Unha investigación detecta na poboación de Lugo niveis baixos de selenio, un nutriente esencial

O estudo da USC e do hospital lucense revela que as persoas con mellores concentracións do micromineral adoitan presentar dietas máis equilibradas e maior consumo de peixe e legumes

O selenio, ferro e o cobre son microminerais, é dicir, nutrientes esenciais para o funcionamento do organismo. Aínda que se precisan pequenas cantidades, a súa deficiencia está implicada en diferentes doenzas. O proxecto de micromecenado Minerais contra o cancro, impulsado pola Universidade de Santiago (USC) e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), lanzou un estudo con arredor de 500 persoas sas da provincia de Lugo. A investigación concluíu que o selenio está en niveis baixos en máis da metade dos participantes, especialmente nas idades máis avanzadas.

A iniciativa desenvolveuse a partir de mostras de sangue e información detallada sobre hábitos de vida e alimentación a través de enquisas epidemiolóxicas e nutricionais. Nas mostras de sangue analizáronse 14 elementos traza, incluíndo microminerais esenciais —como ferro, zinc, iodo e selenio— e elementos tóxicos —como mercurio, chumbo ou cadmio— empregando técnicas analíticas de alta precisión. Este traballo deu lugar á tese doutoral de Inés Rivas Fernández e, segundo trasladaron este xoves en rolda de prensa, os resultados constitúen unha “base sólida” para comprender mellor o estado mineral da poboación.

Publicidade

De todos os micronutrientes analizados, o selenio é o máis vulnerable. “Aínda que se trata dun nutriente esencial implicado en procesos antioxidantes, inmunitarios e metabólicos, unha proporción relevante das persoas participantes presentou niveis relativamente baixos”, explican dende o proxecto. Observouse tamén que certos elementos tóxicos, como o mercurio, o chumbo e o cadmio tenden a acumularse co envellecemento, aínda que na maioría dos casos se manteñen en niveis baixos.

O patrón alimentario

Cando se analizaron os patróns alimentarios, observouse que as persoas con mellores niveis de selenio adoitan presentar dietas máis equilibradas, caracterizadas por un maior consumo de peixe e legumes, así como unha menor inxestión de graxas. Tamén se identificou unha asociación entre os niveis de selenio e o consumo de froitos secos. Pola súa banda, o peixe emerxeu como un dos principais determinantes dietéticos, asociado tanto a niveis máis elevados de selenio e iodo como a unha maior exposición a arsénico e mercurio, reflectindo o seu dobre papel como alimento nutricionalmente valioso e, ao mesmo tempo, como potencial fonte de contaminantes.

Publicidade

Os datos obtidos confirman a importancia de avaliar o estado dos microminerais directamente a través de biomarcadores no sangue, máis alá das estimacións dietéticas tradicionais. Este enfoque permite detectar deficiencias subclínicas e exposicións ambientais de forma temperá, antes de que se manifesten problemas de saúde evidentes.

“A vulnerabilidade do selenio na nosa poboación pon de manifesto a necesidade de deseñar estratexias nutricionais baseadas na evidencia científica, que melloren a súa achega a través da dieta sen incrementar o risco asociado á exposición a elementos tóxicos”, sinalan. Estes resultados teñen “implicacións relevantes” en termos de prevención, saúde pública e envellecemento saudable, afirman.

Futuros proxectos

Mineiras contra o cancro é un proxecto liderado pola profesora da USC Marta López Alonso e o grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Na actualidade, o equipo está a desenvolver proxectos centrados na relación entre o estado dos microminerais, o microbioma e determinados tipos de cancro, coa finalidade de comprender mellor como estes factores interactúan na aparición, progresión da enfermidade e na resposta aos tratamentos.

Así mesmo, estase a traballar no deseño de novos proxectos de investigación orientados a outros tipos de cancro e a outras patoloxías crónicas nas que estudos realizados noutros países xa teñen descrito asociacións entre o status de determinados microminerais e o risco, a evolución ou o prognóstico da enfermidade. Este aspecto resulta especialmente relevante en persoas de maior idade, nas que os desequilibrios de microminerais poden estar implicados en procesos como a deterioración funcional, a inflamación crónica e a perda de capacidade de resposta fronte a situacións de estrés ou enfermidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS