Sábado 20 Abril 2024

Mariñeiros de Arousa denuncian que o baleirado masivo de encoros afoga o marisco da ría

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa constatou que os niveis de salinidade da ría chegaron a cero nalgunhas zonas

Na segunda semana de xaneiro, a zona occidental de Galicia sufriu as maiores chuvias do inverno. Isto provocou que os encoros de case todo o litoral volvesen recuperar as súas capacidades habituais para a época e deixaran atrás as secas do verán. Porén, esas fortes precipitacións acontecidas arredor do día 15 de xaneiro nas concas hidrográficas dos ríos Ulla e Umia foron aproveitadas polas empresas Naturgy e Cortizo Hidroeléctricas, tamén, para abrir os encoros de Portodemouros e Caldas de Reis, respectivamente.

Estes momentos de grandes caudais son un momento atractivo no sector hidroeléctrico xa que eleva a máximos a capacidade de xerar enerxía. Mais dende a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) denuncian unha “falta de control absoluta” nestes baleirados e sinalan a responsabilidade compartida coa Xunta de Galicia. En repetidas ocasións ao longo dos últimos anos, a PDRA ten sinalado como “letal” para a biodiversidade da ría que o Goberno galego rebaixase a capacidade de sancións ás hidroeléctricas por este tipo de estratexias. Tamén reclaman controis estritos para regular estas prácticas “e non primar o negocio eléctrico sobre o do mar e a súa saúde“, destaca Xaquín Rubido, presidente da PDRA.

Publicidade

Segundo o testemuño de todas as asociacións profesionais e da sociedade civil que conforman a PDRA —incluídas confrarías de pescadores—, o que aconteceu desta volta foi que o baleirado provocou unha forte baixada da salinidade na columna de auga das desembocaduras dos ríos Umia e Ulla na ría “ata varios metros de profundidade”. Isto aconteceu ao mesmo tempo que baleiraron sedimentos dos encoros provocando a súa deposición nos bancos marisqueiros e afogándoos.

“Esta situación vén de vello, aínda que desta volta ten sido moito máis intensa que outras veces”

XAQUÍN RUBIDO, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

“Esta situación non é a primeira vez, vén de vello, que se produce aínda que desta volta ten sido moito máis intensa que outras veces”, lamenta Rubido e sinala a “pasividade” de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Augas de Galicia é a institución pública encargada de velar polo bo funcionamento dos encoros e ten a responsabilidade de obrigar ás empresas concesionarias a regular o seu baleirado mediante un protocolo preciso “para que non coincida coas mareas baixas e as intensas chuvias e haxa publicidade da súa actuación sobre un ben público: a auga dos ríos”, inciden dende a PDRA e a Confraría de Rianxo.

“Na actualidade existe unha previsión meterolóxica bastante precisa e non podemos atribuír a apertura dos encoros á falta de coñecemento senón máis ben ao abandono por parte da administración da súa obriga de regular, vixiar e sancionar o impacto do exceso de auga doce nos cultivos marisqueiros da ría“, seguen na PDRA. Aínda que están a consolidar os datos e en breve faranos públicos, é previsible que se vaia producir unha importante mortandade de bivalvos nunha ría xa de por si castigada por unha recorrente e documentada baixada da produción: “Levamos xa 12 anos seguidos como consecuencia do abandono das súas funcións da Consellería do Mar”, lamentan dende a plataforma.

Dende a Confraría de Rianxo e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa inciden que este tema está especialmente estudado polos investigadores galegos e internacionais e sinalan unha abundante bibliografía detallando os efectos nas distintas especies:

  1. En 2012 demostraron mortandades significativas en catro especies asociadas a baixadas de salinidade logo de choivas intensas nas inmediacións da desembocadura do río Ulla. (Parada et al., 2012)
  2. Tamén se probou en repetidas ocasións que a baixa salinidade diminúe a resistencia dalgunhas especies aos patóxenos (Reid et al., 2003).
  3. O impacto da regulación dos encoros tanto nas baixadas de salinidade como na deposición de sedimentos sobre os bancos marisqueiros está documentada (Parada et al., 2012; Álvarez et al., 2017).
  4. Algunhas especies (R. decussatus e R. philippinarum) poden paralizar completamente a súa actividade filtradora. O estrés producido pola baixa salinidade tamén incrementa o risco de depredación dos bivalvos, nomeadamente de C. edule e V. corrugata. A habilidade para voltar a escavar e soterrarse tamén se ve afectada en todas as especies e provoca mortandade por depredación. Os individuos que non morren a causa da baixada da salinidade ven diminuír o seu crecemento aínda que se recupere a salinidade. (Dominguez Fernández, Rula, Tese de doutoramento: Assessment of risks produced by extreme events on commercially important bivalves, 2021)

“Desde a PDRA denunciamos esta situación publicamente e imos remitir un escrito a Augas de Galicia reclamándolle sancións para as empresas concesionarias e indemnizacións para as confrarías afectadas. E outro escrito dirixido á Consellería do Mar pedíndolle que realice un estudo da mortandade ocasionada e apoie ás mariscadoras nas súas lexítimas reclamacións”, conclúen.

A Xunta di estar avaliando os danos

Segundo fontes da Consellería do Mar e en canto aos desequilibrios da salinidade das augas de Arousa, os técnicos da Administración están a avaliar o estado dos distintos bancos e “o impacto que neles poden ter múltiples factores como as inclemencias meteorolóxicas”. “De feito, os técnicos están a prestar apoio ás confrarías que así o solicitan e estanse a facer traballos naqueles bancos nos que xa se ten feita esa avaliación e é necesario actuar”, sosteñen dende a consellería de Rosa Quintana.

“Non obstante, é cedo para facer un balance e hai que agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos e a contar co informe detallado da situación que acheguen os representantes das confrarías en cada un dos casos”, argumentan. “A maiores, xa están publicadas no DOG distintas convocatorias de axudas para proxectos colectivos de mellora das zonas de produción e protección dos ecosistemas […] e poden ser empregadas polo sector para paliar os efectos dos temporais nos bancos marisqueiros”, conclúen dende Mar.

En Augas de Galicia defenden que actuaron de xeito adecuado: “Nos últimos días os encoros de Portodemouros e Caldas de Reis aliviaron ante as intensas choivas rexistradas, pero os caudais liberados foron inferiores ás achegas recibidas”. E engaden: “É preciso aclarar que os encoros teñen a capacidade de laminar as avenidas, é dicir, conseguen reducir as puntas de caudal de auga e amortiguar as crecidas nos ríos. Xestiónanse para evitar, na medida do posible, o desbordamento da canles dos ríos e, polo tanto, para evitar posibles danos ás persoas e aos bens”.

Unha ameaza para todas as rías galegas

Por se non abondara con estas ameazas, os vieiros que transita o planeta a nivel medioambiental tamén afectarán a esta e a todas as rías marisqueiras. Se as emisións de CO2 non decrecen (ou incluso empeoran) e a ralentización dalgúns dos procesos fundamentais na renovación das augas costeiras seguen o mesmo camiño, en apenas medio século, os organismos mariños que habitan a ría van estar sometidos a condicións críticas para a súa supervivencia. Como demostrou unha das últimas teses abaladas polo CSIC, de Daniel Broullón, será debido aos niveis de pH que se alcanzarán e, sobre todo, á baixa concentración que se espera do ion carbonato de calcio, que é de gran importancia para que moitos organismos xeren as súas estruturas. Nomeadamente, as principais especies obxectivo do marisqueo como a navalla, o mexillón ou a ameixa.

A explicación para entender a acidificación das zonas exteriores e parte das interiores é o proceso de captación de CO2 antropoxénico da atmosfera. O equilibrio entre a fotosíntese e a respiración, a precipitación e disolución de carbonato de calcio e os cambios nas achegas de auga doce e a irradiación solar identificáronse como os principais procesos que determinan a variabilidade estacional, para poder identificala e que non distorsionase o diagnóstico.

Todos estes achados mostran esencialmente as condicións dinámicas do sistema de CO2 nun ecosistema costeiro dominado por afloramentos. Trátase dun fenómeno oceanográfico que consiste no movemento vertical de masas de agua, dende niveis profundos cara a superficie. Entre outras cousas, isto dá orixe a zonas pesqueiras moi produtivas e a unha modificación substancial do clima nas zonas de emersión, tanto nas costas como nas correntes mariñas e as áreas que elas atravesan. Nalgunhas das rías está a acontecer que eses procesos de afloramento están reducindo a súa intensidade, polo que o proceso de renovación das augas internas é máis lento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ulla, un tesouro en perigo: Altri, Touro e todas as ameazas dun río esencial en Galicia

Os expertos sinalan o cambio climático, as plantacións de eucaliptos e os proxectos industriais como os grandes inimigos dun dos principais caudais galegos

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas

Un parasito infecta o 30 % dos berberechos do pulmón marisqueiro da Ría de Arousa

O CIMA recomenda pechar Os Lombos de Ulla para recuperar a produción e protexer as especies que non medraron

Gael e Prior: as candorcas que entraron na ría de Arousa nunca interaccionaron con barcos

Son dous exemplares irmáns de dez e seis anos de idade que, segundo os expertos, teñen "un carácter tranquilo e pacífico"