*Un artigo de

Nas sociedades desenvolvidas, a dor de costas adquiriu os trazos propios dunha epidemia e considérase uns os problemas de saúde máis relevantes. Afecta a máis do 80% da poboación nalgún momento da súa vida.

Para entender mellor este concepto, antes debemos facer as distincións oportunas, xa que ese tipo de molestias reciben un nome diferente segundo a parte das costas onde se experimenten. Os termos están formados unindo o sufixo –alxia (que significa dor) a cada unha das rexións vertebrais. Así, temos a cervicalxia, cando afecta á zona cervical (pescozo); a dorsalxia, se doe a a rexión dorsal; e a lumbalxia, na parte máis baixa.

É habitual atopar estas palabras en multitude de informes clínicos, pero realmente non corresponden a un diagnóstico: simplemente, estamos a indicar que hai dor nun rexión concreta.

Cando ten que preocuparnos?

A pesar de que case toda a poboación padecerá dor de costas nalgún momento da súa vida, afortunadamente non reviste gravidade na maioría de casos. Nunha gran porcentaxe, diminúe ao mes de iniciarse.

Os fisioterapeutas e médicos utilizan a expresión “bandeiras vermellas” (tradución da inglés red flags) para aqueles signos e síntomas que poderían delatar unha enfermidade grave na columna ou outra parte do corpo. Algúns sinais de aviso son experimentar alteracións sensoriais e musculares (formigos nos membros, perdas de forza, incontinencia urinaria…), perder peso sen xustificación, sufrir un golpe, sentir dor na rexión torácica ou ter febre.

Perder peso sen xustificación e as alteracións sensoriais poderían indicar un problema grave no lombo

Por iso, aínda que a dor de costas habitualmente sexa benigna, débese acudir a un profesional sanitario sempre que existan dúbidas. Mentres non haxa bandeiras vermellas debemos manter tranquilidade, porque non hai sinais de patoloxía grave.

Inflúe a maneira de afrontalo á súa evolución?

Os factores psicosociais, chamados “bandeiras amarelas”, son fundamentais para que a dor se prolongue durante moito tempo. É dicir, que se volva crónica.

Algúns exemplos de bandeiras amarelas son: adoptar unha actitude negativa (debemos ter presente que moita dor non é sinónimo de lesión grave ou incapacidade); deixar de realizar actividades físicas por medo ás molestias ou a que empeore o problema (a chamada kinesiofobia); pensar que os tratamentos pasivos son mellores que o exercicio; e enfrontarse por riba a problemas sociais, familiares ou financeiros.

Se me doen as costas, deberían facerme unha radiografía?

É unha decisión que debe ser tomada polo médico, porque as radiografías non son inocuas. A partir dos 50 anos resulta normal padecer procesos dexenerativos na columna ou alteracións nos discos intervertebrais, pero tamén o sofren persoas sen molestias.

Ao final, o diagnóstico deses achaques mediante probas de imaxe contribúe a sobremedicalizar os pacientes e aumentar o número de baixas laborais. A Asociación Internacional para o Estudo da Dor indica que a dor é inespecífica (non pode asociarse a un problema concreto) no 85% dos casos. Por iso, as radiografías adóitanse usar cando existen bandeiras vermellas.

Cales son os mellores exercicios para combatelo, segundo a ciencia?

Considerando todas as opcións dispoñibles, desde actividades específicas para unha zona a exercicios para todo o corpo, é difícil realizar un resumo sen deixar fóra información relevante. O fisioterapeuta prescribirao en función das necesidades e patoloxía de cada paciente.

Na lumbalxia de longa duración, a rede internacional de expertos Colaboración Cochrane indica que o exercicio terapéutico é máis eficaz que outras intervencións ou tratamentos, pero ningún programa demostra unha clara vantaxe fronte a outros.

Con todo, algunhas publicacións recentes si se aventuran a propoñer o pilates e os exercicios do método McKenzie (que se focalizan en movementos de extensión de costas) como destacables para aliviar a dor lumbar.

O exercicio terapéutico e un bo asesoramento incrementan o efecto da terapia manual

Na nosa investigación tamén observamos que o exercicio terapéutico e un correcto asesoramento do paciente incrementan o efecto da terapia manual.

Por tanto, son múltiples as alternativas que se ofrecen desde a fisioterapia. Moitos exercicios van encamiñados a mellorar a mobilidade da columna e ao estiramento de musculatura acurtada (por exemplo, dos músculos extensores do raquis, os isquiotibiais e o psoas-ilíaco). Outros buscan o fortalecemento e control adecuado da musculatura, sobre todo na zona central (os chamados músculos do core), así como a hixiene postural como medida preventiva.

Pero calquera actividade, desde a máis sinxela, resulta beneficiosa. A ciencia indica que camiñar reduce a dor e mellora a calidade de vida, á parte de previr condutas de evitación de movemento na lumbalxia crónica. Ademais, é unha das formas máis sinxelas e alcanzables de estar activos.

O importante é realizar unha actividade que sexa do agrado do paciente: o peor exercicio é o que nunca se fai.

Un grupo de persoas facendo exercicio. Crédito: Shutterstock / BearFotos

Podo facer deporte despois de sufrilo?

O sedentarismo, gran inimigo da nosa saúde en xeral, favorece que a dor de costas se alongue e xere maior discapacidade. Por iso, o repouso debe estar debidamente xustificado e limitarse ao tempo mínimo posible.

Non se demostrou que a práctica deportiva (de lecer ou de competición) faga reaparecer a dor de costas. Máis ben favorece que os beneficios do tratamento de fisioterapia se manteñan, sempre que se regulen a intensidade e a duración.

De calquera modo, deberemos escoller a disciplina adecuada e contar co asesoramento dun experto. É o caso da natación, cuxa práctica debe ser supervisada se nos decantamos polo estilo bolboreta. En ciclismo debemos axustar a posición para manter unha postura adecuada.

Non se demostrou que a práctica deportiva faga reaparecer a dor de costas

Se eliximos un deporte de equipo (fútbol, baloncesto…), o importante é ter en conta o contacto entre os participantes e os movementos repentinos e intensos. E no tenis, o saque ou o servizo é especialmente estresante polos movementos que esixe ás costas.

En canto á actividade de correr, xera impactos repetidos e estrés na columna lumbar na fase de apoio do talón, xa que soporta unha compresión que oscila entre 2,7 e 5,7 veces o peso corporal. Correr de forma intensa podería ser un factor de risco para a dor lumbar, pero facelo de forma moderada mesmo mellora calquera tipo de molestia das costas.

En resumo, a mellor formar de tratar a dor de costas é tranquilizar o paciente, insistir en evitar o repouso innecesario, controlar a sobremedicación e romper o sedentarismo.


*Lorenzo Antonio Justo Cousiño é profesor da Facultade de Fisioterapia e doutor en Neurociencia da Universidade de Vigo.

Cláusula de divulgación: Lorenzo Antonio Justo Cousiño non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.