Informes dunha catástrofe: a tormenta perfecta que condenou o marisco en 2023

A baixa salinidade producida polos temporais de outono estragou un marisco vulnerado polas subidas das temperaturas do mar

As anomalías climáticas non son inocuas. A alteración do ritmo habitual dun ecosistema repercute nos seres vivos que nacen nel, os cales poden ser capaces ou non de acostumarse ás novas condicións. Porén, cando o seu hábitat sofre continuamente transformacións, é imposible frear o tren de secuelas. Os moluscos e bivalvos das rías galegas estanse asfixiando por un compendio de factores climáticos e antropoxénicos e, con eles, a economía que sustenta a miles de familias. As incesantes precipitacións que tiveron lugar o pasado outono roubáronlle ao marisco a salinidade que necesita para sobrevivir. Isto sumouse ás altas temperaturas do mar, o que resultou na tormenta perfecta para que agora, a Xunta de Galicia vexa necesario solicitar unha declaración de “zona catastrófica” destas áreas costeiras.

Entre outubro e novembro Galicia sumou máis de 30 días seguidos de chuvia. Tal abundancia de auga doce traduciuse en graves inundacións. O vento levantou o marisco cara á beira do mar creando alfombras de crustáceos mortos nas praias, unha imaxe que se repetiu en varias confrarías. Un informe do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) no que se basea a Consellería para solicitar ao Executivo central a declaración de zona catastrófica, apunta que ata durante 36 horas seguidas en novembro a salinidade máxima estivo en valores extremadamente baixos o que “podería desencadear mortalidades severas dos moluscos”. Estudos previos realizados na ría de Arousa confirman que salinidades por debaixo de 15 nun período de tres días consecutivos causan mortalidades de berberecho e ameixa babosa, dúas das especies máis afectadas neste contexto.

Publicidade

Cando hai exceso de auga doce, moluscos como a ameixa fina ou a xapónica “pechan as valsas e cesan a súa actividade”, apunta o documento. Con todo, cando os valores de salinidade logran voltar á normalidade, a recuperación dos bivalvos non é inmediata. De aí que moitos dos exemplares non dean a talla mínima para poder comercializarse nas lonxas por ser pequenos. O Observatorio Costeiro da Xunta, dependente do Intecmar, detectou o descenso de salinidade preto das desembocaduras dos principais ríos galegos: Eume na Ría de Ares-Betanzos, Tambre na Ría de Muros Noia, Ulla na ría de Arousa, Lérez na Ría de Pontevedra e Verdugo na Ría de Vigo.

Os Lombos do Ulla, na Ría de Arousa, é un dos principais bancos marisqueiros da comunidade, que xa foi pechado en 2021 pola baixa salinidade ao estar o produto estragado. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) tamén elaborou un informe solicitado pola Xunta de Galicia, e corroborou o “nivel crítico”, estimando unha mortandade para o berberecho do 76,5%; para a xapónica, un 25,1%; para a ameixa fina e babosa, do 44,2% e 87,9%, respectivamente. Con todo, o CIMA apunta que en total os volumes do stock do berberecho e ameixa xaponesa son semellantes aos rexistrados tres anos atrás. “A pesar das elevadas mortalidades o volume da poboación final permite, de non haber máis episodios de salinidades baixas, contar cunha poboación remanente máis elevada do esperado para a recuperación do stock en abril”, reza o sucinto informe.

Publicidade

O Intecmar repara nunha denuncia habitual do sector do marisqueo a pé sobre o aproveitamento por parte das hidráulicas das fortes precipitacións: a apertura dos encoros para elevar aos seus máximos a produción de enerxía. O documento do Instituto, a través das súas análises, conclúe que as baixadas “abruptas” de salinidade non están relacionadas co incremento do caudal medido entre a desembocaduro do río e os embalses de Touro e Portodemouros, o que significa que “non gardan relación co réxime de baleiramento de ditos embalses”.

Os Lombos de Ulla atópase na desembocadura do Ulla, á altura da illa de Cortegada. A Xunta de Galicia mediu aquí o pasado verán que as temperaturas da auga acadaron un valor de 24 graos e medio. Os informes elaborados non reparan nesta cuestión, tampouco nas baixas concentracións de carbonato cálcico, o composto responsable de formar as estruturas dos bivalvos.

En peche dende o 20 de decembro

As mariscadoras de Vilagarcía de Arousa levan en paro dende a semana do 20 de decembro, cando non puideron rematar a campaña de Nadal polos números tan preocupantes da ría. Coa chegada do bo tempo e da primavera, a presidenta da Agrupación de Marisqueo a pé de Carril, María Porto, alega que a situación sobre a salinidade “mellorou”. Con todo, as mariscadoras manterán o parón na actividade extractiva ata xullo, sen apenas esperanzas para a vindeira campaña. “Seguimos traballando, seguimos limpando e sementando, o único que non facemos é extraer marisco. A situación é dramática”, explica Porto. Na actualidade non están a percibir ningún tipo de ingreso, aínda que deben pagar a seguridade social. O Consello da Xunta anunciou hai uns días que as mariscadoras poderán recorrer a un paro temporal debido á falta de bivalvo. Segundo informou o goberno galego, publicarase nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia para compensar a aquelas persoas afectadas polo cese de actividade como “unha medida técnica de conservación”.

Sobre a petición de zona catastrófica, a Delegación do Goberno en Galicia apuntou que a Xunta non activou “ningún plan de protección civil en fase de emerxencia”, de maneira que non se valorou tramitar a solicitude da Xunta por “non cumprir cos requisitos básicos a ter en conta para consideralo como catastrófico”. Mentres tanto, as mariscadoras agardan, con incertidume, unha solución para o seu futuro. Na columna de auga dos Lombos a salinidade chegou case a marcar cero, o que activou á súa vez a conta atrás para que algunhas persoas decidan abandonar o mar. Na actualidade hai 1.544 permisos de explotación a pé (Permex), 1238 son mulleres, segundo datos do Instituto Galego de Estatística. Para cando volvan a principios de xullo, Porto cre que “non haberá moito que sacar” das praias, a pesar de levar paradas máis de seis meses.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Menos mal que non podemos regular as precipitacións, senón apañados iamos. Pero o que si se pode e debe facer é regular os caudais nos encoros, salvo que teñamos un goberno a nómina das eléctricas (cumpría coñecer posible existencia de contas bancarias desta tropa en paraísos fiscais). O asunto da regulación de caudais é un argumento recorrente á hora de xustificar encoros. Pero si é que, ademais, nen tramitar ben unha solicitude de zona catastrófica. Dan vergoña. Son unha panda de OKUPAS DA XUNTA e, xa se sabe, que cando os mediocres mandan os talentos sobran.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desplómase a captura de marisco en Galicia e este informe de Greenpeace explica as causas

A contaminación, o quecemento das augas e o aumento de especies invasoras supoñen un perigo para a continuidade da almeixa ou o berberecho nas costas galegas

Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento

O Ulla, un tesouro en perigo: Altri, Touro e todas as ameazas dun río esencial en Galicia

Os expertos sinalan o cambio climático, as plantacións de eucaliptos e os proxectos industriais como os grandes inimigos dun dos principais caudais galegos

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco