Mércores 17 Abril 2024

“Non hai boa ciencia se non se ten en conta o benestar do animal”

O Centro de Biomedicina Experimental organiza unha xornada de transparencia coa presentación do seu informe anual guiada polo profesor Anxo Vidal

No día de clausura do congreso que celebrou na cidade francesa de Marsella a Federación de Asociacións Europeas para as Ciencias do Animal de Laboratorio (FELASA) e coincidindo coa segunda campaña global de comunicación que coordina a Asociación Europea para a Investigación Animal, o Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convidou os medios de comunicación para presentar as cifras e os datos das actividades realizadas o ano pasado. Son os datos oficiais dos catro centros cos que conta hoxe a USC para a experimentación animal: no campus de Lugo un animalario e un acuario e, en Santiago, o acuario da Facultade de Bioloxía e o propio CEBEGA no que transcorre a xornada.

Nas tres iniciativas que teñen hoxe como protagonistas os animais de laboratorio —o congreso, a campaña global e a xornada de transparencia en Compostela—, a mensaxe principal é a mesma: comunicar. “Esta iniciativa dunha xornada de transparencia, nace dun compromiso coa ciencia, cunha investigación de calidade e responsable. Non hai xeito de facer investigación de calidade que non sexa co máximo respecto á dignidade e o benestar animal. Non hai boa ciencia se non se ten en conta isto. Ademais temos un compromiso coa sociedade que nos permite facer experimentación animal e por iso debemos informar puntualmente do que facemos, como o facemos e para que”, explica Anxo Vidal, profesor da USC e responsable nesta universidade do Acordo de Transparencia en Experimentación Animal que se lanzou en 2016.

Publicidade

Datos coa pegada da pandemia

Durante o ano 2021 fixéronse na USC un total de 18.656 usos de animais de experimentación en proxectos autorizados. O rato foi a especie máis empregada, case o 70%, e a finalidade principal dos traballos foi a investigación básica, é dicir, o estudo do sistema endócrino e o metabolismo.

“Existe un incremento dun 16% no número de animais empregados respecto ao ano 2020 pero tamén existe unha redución significativa, dun 21%, respecto ao 2019. O ano 2020 foi atípico, as instalacións estiveron pechadas pola pandemia e despois a actividade tivo moitas restricións. Por iso pensamos que os datos dese ano son posiblemente moi inferiores aos que se terían rexistrado se non pasaramos pola pandemia da covid. Pero se comparamos os números de 2021 cos de 2019 notamos unha forte diminución no número de animais empregados e isto está en liña co que acontece no resto do país desde a entrada en vigor da lexislación hai unha década. A diminución é lenta pero constante e iso é importante”, asegura Vidal.

Instalacións e aparellos empregados no CEBEGA.

O apartado quinto do informe é considerado o máis importante cando se trata de analizar o benestar dos animais na experimentación científica. Aquí ofrécense datos da severidade dos procedementos, é dicir, o grao de dor, estrés ou sufrimento que padecen os animais. E os resultados do ano pasado tamén indican unha caída dos procedementos severos, aqueles nos que o sufrimento ou a angustia do animal durante a investigación son de longa duración ou aqueles cuxo benestar ou estado xeral se deterioraron de xeito importante. O ano pasado a maior parte dos procedementos realizados tiveron unha severidade cualificada como leve. Entre estes últimos incluiríanse procedementos como a realización dunha resonancia ou unha radiografía para o seguimento do animal nunha investigación.

Unha actividade estritamente regulada

A experimentación animal está sometida hoxe a un marco normativo moi estrito derivado dunha directiva europea de 2010 da que se fixo transposición ao ordenamento xurídico español tres anos despois. O Real Decreto 53/2013 do 1 de febreiro establece as normas básicas para a protección dos animais empregados na experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia. Esta lexislación ten claramente como horizonte a substitución completa dos animais nos experimentos. A finais do ano pasado, o Parlamento Europeo insistía ante a Comisión na necesidade de deseñar unha folla de ruta para potenciar e acelerar a investigación de alternativas co obxectivo de que os novos métodos sexan libres de animais.

A lexislación ten claramente como horizonte a substitución completa dos animais nos experimentos

“Como sociedade e como comunidade científica, sabemos que non estamos aínda preparados para alcanzar ese obxectivo e por iso temos a licencia de poder seguir facendo experimentación animal. Por iso debemos respectar un principio que consagra a lexislación, o das 3R, formulado hai algo máis de seis décadas polos biólogos ingleses Russel e Burch. Remprazar, é dicir, conseguir a substitución dos animais sempre que sexa posible para as investigacións, reducir ou utilizar o menor número de animais posible e refinar, porque os animais sometidos a este tipo de procedementos  teñen que estar en condicións de benestar e debemos minimizar o seu sufrimento e dor se así o experimentan”, explica o anfitrión da visita antes de convidarnos a baixar á á de experimentación con roedores, unha zona á que, normalmente, só teñen acceso investigadores e persoal autorizado.

Protección e limpeza primeiro, grazas a unha ducha de aire, e unha vez dentro da zona dos roedores, descubrimos laboratorios, quirófanos, salas nas que se pesan, se coidan e se estudan os animais. O ambiente do enorme corredor central é tranquilo e nas habitacións onde viven os roedores unha ventá vermella impide o paso da luz para que nada os perturbe. Gaiolas ventiladas, labras esterilizadas, unha dieta adaptada e control día e noite todo o ano, son algúns dos coidados cos que se pretende preservar o benestar do animal.

A utopía dunha substitución total no horizonte

Existen xa moitas probas de que é posible substituír os animais á hora de investigar, recoñece o responsable de transparencia de experimentación animal da USC. Probas nas toxinas mariñas dos moluscos que agora se realizan con técnicas analíticas, probas menos agresivas como unha resonancia ou a mellora nas condicións de vida dos animais son só tres exemplos que deixan adiviñar o longo camiño que a comunidade científica ten por diante ata alcanzar a substitución completa que prevé a lexislación.

“Faltan esforzos reais para poder desenvolver alternativas”

ANXO VIDAL, profesor da USC

“A sociedade recoñece que a información que obtemos da experimentación animal ten servido para un gran progreso na nosa calidade de vida e na dos propios animais xa que gran parte dos seus tratamentos tamén son resultado desta experimentación”, asegura Vidal antes de lembrarnos, a modo de exemplo, que o desenvolvemento das vacinas contra a covid, precisou da experimentación animal.

O profesor da USC asegura que hoxe en día non podemos permitirnos prescindir da información científica que xera a experimentación animal. “Sería catastrófico desde o punto de vista da sanidade humana. Pero penso que faltan esforzos reais para poder desenvolver esas alternativas que son tan necesarias, sobre todo, porque iso vai levar moito tempo. Non se pode establecer unha data final, un día exacto no que a experimentación animal teña que rematar si ou si. Que ocorrería entón se non estamos preparados para esa situación?, pregunta Anxo Vidal, como se de un aviso se tratase, antes de despedirse e agradecer a visita aos medios que responderon ao convite do CEBEGA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Coidar a saúde e o medio ambiente: dúas razóns para incluír pescado azul na nosa dieta

A nivel mundial, el consumo anual per cápita de peixe nos últimos 50 años case se duplicou, cun crecemento exponencial en países como China