Luns 2 Decembro 2024

Un Nadal sen marisco?: “Desaparece moito máis rápido do que pensamos”

O sector reservou zonas para extraer moluscos e salvar a campaña nun contexto no que a produción vive as súas horas máis baixas

Hai 15 anos o biólogo José Pelayo Míguez tivo que analizar unhas ameixas da Coruña que contiñan uns grans minúsculos. Baixo o microscopio puido adiviñar estrañado de que se trataba: eran cangrexos pulga, unha especie cuxa disolución xeográfica remataba aproximadamente na metade do Sáhara Occidental. Este é un dos exemplos que emprega o biólogo para explicar os cambios que están experimentando as rías dende hai décadas derivados da sobreextracción de marisco e do cambio climático. A actividade antropoxénica que sofre o mar está manifestándose nunha brutal caída de recursos mariños. É por iso polo que as maiores observadoras da evolución dos moluscos e bivalvos, as mariscadoras a pé, case non chegan aos cupos que piden as lonxas e decidiron hai tempo reservar terreos para poder apañar a campaña de Nadal. Porque, de non facelo, non se podería ofertar ameixa no maior paraíso deste molusco, a ría de Arousa.

As mariscadoras de Carril tiveron un cese de actividade de seis meses. Unha conxunción de factores provocou que nas praias non houbese produto que apañar. Os paros biolóxicos pretenden a recuperación das zonas para salvar marisco, mais un dos grandes problemas radica en que, aínda que o animal sexa capaz de nacer, non é capaz de medrar. E como consecuencia, non dá a talla para poder ser vendido nas lonxas. “Os prezos están moi ben, pero claro, canto tes que pagar a ameixa galega para levala ao prato? 50 euros o quilo?”, explica Rita Vidal, mariscadora de Carril. Que é o que está matando o marisco? O biólogo José Pelayo nomea, en primeiro lugar, o déficil de carbonato cálcico. Durante 40 anos, Pelayo estudou a diminución deste elemento no mar de Galicia. A cuncha dos mexillóns está constituída entre un 95% e un 99% del, o que quere dicir que se este composto químico non está presente no mar non se pode formar.

Publicidade

En 1954 instaláronse as primeiras bateas nas costas do país. Dende entón, extraéronse millóns de toneladas de calcio que non se devolveron ao mar, como ocorreu nos bancos naturais do berberecho (Cardiidae) e dos distintos tipos de ameixa da ría de Arousa (a xapónica, Ruditapes philippinarum, a babosa, Venerupis corrugata, e a fina, Ruditapes decussatus) que están vivindo as súas horas máis baixas. “Son 70 anos de actividade e o calcio non se repuxo no sedimento mariño. As larvas de moluscos neste intre non atopan calcio suficiente para poder desenvolver a súa cuncha e vivir. Morren”, alega o biólogo. Sinala que este é un dos poucos ámbitos onde as administracións poderían “meter man” e levar a cabo medidas locais para recuperar os recursos. Non ocorre o mesmo cos efectos derivados do cambio climático, como pode ser a subida da temperatura do mar ou as baixadas da salinidade da auga polos temporais.

Afloramento das rías

O afloramento das rías é o fenómeno responsable da riqueza do marisco en Galicia. Renova as augas superficiais e achega nutrientes de masas de auga frías, mais estas correntes, en opinión de José Pelayo, están véndose afectadas polo cambio climático. “Existe unha variación na corrente do Golfo, que trae augas cara á costa do oeste de Europa. As augas están desprazándose cara ao norte e cada vez son máis cálidas. Este verán vimos case 3ºC por enriba da media de temperatura no interior das Rías“, continúa. Isto impacta directamente nas especies planctónicas. “É distinto o afloramento con 20 graos que con 24. Hai anos era distinto o afloramento de plancton na costa do Sáhara que o de Galicia. Agora xa non. Cambia todo e o marisco desaparece moito máis rápido do que pensamos”, puntúa. Segundo datos da Plataforma Tecnolóxica da Pesca, organismo dependente da Consellería do Mar, en 2021 recolléronse 158 toneladas de ameixa babosa. A media dos últimos 20 anos sitúase en 547.

Publicidade

Alicia Díaz é mariscadora en Rianxo e está vendo como o cambio climático está modificando os propios tempos dos animais mariños. O ciclo reprodutivo do marisco ten lugar entre maio e agosto. Con todo, hai uns días as mariscadoras observaron como tiña lugar a desova. “É un proceso natural da primavera ou do verán, pero non de mediados de outubro”. A temperatura da auga este verán acadou valores moi altos durante varios días, o que desencadeou sucesos como a morte masiva de navallas na praia da Lanzada. A Xunta confirmou que foron as augas cálidas as que acabaron co marisco, xa que, aínda que estes animais están afeitos aos cambios de temperatura, non foron capaces de sobrevivir neste ambente durante tantos días. E este é un dos grandes motivos que as mariscadoras achacan á caída da produción. Ademais, a subida da temperatura multiplica tamén as algas e estas estragan o marisco.

“O 50% da confraría non chega aos topes”

ALICIA DÍAZ, mariscadora en Rianxo

“Sempre houbo anos malos, pero non tanto como agora. A ría está mal. Falta controlar o que se bota ao mar, vemos día a día contaminación“, apunta a mariscadora Alicia Díaz. Comenta que en varias ocasións observou sosa e espuma na auga. E máis dunha vez atopou marisco “morto e coa boca aberta” por inxerir eses vertidos tóxicos. Esta situación impacta inevitablemente na economía das traballadoras do mar que observan día a día que non chegan aos cupos. “Os topes son de tres quilos para a ameixa xapónica, un de fina, un de babosa e un de berberecho. O 50% da confraría non chega aos topes”. Ao non conseguir o mínimo que esixen as lonxas, moitas persoas do sector deciden deixar o traballo e volver á terra. “De 4.000 mariscadoras quedamos 2.000. Non chegamos ao salario mínimo interprofesional nin alcanzamos os soldos para poder facer fronte aos pagos do seguro, semente e demais”, explica Rita Vidal.

Moitas mariscadoras fan 40 euros 10 días do mes. De maneira que ingresan 400 euros, pero teñen que pagar un seguro de 250 para poder recoller moluscos. Nas praias, as expectativas non son boas. A crise de marisco vívese en moitas agrupacións: Arousa, Poio, Vilaboa, Cabo de Cruz, Rianxo e Arcade. De momento, o sector do marisco bota en falta explicacións por parte das administracións. “O que nace, morre, e non investigan as causas. Eu doulle un ano a este sector”, considera Rita Vidal. Nestes momentos, a maior parte do marisco que hai na praia é aquel que naceu das cotas de semente que pagan as mariscadoras. Ou tamén, aquel que se atopa nalgunha zona que se deixou descansar. Co tren de borrascas que afecta a Galicia dende hai dúas semanas e que afectará nos próximos días, as mariscadoras non saen traballar. Teñen medo de tocar os bivalvos e que morran e estragar a campaña de Nadal. O único que de momento poden asegurar é que a caída de marisco é unha tendencia que avanza a pasos axigantados.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Á marxe das cuestións relativas ao cambio climático, e aqueloutras relativas ao tempo meteorolóxico adverso, e aínda que o déficit de carbonato cálcico non parece que teña que ver coa contaminación das rías, sería interesante coñecer cantas poboacións costeiras dispoñen de sistemas de depuración axeitados das súas augas residuais, e en que condicións depuran as que existen. Igual levamos máis dunha sorpresa.
    Sería un interesante traballo de investigación xornalística

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O marisqueo a pé, un paradigma da sostibilidade

As pegadas de carbono e hídrica desta actividade son moi baixas a causa da súa natureza puramente artesanal

Desplómase a captura de marisco en Galicia e este informe de Greenpeace explica as causas

A contaminación, o quecemento das augas e o aumento de especies invasoras supoñen un perigo para a continuidade da ameixa ou o berberecho nas costas galegas

Informes dunha catástrofe: a tormenta perfecta que condenou o marisco en 2023

A baixa salinidade producida polos temporais de outono estragou un marisco vulnerado polas subidas das temperaturas do mar

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco