‘Reisiño’, o galego que viviu a represión franquista no paraíso infernal de San Simón

Ata 6.000 persoas padeceron as represalias dos falanxistas na illa de San Simón, onde sufriron a fame, a miseria e, en moitos casos, a morte

Reisiño subía ao camión. Era un traslado. Segundo chegou ao seu destino, pensou que, quizais, sería un lugar mellor. Había máis espazo, tiñan baños, e había patios que daban ao exterior. A beleza dalgunhas zonas daba unha falsa sensación de seguridade. Algúns, considerárono un paraíso terreal. Pronto se darían conta de que era un paraíso infernal.

A illa de San Simón foi, entre 1936 e 1943, un símbolo da represión franquista en Galicia. Alfredo Bautista Alconero, coñecido como Reisiño, foi unha das persoas que, xunto a outros 6.000, pasou por ese cárcere onde encerraron e asasinaron a opositores e outras figuras vistas como un perigo ou un inimigo polos sublevados. A el e a todos os que pasaron por ese terror dedicóuselles o pasado martes unha conmemoración no festival de Cans. A historia de Reisiño, xunto con outras vítimas da represión, dan voz ao documental Aillados, realizado en 2001 e proxectado no festival. Non é a única peza creada sobre estas historias: a TVG tamén ten unha webserie chamada San Simón, colonia penitenciaria, que fala sobre este tema. Agora, cobra máis importancia ca nunca coa creación, ademais, dunha película de ficción co mesmo nome que a illa (San Simón) que se estreará en outono.

Publicidade

Un traslado confuso

Todas as historias das persoas que pasan por esta illa son difíciles, duras. Reisiño formaba parte das Xuventudes Comunistas. O mozo de Ponteareas marchou, xunto co seu irmán, cara a Pontevedra no comezo da Guerra Civil. O seu intento fracasou moi rápido. Un grupo de gardas civís deulles o alto. Foron acusados de pistoleiros de acción, de mala conduta e antecedentes e intento de asalto ao cuartel da Garda Civil. Tamén foron acusados de cobrar un soldo por Moscova. A vítima do franquismo ría, máis de 40 anos despois, durante unha entrevista, destas acusacións dos falanxistas. Os dous irmáns foron detidos e, despois de que lle lesen a súa condena, eles e as súas familias choraron. A pena imposta, 30 anos, era moi dura, si, pero non era unha condena de morte. Choraban, claro, pero non de tristeza. Facíano de ledicia.

O percorrido que viviu Reisiño no seu traslado foi confuso para el. Ao igual que outros, ao chegar viron un espazo amplo, cun edificio de grandes ventás e con vistas a toda a ría. Porén, o paso das semanas enchería ese edificio, chegando a estar varios centos de detidos ao mesmo tempo. Heriberto R. Bermejo, represaliado polo franquismo, recordaba no documental como ata 80 persoas podían estar nunha mesma sala. Colocábanse en tres ringleiras, amoreados de tal forma que a fila do medio quedaba entre os pés do resto. “Cando había que saír ao servizo, ás veces pisabamos pedras e ás veces pisabamos cabezas”, dicía Bermejo. Ao principio, dispoñían de baños. Ao final, tiñan que facer as súas necesidades en caldeiros.

Publicidade

O medo de ser fusilado

O seu maior temor, segundo Antonio Caeiro, director do documental Aillados, era xustamente o que podía pasar cando saían de alí. Moitos deles eran fusilados nos chamados ‘paseos’. Reisiño retrataba o que podía a través dos seus debuxos. A vítima do franquismo tamén creu que ía ser fusilado cando, un día, viu unha luz acenderse de golpe. Pensaban que sería a furgoneta que ía levalos, pero só era un garda. O medo era constante.

Durante a súa estancia alí, Reisiño puido ver a moitos desaparecer. Co tempo, aprenderon a identificar algúns dos signos que indicaban que o individuo que marchaba non volvería. Por exemplo, se era a garda de asalto —e non os falanxistas ou a Garda Civil os que os levaban—, probablemente era para algún procedemento xudicial, polo que non tiñan por que ser fusilados. Si era un signo de que a persoa podería ser asasinada se non levaba as cousas con el, xa que para os traslados tiñan que levar as súas poucas pertenzas.

Co paso do tempo, a situación volveuse moi insalubre, con enfermidades diversas e con outros problemas, como os piollos. A fin da guerra provocou a chegada de 300 ou 400 persoas maiores, doutras partes de España. Isto empeorou a situación de insalubridade que xa había e que, segundo contaba Reisiño, desatou problemas como a aparición de piollos. As condicións meteorolóxicas tampouco axudaban: a humidade e o vento era algo moi prexudicial para os encarcerados.

Medio millar de mortos polas condicións internas

O problema máis grande foi a falta de comida. A escaseza foi unha constante durante todo o seu paso por este cárcere, onde primaba a corrupción. Pero isto agravouse moito coa chegada da xente maior. Estes saían canto antes para poder recibir a comida os primeiros. Un día, segundo contaba o ponteareán, un garda comezou a pegarlles patadas aos vellos xusto despois de recoller a comida. Estes disputaban o almorzo no chan. Moitos, para sobrevivir, comezaron a inxerir ratos e calquera cousa que atopasen que viña da costa. Isto provocou moitos envelenamentos e moitos falecidos. “A falta de rexistros, unhas 500 persoas morreron polo problema climatolóxico e o alimenticio”, comentaba Caeiro.

A excesiva cantidade de presos no lugar derivou, en moitas ocasións, en fusilamentos. Era especialmente preocupante a situación daquelas persoas que aínda non foran procesadas, segundo comenta Caeiro, xa que tiñan aínda menos garantías. Se non aparecían nos rexistros, a súa morte non chamaría a atención.

Reisiño tivo un pouco máis de sorte ca outros. Ante esas sobrepoboacións, as autoridades decidiron revisar moitos casos para rebaixar as condenas. El foi un dos beneficiados. En 1940, apenas un ano despois de rematar a guerra, foi posto en liberdade condicional. San Simón sería un dos recordos máis duros para miles de persoas. Un lugar precioso contaminado pola cruel represión daqueles que se levantaron contra a república. Agora, a súa función principal é de real importancia: que a súa historia xamais sexa esquecida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie