A existencia dunha estreita relación entre determinadas deficiencias minerais con algúns tipos de tumores motivou a creación do proxecto Minerais contra o cancro, unha iniciativa de ciencia solidaria que ten por obxectivo investigar en profundidade o cometido que poden desenvolver os microminerais en pacientes oncolóxicos. E tamén valorar se o seu emprego como suplemento complementario das terapias convencionais de quimioterapia e radioterapia axuda a mellorar o prognóstico.
O estudo, con base en Lugo e realizado por un equipo multidisciplinar formado polo grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), busca a cooperación da cidadanía a través de doazóns de sangue e apoio económico mediante a plataforma de micromecenado Precipita, da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).
A suplementación, unha posible axuda
A inexistencia de datos sobre os niveis minerais en poboación sa en España levou a este grupo de traballo á necesidade de establecer nunha primeira fase da investigación o perfil mineral dunha persoa sen enfermidade. “A idea é establecer uns valores normais, e en función diso, estudar como se pode implementar a suplementación para corrixir deficiencias”, sinala Marta López Alonso, coordinadora do proxecto e profesora na área de Patoloxía Animal na Facultade de Veterinaria.
A suplementación da dieta con minerais constitúe unha ferramenta eficaz para previr enfermidades causadas por estes compoñentes ou a súa deficiencia
Pescudas recentes probaron que a suplementación da dieta con minerais constitúe unha ferramenta eficaz para a prevención de enfermidades específicas causadas por minerais ou, no seu caso, pola súa deficiencia, que segue a representar unha elevada casuística en todo o mundo. Trasladado a pacientes oncolóxicos, estudar o seu nivel de microminerais durante todo o proceso (tendo en conta a inflamación sistémica e a baixada de defensas) posibilita “darlles un suplemento a medida” que poida axudar a diminuír os efectos secundarios da quimioterapia e a radioterapia, mellorando a sua calidade de vida e o seu prognóstico.
Os microminerais que contribúen á defensa antioxidante, principalmente selenio e zinc, mostran niveis baixos en sangue neste perfil de pacientes. De feito, está demostrada a existencia dunha estreita relación entre determinadas deficiencias minerais con algúns tipos de tumores, como é o caso do selenio nos tumores de mama e de próstata. Polo que segundo Marta López, a suplementación sería unha forma moi viable de reforzar a efectividadedo do tratamento que reciben as persoas con cancro. Ademais de ser un recurso moi “sinxelo, barato e seguro”.
As orixes do estudo
Marta López, que traballa tamén para a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), sinala que a orixe de Minerais contra o cancro vén tras anos de traballos con animais. Neste eido, puido observar como animais domésticos, concretamente os cans, en procesos inflamatorios ou tumorais, requiren unha maior cantidade de certos minerais a consecuencia do estrés oxidativo. E neses casos, obtiveron resultados satisfactorios da incorporación de suplementos para reforzar o sistema inmune e aumentar a efectividade do antibiótico administrado.
Os microminerais son nutrientes esenciais que xogan un papel vital en moitos procesos fisiolóxicos e bioquímicos, xa que actúan como cofactores de encimas clave involucrados na defensa antioxidante, a resposta inmune, a cicatrización de feridas e a regulación da expresión xénica, entre outras funcións. En animais, comprobouse como a non corrección das súas deficiencias minerais provoca diferentes problemas de saúde asociados, polo que este grupo de investigación busca estudar esta correlación en humanos.
Colaboración cidadá
Minerais contra o cancro é un proxecto que encaixa dentro do concepto de ciencia social, porque quere involucrar á poboación coa petición dunha dobre participación; apoio económico para custear as análises de minerais e doazóns de mostras de sangue para desenvolver o estudo, das que a coordinadora cifrou en 400 o mínimo para acadar un escenario representativo.
Aínda que a medio prazo o grupo de investigación conta con obter financiamento de convocatorias públicas, para poñer o proxecto en marcha decidiron crear un micromecenado. Ata agora, conseguiron 5.960 euros dos 30.000 que marcaron como obxectivo. Para ir visibilizando todo o proceso, “a idea é estar presentes en redes sociais e ir informando dos resultados que imos obtendo”, sinala Marta López.
Excelente proxecto, excelente traballo de GCiencia.
Parabéns