a espectrometría de masas, os investigadores comprobaron que o cefalópodo non xera cortisol, corticosterona nin cortisona.

Estas son as hormonas que se asocian á resposta ao estrés e á regulación osmótica nos vertebrados, especialmente en especies acuáticas que enfrontan cambios de salinidade. “A confirmación da ausencia destes compostos na hemolinfa destes animais respalda a hipótese evolutiva de que os polbos, como moluscos, carecen dunha resposta ao estrés mediada por corticosteroides, o que desafía os modelos vertebrados comunmente empregados como referencia”, sinala o investigador do CSIC Josep Rotllant.

Publicidade

Segundo os asinantes do estudo, este novo achado terá “implicacións clave” para o manexo da acuicultura de cefalópodos. Tamén abre novas portas para mellorar a súa conservación en contextos de cambio climático, xa que demostraron a produción de cortisol está asociada a procesos de adaptación a cambios na salinidade da auga.

Baixa salinidade

Un exemplo disto último estaría na elevada mortaldade de polbos nas rías galegas durante os episodios de intensas precipitacións que se viviron en Galicia no outono de 2023. “En especies que si producen cortisol, esta hormona cumpre un papel fundamental na regulación iónica, permitindo unha adaptación fisiolóxica a cambios osmótico”, sinala Rotllant.

Deste xeito, a carencia desta vía hormonal nos polbos indica a súa limitada capacidade de resposta ante baixadas rápidas de salinidade, o que compromete a súa homeostais e, polo tanto, a supervivencia. Un achado que cobra especial relevancia nun contexto de cambio climático no que os episodios extremos faranse cada vez máis frecuentes.


Referencia: Maskrey, B. H., Costas, C., Méndez-Martínez, L., Guerrero-Peña, L., Tur, R., García, P., … & Rotllant, J. (2025). Studies on cortisol, corticosterone, and 17β-estradiol indicate these steroids have no role in stress or reproduction in the common octopus (Octopus vulgaris). (Publicado en American Journal of Physiology-Endocrinology and Metabolism).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores