Martes 3 Decembro 2024

A borrasca Nelson activa a alerta en Galicia por chuvias, vento e temporal marítimo

A Semana Santa comeza con aviso laranxa por ondas de 7 metros en todo o litoral e amarelo por acumulación de chuvia de ata 40l/m2 en tan só 12 horas

A Semana Santa de 2024 estará protagonizada pola borrasca Nelson, que provocará precipitacións abundantes e intensas, refachos de vento de máis de 80km/h e un forte temporal marítimo. De feito, Meteogalicia activou o aviso laranxa en todo o litoral galego para as xornadas de mércores e xoves por ondas que poden acadar os 7 metros. Tamén hai alerta amarela en todo o territorio por vento e acumulacións de chuvia de 40 l/m2 en tan só 12 horas. Nelson, a décimo cuarta borrasca de alto impacto nomeada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), provocará “un temporal atlántico intenso, duradeiro e extenso”, en palabras do meteorólogo Francisco Martín León.

Nun artigo publicado no portal Meteored, o experto explica que a borrasca Nelson “é máis típica do inverno meteorolóxico” que da primavera. De feito, non descarta que se poidan acadar valores récord para o mes de marzo. Esta borrasca será especialmente potente porque as augas do Atlántico están máis quentes do normal, é dicir, son fontes de calor e de humidade que provocan máis intensidade nas precipitacións. “A situación vaise complicar bastante entre a segunda metade do mércores e o Venres Santo pola chegada dun río atmosférico que discorrerá sobre un Atlántico máis cálido do normal”, apunta o tamén meteorólogo de Meteored Samuel Biener.

Publicidade

Unha predición marcada pola inestabilidade

A situación de inestabilidade en Galicia mantense dende comezos de semana pero intensificarase ao longo da xornada deste mércores, cando a borrasca Nelson deixe notar os seus primeiros efectos. Segundo Meteogalicia, os chuvascos serán de “intensidade moderada e localmente treboentos”. No que respecta ás temperaturas, manterase por debaixo dos valores normais para esta época do ano. As máximas roldarán os 12 graos en todas as cidades galegas agás en Vigo, que acadará os 14. As mínimas estarán entre os 7 e os 8 graos en Ourense, Vigo e Pontevedra. Non obstante, no resto de cidades as mínimas serán máis baixas e variarán entre os 4 e os 5 graos.

As baixas presións situadas sobre as illas británicas seguirán exercendo a súa influencia sobre Galicia ao longo do xoves. Segundo Meteogalicia, as precipitacións serán máis abundantes, incluso localmente fortes, no sur. Isto débese, tal e como explica a meteoróloga Marta Almarcha en eltiempo.es, á chegada dunha fronte asociada á borrasca Nelson, que irá intensificando as precipitacións conforme avance a xornada, estendéndose por toda a vertente atlántica peninsular. En canto ás temperaturas, non experimentarán cambios significativos respecto ao día anterior. As máximas descendenderán moi lixeiramente, situándose nunha media de 11 graos para todo o territorio. As mínimas volverán estar entre os 6 e os 8 graos agás en Lugo, que baixará ata os 2.

Publicidade

Nelson seguirá enviando frontes moi activas a Galicia ao longo do venres, cando está previsto que se produza unha tormenta na franxa atlántica, segundo o prognóstico de Meteogalicia. O certo é que as chuvias serán intensas e abundantes en todo o territorio galego, pero tamén no centro e oeste peninsular. Malia que a partir deste venres a borrasca Nelson se vai ir debilitando, unha “extensa área de baixas presións” manterase sobre as illas británicas. Isto provocará que continúen chegando frontes a Galicia e, en consecuencia, a case todo o territorio peninsular. De momento, os prognósticos nun auguran a chegada de estabilidade e está previsto que abril tamén comece con chuvia e temperaturas frías para esta época do ano.

“Entre sábado e domingo, outra pequena baixa entrará previsiblemente polo Golfo de Cádiz con chuvias que irán avanzando de sur a norte”, apunta Marta Almarcha. Por tanto, pese a que os efectos da borrasca Nelson xa serán auga pasada, a fin de semana continuará a tónica de inestabilidade instalada en Galicia dende o luns. Así, o sábado haberá chuvias intensas e abundantes e o domingo serán máis intensas durante a primeira parte do día, cunha remisión evidente durante a tarde. Con todo, o comezo da vindeira semana non mostra símbolos de cambio e Meteogalicia prevé ata o mércores 3 que a probabilidade de chuvia acade o 90% en todo o territorio galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Caetano pon Galicia en alerta: estas serán as zonas máis afectadas

Meteogalicia activa o aviso laranxa no noroeste da Coruña e na Mariña lucense por temporal marítimo, con ondas de ata catro metros

Unha profunda borrasca desprázase cara a Galicia con refachos de máis de 80 km/h

A AEMET pide manter a precaución durante o mércores e o xoves polas ramas ou obxectos que se poidan desprender das zonas altas

A DINA esquiva Galicia pero deixa chuvias torrenciais en Cataluña, Valencia e Andalucía

Dúas semanas despois da maior catástrofe natural do século en España, un novo fenómeno adverso provocará fortes precipitacións no Mediterráneo

Galicia bate un récord histórico de temperatura con 25,3 graos na Coruña en pleno novembro

Pontevedra acadou o máximo valor con 26,8 graos nunha anómala xornada de calor en todo o territorio