Luns 20 Maio 2024

Convivir no Bierzo con Crimea-Congo: “Chegan pacientes con carrachas prendidas á pel”

O enfermeiro Xosé Manuel Meijome leva 25 anos traballando na comarca leonesa, onde houbo tres casos entre 2021 e 2022

Unha persoa entra no centro de saúde Ponferrada 1 cunha carracha enganchada na perna. Alí aténdea o enfermeiro galego Xosé Manuel Meijome, que leva 25 anos traballando como sanitario na comarca leonesa do Bierzo. El encárgase de extraer o exemplar cunhas pinzas e, posteriormente, envialo a analizar. Os resultados determinarán se a carracha estaba infectada co virus de Crimea-Congo, o patóxeno causante dunha febre hemorráxica cunha taxa de letalidade que pode acadar o 40%. De feito, no Bierzo detectáronse tres casos entre 2021 e 2022, e un deles faleceu. “A xente está moi preocupada, pero non histérica”, di Meijome, que leva un ano traballando en atención primaria. Nas últimas semanas volveron saltar as alarmas pola publicación dun estudo que ratificou a circulación do virus en carrachas recollidas nesta comarca leonesa.

Meijome cre que dende os últimos dous anos —e coincidindo no tempo coa aparición dos primeiros casos desta febre hemorráxica no Bierzo— a poboación da comarca e, concretamente, a de Ponferrada, onde traballa, está cada vez máis concienciada. “Antes viñan á consulta coas carrachas esmagadas pero agora chegan con elas prendidas á pel. Para as análises, o mellor é collelas vivas”, explica o enfermeiro galego. Segundo continúa relatando, en Castela e León existe un protocolo estandarizado que deben seguir os sanitarios para recoller as carrachas, así como unhas pautas para facer un seguimento epidemiolóxico estruturado. Moitos dos pacientes que chegan a Meijome con picaduras ou, directamente, cos arácnidos enganchados, estiveron no perímetro urbano de Ponferrada, onde moita xente ten hortas, e onde se recolleron os exemplares do estudo publicado polo Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC).

Publicidade

Precisamente este mércores Meijome participou nunha sesión clínica organizada pola Xerencia de Asistencia Sanitaria do Bierzo sobre o virus de Crimea-Congo. Como resultado desta formación, o enfermeiro galego cre que hai que tomar a situación “con alerta, pero sen caer na histeria”. E recoñece que o que se pode facer a título individual para evitar a picadura dunha carracha é máis ben pouco, máis alá de empregar prendas longas, poñer o pantalón por dentro das botas e ter coidado cando se saia ao monte ou se faga sendeirismo. O que recomenda o sanitario é que as persoas se revisen minuciosamente ao chegar á casa e que se detectan unha carracha non a tiren, senón que a leven ao centro de saúde. Se pode ser viva, mellor, porque as análises ofrecerán datos máis esclarecedores.

Xosé Manuel Meijome na súa consulta do centro sanitario Ponferrada 1

“Quero reivindicar a miña profesión. As enfermeiras temos un papel moi importante no eido da saúde pública no rural e debemos saber transmitir á xente que a picadura dunha carracha non é unha parvada, ten os seus perigos e é necesario estar en alerta”, declara Meijome, insistindo en que o sentir xeral da poboación do Bierzo é de preocupación e concienciación acerca do virus de Crimea-Congo pero tamén doutras patoloxías que poden transmitir as carrachas, como é a enfermidade de Lyme, endémica en Galicia. O que reclama Meijome é que se fagan máis formacións dirixidas ao colectivo sanitario, e propón a elaboración de resumos visuais que expliquen como se transmiten estas enfermidades e cales son as medidas de precaución. O enfermeiro, en contacto con colegas que traballan en Santiago de Compostela, asegura que en Galicia é un tema que tamén está a preocupar os sanitarios.

“Co intercambio de coellos e ungulados entre O Bierzo e a comarca de Valdeorras, é probable que se se fai unha mostraxe os resultados sexan bastante reveladores”, sostén Meijome. Unha opinión que tamén se sustenta na ofrecida a Gciencia pola experta en Sanidade Animal da Universidade de Santiago, Susana Remesar. A investigadora da Facultade de Veterinaria declaraba nunha reportaxe publicada hai unhas semanas que é probable que o virus de Crimea-Congo xa estea en Galicia, precisamente, porque os animais portadores das carrachas non entenden de fronteiras. Con todo, os informes da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que depende da Consellería de Sanidade, non detectaron o virus en Galicia, aínda que se vén identificando a especie Hyalomma marginatum, principal transmisora, dende 2019.

Un patóxeno presente en 10 das 95 carrachas analizadas

O estudo do IREC levouse a cabo, precisamente, a partir da detección do primeiro caso no Bierzo. Tomáronse mostras en 2021 na área de Ponferrada pero os resultados non se publicaron ata este 2024. Segundo refiren na investigación, das 95 carrachas recollidas na zona periurbana da cidade, 10 delas deron positivo no virus de Crimea-Congo. “Unha das taxas de infección máis altas xamais documentadas”, sinalan os autores. Para a realización do estudo, o equipo do IREC percorreu 30 quilómetros a pé para identificar as especies presentes na zona e que poderían ser as responsables da transmisión do virus. Curiosamente, ningunha das que capturaron pertencía ao xénero Hyalomma, o único que, ata o momento, ten probado cientificamente que contaxia o patóxeno.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantos meteoritos impactaron contra a Terra? Descúbreo neste mapa interactivo

A ferramenta da NASA recompila a información recollida polos seus sensores dende 1988 e actualízase periodicamente

Últimas noticias sobre a busca científica da eterna xuventude

Existe un enorme interese na ciencia por entender o proceso de envellecemento co fin de retardalo ou, mesmo, evitalo

Descuberto un planeta xigante tan lixeiro como o algodón de azucre

O novo astro é un 50% máis grande que Xúpiter, pero con unha densidade aproximada á décima parte da do xigante gasoso

A regulación térmica das aves podería ter a súa orixe nos dinosauros do Xurásico

Un estudo da UVigo pon de relevo o posible vínculo entre o clima e a evolución dos animais prehistóricos