A investigación desenvolvida por Víctor Santos Rosales dentro do grupo I+D Farma da Facultade de Farmacia acaba de ser distinguida como a mellor tese de doutoramento do mundo pola International Society for the Advancement of Supercritical Fluids (ISASF), durante o recente congreso International Symposium on Supercritical Fluids (ISSF2022) celebrado na cidade canadense de Montreal. A tese de Santos Rosales foi considerada de forma unánime como a mellor de 2021 no ámbito dos fluídos supercríticos. O estudo aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesado de biomateriais para aplicacións biomédicas, enfocándose principalmente na medicina rexenerativa ósea
A investigación que leva por título New strategies for the production of ready-to-implant bone scaffolds using supercritical fluid technology está dirixida polos profesores da USC Carlos A. García-González e Carmen Álvarez-Lorenzo. A tese foi defendida o pasado 20 de outubro de 2021 no marco do doutoramento internacional e recibiu a cualificación de Sobresaliente Cum Laude. Con anterioridade, o traballo de Santos Rosales xa fora premiado, na contorna estatal, pola Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos (FLUCOMP) coma a mellor tese defendida entre os anos 2020 e 2021.
Medicina rexenerativa ósea
A investigación, de carácter interdisciplinario, permitiu o procesado en ausencia de disolventes de scaffolds óseos medicados empregando CO2 supercrítico como axente poróxeno e plastificante. Ademais, desenvolvéronse “varias aproximacións tecnolóxicas que permiten a produción de implantes nanoestruturados con porosidade modulable e altos rendementos de incorporación de fármacos”, sinala o investigador premiado.
Outra innovación desta tese consistiu na xeración de coñecemento sobre a esterilización empregando CO2 supercrítico. “Esta nova tecnoloxía permite a esterilización de biomateriais, fármacos termolábiles e substancias sensibles preservando as súas propiedades iniciais e acadando os niveis de esterilidade requiridos dende un punto de vista lexislativo”, engade Santos Rosales.
A esterilización con CO2 supercrítico integrouse coa preparación de implantes óseos
Entre outros fitos, o grupo I+DFarma, en colaboración co grupo liderado pola profesora Beatriz Magariños, identificou o indicador biolóxico para controlar este tipo de procesos, e polo tanto, sinalou o camiño “en prol dunha estandarización que se percibe como de extrema urxencia pola comunidade científica internacional”, matiza o investigador. Nun paso máis alá, a esterilización con CO2 supercrítico integrouse coa preparación de implantes óseos, sendo incluso compatible coa incorporación simultánea de fármacos.
Moitos dos actuais referentes mundiais no emprego de CO2 supercrítico para diferentes aplicacións (extracción, purificación, formación de partículas, tratamento e valorización de residuos, biomedicina, alimentación, ou ciencia de polímeros, entre outros) foron galardoados con esta mesma distinción outorgada pola ISASF a Víctor Santos Rosales.














