Sábado 20 Abril 2024

“Altísima carga viral” en persoas asintomáticas e maior resistencia ás vacinas: os perigos da ómicron

Os expertos aconsellan prudencia e terceira dose de vacinanción ante o avance en Galicia da nova variante da covid-19

A unha semana das festas de Nadal, preocupa o aumento exponencial dos contaxios por Covid-19. Nesta sexta onda, á incidencia causada pola variante delta e delta plus, súmaselle un novo foco de preocupación: a variante ómicron, detectada por primeira vez en Sudáfrica o 24 de novembro. “O que se está vendo é que é unha variante moi contaxiosa, que está incrementando o número de casos de forma exponencial”, sinala África González Fernández, catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo (UVigo).

A inmunóloga recorda que, aínda que unha rápida propagación supoña —en principio— que en moitos casos a enfermidade vai cursar de forma asintomática, ao haber moita máis xente infectada isto pode supoñer “unha carga a nivel hospitalario importante“. Polo momento, a clínica que se está observando de forma maioritaria co ómicron son uns cadros leves, cunha sintomatoloxía que cursa con dores de garganta, musculares e de cabeza.

Publicidade

A alta taxa de vacinación española, unha vantaxe

África González cre que o que está a pasar en Reino Unido e Sudáfrica non é completamente extrapolable ao caso español, porque en Galicia e en España hai maior tasa de vacinación. Concretamente, Sudáfrica ten unha porcentaxe bastante baixa, e aínda que en Reino Unido é máis alta, “non teñen a cobertura vacinal que temos aquí”. “Por tanto, eu penso que a situación en España vai ser moito mellor”.

Non obstante, o feito de que esta variante teña o potencial de facer que o virus sexa máis transmisible e menos susceptible ás vacinas existentes é motivo de preocupación para a comunidade científica. A catedrática de Inmunoloxía na UVigo fai fincapé na importancia da administración da terceira dose, “especialmente en persoas maiores e persoas con patoloxías. É un factor moi relevante porque a terceira dose posibilita manter uns niveis de anticorpos que aumenta a protección fronte á nova variante”.

“O que está a pasar en Reino unido e Sudáfrica non é completamente extrapolable ao caso español”

Algo co que concorda Juan Gestal Otero, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública, que engade que as persoas que están vacinadas con AstraZeneca “están bastante desprotexidas” ante esta nova variante e necesitan recibir un reforzo. Tamén é importante unha terceira dose nas vacinas con ARN mensaxeiro, xa que aumentan a protección. Tamén está a influír na rápida propagación da ómicron que as persoas con cadros leves ou asintomáticas, presenten “cargas virais elevadísimas”, o que facilita o seu contaxio.

Nadal, unhas datas con alto risco

Para Nadal pode haber un incremento de contaxios bastante importante, e sobre todo, o que podería ocorrer é que a xente tivese que facer corentenas. Formúlanse distintos escenarios. “O colapso hospitalario é un deles, pero tendo en conta tamén efectos colaterais como perdas de empregos”, sinala África González. Ante a inminente proximidade das celebracións típicas destas datas, dende o Ministerio de Sanidade propoñen unha serie de medidas de prevención.

Como sinala Juan Gestal “nestas circunstancias, toda prudencia é pouca“. Aconsella evitar no máximo que se poida as xuntanzas e estar con persoas coas que non se convive habitualmente. Manter as medidas que ata agora nos foron servindo contra outras variantes e mesmo antes das vacinas, é algo que propón África González: “O uso da máscara, a distancia de seguridade, evitar os interiores, ventilar, medir niveis de CO2, facer rastrexos, etcétera”. É dicir, utilizar todas as ferramentas que temos para poder paliar o máis posible os contaxios.

A inmunóloga cre que “a solución non debemos deixala só nas vacinas. Moita xente pensou que coa vacina a pandemia xa estaba eliminada e claramente o virus vai por diante de nós”. En parte, porque hai países cun baixo índice de vacinación que propician a chegada de novas variantes como estamos a ver. E conclúe “sempre vai ser mellor estar vacinado que non estalo”.

2 COMENTÁRIOS

  1. A inmunóloga cre que “a solución non debemos deixala só nas vacinas. Moita xente pensou que coa vacina a pandemia xa estaba eliminada e claramente o virus vai por diante de nós”. En parte, porque hai países cun baixo índice de vacinación que propician a chegada de novas variantes como estamos a ver. E conclúe “sempre vai ser mellor estar vacinado que non estalo”.
    Pois é moi claro , vacinas, reforzo e medidas de distancia e ventilación, mentres a vacina non sexa universal.
    Grazas por este traballo coa opinión da inmunóloga África González, GCiencia e Xiana Meda.

  2. Zero vacinas e PCR negativa en tódalas ondas…
    Mentres o 90% dos hospitalizados en Galiza son maiores de 70 anos e estaban vacinados con pauta compreta…
    Nada máis que engadir…ah sí! Que estas cepas polo visto esparéxense con moita alegría nin PCRs nos aeroportos, nin máscaras, nin mil vacinas dispóis…nada parece servir pra parar o omicarayón.
    A ver se isto non vai ser un virus…senón unha operación de intelixencia e armamento electromagnético pra inocular a Porfiria, verdadeira causa desta Plandemia?
    Just saying…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así espertamos o sistema inmunitario para que aniquile o cancro

O primeiro tratamento de inmunoterapia celular que usa linfocitos infiltrantes do tumor acaba de ser aprobado en Estados Unidos

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus