Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento

Un equipo científico do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e do Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira (GEMM) descubriu unha nova especie de esponxa non catalogada ata a data. A especie foi identificada por primeira vez na ría de Arousa a 30 metros de profundidade mediante técnicas de mergullo. Trátase dunha especie pertencente ao xénero Biemna do que só se describiu anteriormente unha especie en augas galegas e cinco en augas europeas.

“A morfoloxía da nova especie é de forma de coxín semiesférico con numerosas proxeccións tubulares que emerxen da base, terminan nos ósculos que conducen a auga ao exterior despois de ser filtrada e presentan unha cor xeral vermello burdeos ou crema”, explica Javier Cristobo, investigador do Centro Oceanográfico de Xixón e primeiro autor do traballo. “O seu esqueleto característico está formado por espículas silíceas que son diferentes respecto a outras especies próximas”, apunta o científico.

Publicidade

Os exemplares atopáronse entre 20 e 30 metros de profundidade, en fondos duros detríticos, principalmente en superficies rochosas horizontais cubertas por finas capas de sedimentos. Os especímenes colleitados en xullo mostraron xemas reprodutivas ao longo das papilas.

O nome elixido para esta especie foi Biemna begonae en homenaxe a Begoña Pérez Dieste (1965-2021), entusiasta defensora do medio mariño e irmá dun dos coautores.

Publicidade

Este traballo foi posible grazas á colaboración do Instituto Español de Oceanografía, que a través do equipo de investigación ECOMARG estuda a biodiversidade bentónica na demarcación noratlántica a través varios proxectos de investigación, e a organización sen ánimo de lucro Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), creada en 2010 para mellorar o coñecemento sobre a fauna mariña das costas galegas. Grazas á súa constante actividade de mergullo atopáronse especies de gran interese e pouco coñecidas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vinte graos en maio

O clima aumenta a temperatura do mar en Galicia ata acadar valores anómalos no mes de maio. Por Andrea Veiga

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas