O adro da igrexa da parroquia de San Vicente de Soutelo, en Salceda de Caselas, é outro dos lugares sinalados no mapa da infamia da represión franquista. A memoria colectiva rescatou ata os nosos días que alí, nunha pequena parcela de pouco máis de 2 metros cadrados pegada ao muro do templo, se depositaron os corpos de catros homes que pasaran días nun centro de detención do Porriño para despois ser paseados. Os seus seus verdugos nin sequera os enterraron, senón que foi un veciño, o Pomadas, quen co seu carro de bois recolleu os cadáveres para darlles sepultura xunto ao templo.
Apoiándose nesa memoria colectiva e na incompleta e moitas veces confusa documentación oficial que intentou borrar o acontecido neses escuros días, o historiador Xosé Ramón Paz Antón cre ter dado ca identidade deses homes enterrados nese punto hoxe cuberto por lousas de cemento: Modesto Barreiro Cudillas, José Cordal Yáñez, Ramón Pérez Cabaleiro e Severo Boente.
Os tres primeiros foron persoas significadas politicamente ca esquerda no Porriño, ocupando algúns deles cargos dentro do goberno municipal. O cuarto, Severo Boente, alcumado o Matagachas do Porriño, tiña só 17 anos cando foi asasinado. O seu nome non estaba na lista dos fascistas, que buscaban o seu avó. Pero como este non estaba na casa cando o foron deter, levaron ao seu neto. A documentación oficial da Comandancia Militar da Praza de Tui dáo por morto en combate cas forzas do Ejército 4. Nada máis se sabe do seu paradoiro.
A memoria de Severo chega aos nosos días grazas aos seus descendentes, que, como moitas outras familias, batallou durante anos contra o esquecemento oficial con pouca axuda da que tirar máis alá das persoas implicadas en colectivos memorialistas. Na primavera de 2025, a familia de Severo Boente e un equipo multidisciplinar agardan pola autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para iniciar os traballos de exhumación da foxa de Soutelo.
O equipo encargado de remover a terra para tratar de pór luz conta ca participación do reputado antropólogo forense Fernando Serrulla, que este venres imparte unha conferencia sobre memoria histórica ante os alumnos do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas que, xa pola tarde, repetirá no concello Salvaterra de Miño. Implicado en ducias de proxectos deste tipo, o doutor do Instituto de Medicina Legal de Galicia amósase optimista de cara a atopar a foxa dos catro do Porriño.

“Os cemiterios son lugares moi vivos”
“As testemuñas, a min, danme moitísima fiabilidade, moitísima. Entón, creo que a imos atopar. Pero imos ver o que aparece na terra porque os cemiterios son lugares moi vivos”, sinala Serrulla, quen recorda que os camposantos sofren transformacións co pasos dos anos que implican o traslado e desenterramento de cadaleitos e corpos para movelos a outros lugares.
A localización da foxa vén dada por Miguel González, veciño da parroquia de San Vicente de Soutelo. O seu pai, xa falecido, sinaláralle o punto exacto do adro no que foran enterrados, ca cabeza orientada ao muro da igrexa, catro persoas que foran transportadas ata alí nun carro de bois nos primeiros días de setembro do ano 1936. A investigación de Paz Antón apunta a que Boente foi o único ao que mataron lonxe da igrexa de Soutelo, no Monte Picado, namentres que os corpos de Barreiro Cudillas, Cordal e Pérez Cabaleiro foron abandonados en distintos puntos da parroquia logo de ser axustizados.
Os traballos estarán centrados en dar cos restos de Severo Boente, tío avó de Carmen e Cándido Boente. Foron eles os que entraron en contacto con Serrulla e o equipo multidisciplinar de memoria histórica da Universidade de Santiago para solicitar a exhumación da foxa de Soutelo, que se levará a cabo grazas á implicación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Baixo Miño, Louriña e Condado e á colaboración económica da Federación Española de Municipios e Provincias.
“Buscamos a un varón novo, que non era a maioría dos que asasinaron”, sinala Fernando Serrulla como dato clave dos traballos de exhumación. As características que poidan diferenciar un suxeito doutro resultan de vital importancia á hora de identificar un corpo. Tamén os obxectos que puidesen conservar, como reloxos ou aneis.
A de Soutelo será unha intervención “cirúrxica” que non se prolongará moito máis de dez días. Como di o forense, se a foxa non aparece nesa parcela de “pouco máis de dous por dous” na que se cre que está, non se escavará máis. Se hai éxito e, como aconteceu na parroquia de San Breixo en Celanova ou na de Cabreira de Salvaterra de Miño, a foxa é localizada, será o momento do laboratorio.

Cotexar o ADN
Alí procesárense os esqueletos atopados para, unha vez limpos, analizalos e cotexalos co ADN de parentes. No caso de Severo Boente, os investigadores contan con mostras dunhas gafas e un reloxo que pertenceu a un sobriño seu, o pai de Cándido e Carmen. Porque o paso do tempo é, xunto á desmemoria, o principal obstáculo a salvar na busca das persoas que foron desaparecidas pola represión dos golpistas. Por iso, Fernando Serrulla subliña a importancia de difundir os nomes e as accións de busca para poder dar cas súas familias.
“Moitas veces a familia que queda son netos ou sobriños, que xa non teñen ligazón afectiva ou nin tan sequera saben dunha forma aproximada o que pasou co seu avó. Entón, a difusión da información permítenos entrar en contacto cas familias e que as familias cheguen a nós para preguntarnos se o meu avó ou o meu tío pode estar aquí. E a partir de aí, as veces, temos resolto casos”, conclúe o forense do Imelga.














