O anuncio da cuarta dose xeneralizada da vacina covid desconcerta os expertos

O anuncio causou un abraio xeneralizado. A sensación de desconcerto e de incredulidade estendeuse, incluso, entre a comunidade científica. “Descoñezo as evidencias que sosteñen a administración dunha cuarta dose da vacina covid para a poboación xeral. É dicir, cales son os estudos ou a información que ten o Ministerio para tomar esta decisión”, declara a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González. A experta asegura que, ata o de agora, nin a Organización Mundial da Saúde (OMS) nin as entidades sanitarias europeas se pronunciaron de forma tan contundente ao respecto. Noutras palabras: o único que emitiron estes organismos foron recomendacións.

“Os estudos que se fixeron ata o momento demostran que a resposta inmunitaria mantense nas persoas sas. Polo tanto, esa memoria funciona e, ademais, as infeccións que está a causar ómicron adoitan ser bastante leves“, di González. A inmunóloga engade que a administración da cuarta dose, en todo caso, tería que barallarse para os vulnerables, como son os anciáns e as persoas cun sistema inmunitario debilitado. “Os datos que hai, os dun estudo realizado en Israel en maiores, revelan que a cuarta dose activa os anticorpos neutralizantes e evita a infección grave. Pero nas persoas sas e cunha resposta inmunitaria completa non hai nada que o indique”, explica a investigadora da UVigo.

Publicidade

Sensación de confusión

Amais diso, González acusa certa confusión no anuncio que a Ministra de Sanidade, Carolina Darias, deu nun programa de televisión: “Non queda claro se é unha cuarta dose das vacinas xa existentes ou dunhas específicas para ómicron”. A inmunóloga pensa que a mellor opción é realizar estudos nos que se combinen diferentes vacinas e descartar a posibilidade de seguir empregando as mesmas. “En Israel a cuarta dose mellora un pouco a resposta, pero estes anticorpos descenden de maneira rápida en cuestión duns meses. Polo tanto, non creo que sexa necesario volver vacinar á poboación xeral. De todas formas, facelo tampouco sería prexudicial”, matiza a experta.

“A cuarta dose mellora un pouco a resposta, pero os anticorpos descenden rapidamente en cuestión de meses”

ÁFRICA GONZÁLEZ, inmunóloga

A opinión de González non é única, senón compartida pola meirande parte da comunidade científica. Unha mostra diso é a viróloga do Centro Nacional de Biotecnología (CNB-CSIC) Sonia Zúñiga, quen apunta: “Neste momento non parece que a utilidade dunha cuarta dose en toda a poboación vaia ser moi elevada, dado que xa se está protexendo da enfermidade severa, como demostran os números actuais constantes de hospitalizacións e ingresos en UCI”.

Publicidade

A inmunidade híbrida

Amais disto, nas declaracións que fai a experta ao Science Media Centre España (SMC España) incídise no concepto de inmunidade híbrida. “Dende Nadal ata agora, a circulación do virus é moi elevada e está a haber moitísimas infeccións (moitas delas en persoas xa vacinadas) que teñen síntomas leves. Isto fai que moitas persoas adquiran a inmunidade híbrida, máis completa da que tiñan antes da infección, co que non tería moito sentido darlles unha cuarta dose no outono-inverno“, continúa declarando a viróloga do CNB-CSIC. Ademais, Zúñiga cre que habería dificultades á hora de implantar a estratexia de vacinación, posto que moitos dos casos actuais xa non se están contabilizando de maneira oficial.

González apoia estas declaracións. “Hai estudos que demostran que esa inmunidade é potente. Non creo que as persoas que pasaran a infección coa variante inicial ou a alfa necesiten realmente unha dose adicional”, insiste a inmunóloga. É máis, a catedrática da UVigo asegura que coa inmunidade híbrida “moitos de nós estamos perfectamente protexidos”. De feito, González é clara ao respecto: “Son unha firme defensora das vacinas, pero tamén temos que basearnos na ciencia“.

Novas vacinas e posibles escenarios

Polo tanto, a comunidade científica pide prudencia e, sobre todo, no precipitarse na toma de decisións. As farmacéuticas Pfizer e Moderna xa están a traballar en vacinas que tamén se dirixan á variante ómicron, mais a resposta non parece mellorar de maneira substancial, segundo explica González. “Habería que facer máis estudos para ver se insistir tanto no sistema induce tolerancia ou cansazo; memoria positiva ou todo o contrario”, subliña a catedrática da UVigo. É dicir: as vacinas deben administrarse cando é preciso, sosténdose sempre nos datos científicos. E, sobre todo, definindo ben a poboación diana.

“Son unha firme defensora das vacinas, pero temos que basearnos na ciencia”

ÁFRICA GONZÁLEZ, inmunóloga

Un dos escenarios que impulsarían a cuarta dose da poboación xeral é a aparición de novas variantes. Con todo, África González non cre que esta posibilidade teña peso suficiente como para volver a vacinar á poboación xeral de maneira masiva. “Non sabemos se a vacina protexería contra esa variante hipotética”, apunta. E tamén recorda que, malia que ómicron é “o virus máis contaxioso coñecido do mundo”, está a producir unha maioría de infeccións leves. “Os contaxios en maiores de 60 anos estanse incrementando pero é lóxico dado a retirada das máscaras e un maior contacto”, incide. A experta da UVigo pon o foco nas hospitalizacións, que roldan o 5%. “Se coa nova vacinación se puidese reducir ao 0%… Pero non o sei”, insiste.

Máis alá das repercusións que poida ter esta medida dende o punto de vista sanitario, González tamén fai referencia ao aspecto máis social. A experta asegura que a xente “perdeu medo” e a volta á vella normalidade é máis evidente ca nunca. “O número de persoas que reciben estas mensaxes e se van vacinar vai sendo menor”, indica. Por iso, a inmunóloga cre que o máis importante é explicar ben e con datos cal é a situación. “Se lle dicimos á xente que hai evidencias científicas dunha cuarta dose para as persoas maiores, a xente entenderíao”, di a experta. Ela cre que “o máis lóxico” sería que a vacina contra o coronavirus fose anual e dirixida aos maiores, como acontece coa gripe. “Seguir insistindo pode ser un erro. E tamén pode ser prexudicial”, conclúe.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados