Un parasito infecta o 30 % dos berberechos do pulmón marisqueiro da Ría de Arousa

O CIMA recomenda pechar Os Lombos de Ulla para recuperar a produción e protexer as especies que non medraron

Este ano está sendo especialmente complicado para as confrarías da Ría de Arousa. A produción de bivalvos, agravada polos últimos temporais, non levanta cabeza. Un informe do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta (CIMA) sobre a saúde dos exemplares dos Lombos de Ulla —considerado o paraíso marisqueo da ría— apunta que o 30 % do berberecho (Cardiidae) está contaminado polo parasito Marteilia cochillia. Isto explica a elevada mortandade do marisco, incentivada tamén polos episodios de salinidades baixas. O documento contempla os danos nas ameixas polo réxime de ventos e a tendencia do descenso da fluorescencia ligada á cantidade de fitoplancton na columna de auga rexistrada na serie temporal. Non é a primeira vez que este parasito infecta o marisco das Rías Baixas.

Os Lombos de Ulla debería ter producido suficiente marisco para a campaña do 2023-2024, unha zona extractora que xa se pechara o pasado xaneiro pola delicada situación de stock. O peche deste banco realizábase co obxectivo de recuperar a produción, mais o marisco que consegue sobrevivir non dá a talla comercial. A Xunta apunta que a prevalencia do parasito M. cochillia así como a súa densidade, 2.000 ind/m, “xustifican plenamente a mortandade elevada do berberecho”, ademais das salinidades baixas —houbo dous episodios durante o inverno 2022-2023 que estragaron tamén a ameixa xapónica—. O parasito invade o corpo dos bivalvos e mátaos por inanición ao impedirlles facer a dixestión.

Publicidade

No referente ao Bohído, a produción de ameixa babosa indicou na serie histórica tres valores mínimos: en 2005, 2018 e na campaña de 2022 e 2023. “Desta maneira, o valor mínimo de stock desta especie coincide co mínimo de stock de berberecho e ameixa xaponesa nos Lombos de Ulla”. En Cabío tamén se identifica unha diminución da ameixa babosa (Ruditapes decussatus) e ameixa roxa (Venerupis Rhomboides). Esta última atópase en mínimos históricos.

Este informe do CIMA foi realizado para o proxecto do Plan de Marisqueo da Consellería do Mar que está pendente de se aprobar. A Xunta apunta que se os paróns na actividade marisqueira prosperan, poderían “supoñer unha recuperación dos mesmos”. Deste xeito, o goberno autonómico informa que Os Lombos de Ulla ten previsto paralizar a extracción debido aos episodios de salinidades baixas e as mortandades causadas de maneira recurrente por mor do parasito M. cochillia. “A relación do esforzo pesqueiro entre os tres barcos ten incrementado a presión pesqueira sobre O Bohído e Cabío con stock disminuídos por mor das condicións océano-meteorolóxicas”, apunta o documento da Consellería do Mar.

Publicidade

Deste xeito, o CIMA recomenda a suspensión da campaña marisqueira para protexer as especies que aínda non medraron o suficiente como para ser comercializadas e así conservar esta produción para a próxima campaña. As esperanzas están postas na recuperación das poboacións. Estas medidas de conservación extraordinarias prohíben a actividade marisqueira de maneira temporal. En varias ocasións, o parasito Marteilia cochillia devastou os bancos marisqueiros das Rías Baixas, a primeira aconteceu en Arousa en 2012, aínda que tamén houbo episodios na Ría de Pontevedra e parte da Ría de Vigo.


Referencia: Proxecto Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

Un novo proxecto científico busca recuperar a comercialización da volandeira na ría de Vigo

O estudo VOLARIA do IEO-CSIC investigará as causas biolóxicas e ambientais da acumulación de elevados niveis de chumbo no bivalvo

Aristóteles abriu un mexillón fai 2.000 anos… e viu algo que seguimos a estudar hoxe

Grecia foi pioneira da bioloxía mariña ao anticipar séculos de investigación sobre proteínas adhesivas e ecoloxía dos bivalvos

Detrás da elevada mortalidade do berberecho: este é o principal patóxeno en Galicia

O último informe publicado polo Intecmar revela que a 'Marteilia cochinillia' é o parasito que máis afecta a este molusco bivalvo dende 2012