Xoves 18 Abril 2024

Non xuntarse con non conviventes: a receita para un Nadal a salvo de ómicron

Estes son os consellos dos expertos para pasar unhas festas seguras fronte á irrupción da nova variante da covid-19

Tempos de Nadal, ganas de reencontrarmos e de celebrar a vida. Mala combinación perante a imposición da variante ómicron. Algo pasa. Por este motivo, agárdanse novas medidas para evitar a maior decepción predicible: retornar ao punto de partida. Porque quedan moitas dúbidas, pero tamén unha certeza: o virus muta porque se reproduce. Poderemos desfrutar dunhas festas como as de antes? Non serán como as de antes da pandemia, pero tampouco como as do ano pasado.

Lonxe de caer no alarmismo, é irrefutable que as armas son as vacinas. “Frean a mutabilidade e é o único que temos polo de agora”, apunta Mar Carmona, microbióloga do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Ademais, reducen o número de contaxios, alén de atenuar a gravidade da enfermidade e, polo tanto, os ingresos nas UCIs. Aí están os datos.

Publicidade

Como proceder nas UCI

Pero, é a vacina unha razón pola cal baixar a garda este Nadal? A inmunóloga África González é optimista: “Asistimos a outra contorna. A meirande parte da xente está vacinada cando menos con dúas doses. Nas UCI xa se sabe como proceder con certas complicacións graves. Existen novos tratamentos esperanzadores. Ademais, un estudo africano recentemente revelou que ómicron infecta máis nas vías respiratorias que nas pulmonares. Temos moito que celebrar, pero con prudencia”

Galicia estase a vacinar coa terceira dose aos maiores de 40 anos. Mellórase así a resistencia a ómicron. A cidadanía galega demostra sensatez, cando menos se nos fixamos na participación de vacinación na nosa comunidade. En comparación co pasado ano neste mes tan especial, caeron drasticamente os ingresos nas UCIs, demostrando así a efectividade das inxeccións para minorar os efectos da enfermidade.

Ademais, ampliouse a cobertura da vacinación á rapazada co gallo de acadar unha inmunización máis eficaz. E malia que quizais este colectivo poida non ser determinante na loita, supón un paso adiante, tal e como sostén o investigador Federico Martiñón. “A sociedade actuou correctamente, fixo todo o que se lle pediu e é o momento de desfrutar, pero con responsabilidade”, sinala a inmunóloga África González.

Porén, un dos grandes temores destas festas é o contaxio das persoas non vacinadas, que desenvolven sintomatoloxías moito máis graves. “A primeira recomendación para estas festas vai para quen non se vacinou ou non ten pautas completas: que se vacine xa para evitar consecuencias severas”, alerta Juan Gestal, profesor emérito da USC.

Máis alá das nosas fronteiras: a incidencia dos países pobres

Pola contra, non podemos esquecer mirar máis alá. Desgraciadamente, o ritmo de vacinación non é igual en todo o mundo, ben pola escaseza de vacinas en países subdesenvolvidos ou pola pegada da eclosión das noticias falsas.  Por outra banda, a pandemia é un fenómeno global e os colectivos vulnerables seguen a selo, aínda que menos. É un dos principais perigos dos que alerta a inmunóloga Mar Carmona: “O virus muta nas persoas non vacinadas, así como tamén nos colectivos vulnerables”. Así, o perigo real destas festas é que os encontros abran paso a vindeiras mutacións máis perigosas nestes colectivos. Hai que ser responsables para frear a transmisión e non perder a eficacia das vacinas.

Malia que este Nadal sexa algo máis flexible que o anterior porque as vacinas reducen considerablemente os cadros clínicos graves, está nas nosas mans evitar récords endexamais vistos en picos de contaxio. Polo tanto, o que fagamos nestas festas será decisivo. É imprescindible incidir nas medidas de prevención que xa coñecemos para rebaixar as posibilidades de contaxio. Hoxe sabemos máis cousas das que sabíamos hai un ano. O profesor emérito Juan Gestal pon por exemplo a escasa incidencia do virus nas superficies nos contaxios.

Poderemos retomar vellos costumes e brindar un ano máis?

A variante ómicron novamente compromete a nosa estabilidade e empuxa ós gobernos de todo o mundo a tomar difíciles decisións. Co trasfego do Nadal asistimos aos mesmos debates recorrentes e  innecesarios: “saúde ou economía?” A poucos días da Noiteboa, os presidentes das comunidades autónomas reúnense este mércores para abordar o ascenso vertixinoso de contaxios, froito da nova mutación. Namentres, a cidadanía galega xa ten previstos os seus plans de Nadal.

Debemos ser conscientes de que non serán festas correntes. Aínda así, co Nadal chamando ás portas nunha situación epidemiolóxica descontrolada non é doada a decisión: abrimos ou pechamos? A microbióloga Mar Carmona veo con claridade: “O mellor é prever e evitar reunirse con persoas coas que non convivimos. Estas xuntanzas, de ser irremediables, teñen que realizarse coas debidas precaucións”.

Test, si, pero mellor PCR en saliva

Moitos pensarán que o razoable antes de participar nunha xuntanza con non conviventes é facerse un test. Pero non é un método válido para descartar que non estamos a pasar a infección. “Con ómicron, a sensibilidade das probas existentes reduciuse”, explica Mar Carmona. Faltan estudos. A experta indica que só serven para confirmar un positivo, pero o resultado negativo non é do todo fiable: “Sen lugar a dúbidas, se tivese que recomendar unha proba sería a PCR en saliva, máis eficaz en casos presintomáticos e asintomáticos”, recomenda.

Agora ben, se as reunións son irremediables, segundo explica a Juan Gestal, cantos menos contactos, mellor. “Non é nada recomendable mesturar grupos burbulla”, complementa a investigadora África González. Preferiblemente, os encontros son máis seguros ao aire libre, sempre e cando se respecte a distancia de seguridade. “Non pasa nada por ir pasear polo campo e substituír plans habituais por outros menos convencionais”, matiza a experta.

Por outra banda, os espazos pechados constitúen un auténtico caldo de cultivo para a reprodución do coronavirus, polo que a ventilación ininterrompida segue a ser unha grande aliada, así como o respecto da distancia social, o uso da máscara e un frecuente lavado de mans. “A ventilación é o factor máis decisivo para esquivar as infeccións, así como o tamaño do espazo e o número de persoas que habiten nel”, expón Gestal

Nestas datas, sempre hai moito polo que brindar, mais nesta ocasión, tentando non facer demasiado barullo.  “Obviamente, berrar debe evitarse”, alerta . De feito, hai pequenas accións habituais nestas datas que poden ser perigosas. Algunhas delas son fumar, compartir pratos e vasos, cantar e bailar, xa que contribúen ao contaxio. Outra cuestión prioritaria é o alcohol, que favorece a desinhibición e pode ser o responsable dunha redución considerable da distancia social.

Entón, serán posibles unhas festas como as de antes?

Todos temos morriña dun pasado que non volverá, cando menos a curto prazo. Se se actúa con responsabilidade non será posible que recuperemos esas lembranzas, xa que se aconsella desbotar os bicos, as apertas, os berros e os bailes… Por sorte, quedan outras formas de demostrar agarimo á xente que queremos.

E é que cambiou moito dende ese primeiro caso diagnosticado na Coruña: o noso xeito de relacionarmos co mundo, pero tamén a propia enfermidade. Pese a todo, queda espazo para a esperanza. África González lanza unha mensaxe de tranquilidade: “A tendencia dos virus é ser máis contaxiosos pero menos letais”. Coincide o profesor Gestal: “É posible que ómicron apunte ao ciclo final do virus”. De ser así, celebraremos entón un ano menos, non un ano máis.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así espertamos o sistema inmunitario para que aniquile o cancro

O primeiro tratamento de inmunoterapia celular que usa linfocitos infiltrantes do tumor acaba de ser aprobado en Estados Unidos

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento