Dous proxectos de investigación realizados por científicos galegos veñen de ser recoñecidos nos prestixiosos premios Ennova Health, organizados por Diario Médico e Correo Farmaceútico. Trátase de REDILE e NEmecum, desenvoltos por equipos de investigación do Hospital Universitario Lucus Augusti e pola Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia do Hospital Universitario de Santiago (CHUS), respectivamente. Ámbolos dous proxectos foron premiados na categoría de Transformación Dixital dos citados galardóns.
REDILE é un proxecto centrado na rehabilitación dixital en trastornos da linguaxe a través da intelixencia artificial. O obxectivo é reducir as listas de espera nas consultas de otorrinolaringoloxía infantil e acelerar o proceso de rehabilitación mediante a incorporación de intelixencia artificial. Segundo sinala Frank Betances, coordinador do proxecto e otorrinolaringólogo especialista en xordeira e linguaxe infantil, o proxecto aposta por dixitalizar todas as ferramentas de seguimento da consulta e conseguir transformar o fogar nun centro de rehabilitación continuo, grazas ao asesoramento virtual dos pais. Deste xeito a familia convértese no centro do proceso de rehabilitación.
O obxectivo principal do proxecto é converter os pais e nais nos principais facilitadores do proceso de rehabilitación dos seus fillos, devolvéndolle á familia o seu importante rol na adquisición da linguaxe e, polo tanto, en elemento iniciador da socialización. Asemade, favorécese o uso racional dos recursos das unidades de atención temperá, co fin de axudar os logopedas a conseguir unha verdadeira valoración obxectiva da evolución dos pacientes (grazas ao rexistro dixital) e lograr que todas as intervencións sexan individualizadas e adaptadas á situación específica e recursos familiares de cada paciente.
“Non é suficiente con colocar un audiófono ou implantar o neno e esperar que a capacidade auditiva se desenvolva espontaneamente”, explica Betances. A abordaxe individualizada promove, acelera e incrementa os beneficios que os cativos poden recibir co audiófono ou o implante e ademais os pais desempeñan un rol esencial na estimulación temperá ao interactuar de forma continua con eles. “A nosa intención é traballar nas unidades de atención temperá e despois estender a súa aplicación á neurorehabilitación de trastornos neurolóxicos que afectan a linguaxe, por exemplo a rehabilitación da fala despois dun ictus ou o parkinsonismo que tamén pode afectar a fala”, explica o investigador.
“O noso proxecto busca aproveitar ao máximo o período crítico de desenvolvemento da linguaxe mediante a rehabilitación dixital teledirixida controlada por intelixencia artificial”, sinala o investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), “ademais de mellorar os resultados e a experiencia dos nenos, achegaría os servizos de rehabilitación ás zonas más afastadas dos centros de rehabilitación e faría, en última instancia, máis eficiente o noso sistema de saúde”. O plan de traballo prevé a extensión do proxecto a toda Galicia nun prazo de dous anos. “Polo de agora estamos a traballar para validar a plataforma na unidade de atención temperá do HULA pero a medio prazo podería estenderse ás unidades de atención temperá de hospitais con prazas vacantes como o do Barco de Valdeorras”, indica Betances.
A aplicación ou plataforma cloud propón unha zona de acceso aos profesionais para monitorizar a actividade global, unha zona onde poderán dar de alta a pacientes ou realizar diagnósticos; e outra área para os pacientes, onde poderán acceder ás probas, entre outras funcións. O desenvolvemento da aplicación corre a cargo dunha empresa de Lugo chamada Trustynet, pola súa banda Lucustech encárgase do desenvolvemento de software e hardware, cunha ampla experiencia en proxectos enfocados ao sector sanitario.
Nutrición artificial con NEmecum
Pola súa banda, NEmecum, desenvolta por persoal investigador do CHUS e o IDIS, está enfocada en diminuír a desnutrición, un problema recoñecido nos pacientes hospitalizados, especialmente nos críticos. Actualmente uns 2.500 pacientes da área de Santiago de Compostela reciben atención farmacéutica para ter nutrición enteral en diferentes patoloxías e condicións (persoas maiores con malnutrición, pacientes de cirurxías, con problemas de deglutición ou absorción, así como pacientes pediátricos con necesidades especiais e enfermidades metabólicas conxénitas).
A variedade de fórmulas de nutrición e lactación artificial utilizadas nos hospitais para a suplementación en pacientes con necesidades específicas é moi amplo. Ao contrario que cos medicamentos, para estes produtos nutricionais non existe un formato estándar de presentación da información, o que dificulta a búsqueda de datos concretos das fórmulas e imposibilita, en moitos casos, a comparativa entre as mesmas.
Co fin de solucionar este problema, os investigadores da Unidade de Investigación é Innovación do Servizo de Farmacia de Santiago do IDIS, en colaboración co Servizo de Endocrinoloxía e Pediatría do mesmo centro, crearon NEmecum, unha web convertible en aplicación que pretende converterse na ferramenta de referencia no campo da nutrición artificial.
O obxectivo desta nova ferramenta é revolucionar a maneira de busca tradicional das fórmulas de nutrición enteral, oral e lactanción artificial, dixitalizando a información. Isto permitiría o acceso á mesma polos profesionais sanitarios de maneira aberta, independente e estruturada, para que este poida seleccionar a mellor opción para cada paciente. Actualmente, permite comparar máis de 800 fórmulas de 31.000 parámetros distintos.
A nutrición artificial xera un alto impacto económico para o Sistema Nacional de Saúde, no CHUS dispénsanse más de 90.000 envases ao mes, sendo aproximadamente o 8% para pacientes ingresados e o 92% para pacientes ambulatorios. De aí a necesidade de contar con novas ferramentas para a consulta e a selección óptima e máis eficiente para cada paciente.
Utilizada en máis de 80 hospitais
Ademais, NEmecum está pensada para ser adaptada ás necesidades de cada centro. Actualmente, xa conta con máis de 1.400 usuarios e máis de 80 hospitais distribuídos por todo o territorio nacional, entre os que se atopan grandes centros como son o Vall d’Hebron, Gregorio Marañón, La Paz, así como os hospitais galegos do Sergas.
O proxecto final conta co aval de numerosas sociedades científicas que colaboraron no deseño inicial e na posterior divulgación: Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Asociación de Enfermeiras de Nutrición e Dietética, Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición, Asociación de Médico Galegos, Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña e a Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias.
A ferramenta NEmecum está impulsada principalmente por investigadores do IDIS e farmacéuticos do Servizo de Farmacia: Iria Varela Rey, Cristina Mondelo, Enrique Bandín, Anxo Fernández, Irene Zarra e Miguel González. Ademais da colaboración dos servizos de Endrocrinoloxía e Pediatría, xunto ao equipo de enxeñeiros informáticos de Lapisoft, con gran experiencia no campo biosanitario.