Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

O grupo de Economía Pesqueira (EcoPesca) da Universidade de Santiago (USC) vén de publicar unha investigación na revista Marine Policy na que establece un método que senta un precedente para a análise, presente e futura,  do furtivismo marisqueiro en Galicia. O artigo asínano Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Llamas.

A natureza opaca da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada fai que os datos sobre capturas sexan escasos ou pouco fiables, o que dificulta a estimación do volume de pesca ilegal e do número de persoas que a practican. Para contrarrestar isto, os investigadores da USC utilizaron unha base de datos que permitiu adaptar un modelo estatístico e xerar un índice (CPUPE) que toma como principal input as sancións, única información oficialmente rexistrada sobre esta actividade. A metodoloxía utilizada permitiu realizar unha diagnose multiespecie (15 especies) cun alcance “pouco común” na literatura sobre pesca furtiva en pesquerías de pequena escala, “que tenden a centrarse nunha ou poucas especies”.

Publicidade

Deste xeito, os investigadores puideron realizar a primeira estimación do volume de furtivismo en Galicia empregando información formalmente rexistrada: entre 2012 e 2020 deuse un número medio de 1.766,2 furtivos por ano e extraéronse furtivamente 660 toneladas de marisco, unha cifra que marca “un limiar mínimo, polo que as cifras reais das capturas ilegais poden ser considerablemente maiores”, explica Hugo M. Ballesteros.

Reincidencia e superfurtivos

Estas estimacións achegan datos que permiten analizar as tendencias da pesca ilegal, establecer liñas de base de avaliación e pór de manifesto posibles melloras na loita contra o furtivismo. Á vez, o estudo contribúe a abrir marcos comparativos que melloren as estimacións incorporando máis e mellores datos e poñan luz sobre a evolución de variables esenciais da actividade furtiva como as especies obxectivo ou a reincidencia.

Publicidade

A este respecto, os investigadores observaron a existencia de individuos cunha altísima reincidencia —superfurtivos—, sendo as especies máis afectadas a ameixa cunha reincidencia promedio do 4,89, o berberecho (3,66) e o percebe (2,50).

Tal e como apuntan os autores do estudo, as características contextuais do furtivismo local resultan fundamentais para combater o marisqueo ilegal e en especial os furtivos reincidentes. “Por unha banda están os que encaixarían na necesidade de aplicar medidas coercitivas severas, que son aqueles que operan de maneira profesional, que fixeron do furtivismo a súa forma de vida e a súa principal fonte de ingresos consolidada”, indican. Estes furtivos, explican, “tenden a integrarse en redes de apoio, contar con cómplices, xeralmente familiares, que lles axudan a manterse á marxe da lei, actuando no seu nome para levar a cabo calquera tipo de actividade financeira, comprar bens ou contratar servizos”.

Mais tamén dentro dos furtivos reincidentes existen outros tipos motivados a practicar o furtivismo por falla de oportunidades, desemprego, desigualdade ou por atoparse en situacións de exclusión social. “Para eles, as simples sancións coercitivas, que non pagan, poden terminar sendo contraproducentes”, polo que habería que estudar outras solucións, segundo apunta Ballesteros.

Metodoloxía e dimensión do estudo

Aínda que as sancións son fundamentais para o cálculo de capturas ilegais, tan só ofrecen información dunha parte do furtivismo, o que é detectado e sancionado. Para cubrir esa fenda de información, os investigadores crearon outro índice a partir de 103 enquisas realizadas en 51 confrarías en Galicia respondidas na súa meirande parte por vixilantes, secretarios e membros da asistencia técnica. Complementaron a recollida de información analizando informes anuais de actividade de Gardacostas de Galicia e da Policía Autonómica.

En esencia, “o desafío de non ter datos foi abordado triangulando fontes de información, o que precisamente deu forma ao modelo estatístico que xera as estimacións sobre as cantidades de furtivismo en Galicia”, afirma.


Referencia: Estimating illegal catches in data-poor S-fisheries: Insights from multispecies shellfish poaching in galician small scale fisheries (Publicado en Marine Policy)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG