Un documental mergúllase na exhumación da foxa de asturianos represaliados en Celanova

O grupo Histagra da USC, centrado en memoria histórica, estrea unha peza que reflexa todo o proceso

No ano 2022, un grupo de arqueólogos, antropólogos e historiadores despregouse no cemiterio de San Breixo, no concello ourensán de Celanova, para tratar de dar cos restos dun grupo de asturianos represaliados polo bando golpista na Guerra Civil. Os traballos deron froitos e acadaron o seu obxectivo: identificar a Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez del Busto, executados polo réxime franquista en setembro de 1939 e enterrados nunha foxa xunto con outros cinco homes de Xixón, todos eles apresados cando trataban de fuxir por mar de Asturias.

A historia deste proceso queda plasmada agora nun documental que vén de estrear na súa canle de Youtube o grupo Histagra da USC, que investiga e recupera a memoria daqueles escuros anos. Ao longo de máis 20 minutos, acompáñase ao equipo multidisciplinar desde a súa chegada ao camposanto celanovés para iniciar a escavación ata a fase de análise dos restos achados no laboratorio.

Publicidade

A estrea oficial do documental tivo lugar recentemente en Celanova nun acto con presenza do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, a quen as entidades memorialistas solicitan que interceda para que o cemiterio de San Breixo sexa declarado “lugar de memoria histórica”, unha listaxe contemplada na Lei de Memoria Democrática para promover accións que impidan que caia no esquecemento o que aconteceu.

Do mar a Celanova

O traballo documental que asina o realizador Óscar Górriz permite mergullarse en todo o proceso que implica o traballo de campo para localizar unha foxa común, recuperar os corpos e identificalos. No caso de Celanova, foron os familiares de dous dos represaliados os que se puxeron en contacto cos colectivos memorialistas para tratar de coñecer onde se atopaban os restos dos seus pais, maridos e avós.

Publicidade

“Quero que o seu nome estea nalgún sitio, que o mundo vexa o que pasou aquí”, relata ante a cámara Gracia Gutiérrez, que continuou o camiño iniciado pola súa nai e a súa avoa para saber do destino de Abelardo Suárez, un dos asturianos que, finalmente, logrou ser identificado.

Este grupo de asturianos foi apresado en alta mar cando trataba de fuxir de Asturias. Nun primeiro momento foron trasladados a Camposancos, onde permaneceron presos e foron sometidos a un xuízo militar. Xa condenados a morte, foron trasladados a Celanova, onde agardaron durante máis de seis meses pola súa execución, que chegou o 22 de setembro de 1939.

A memoria colectiva sabía que o cemiterio de San Breixo fora o lugar onde os corpos destes homes foran postos baixo terra. Desta forma, Celanova foi, xunto con Crecente, Vilagarcía, A Capela e Lousame; un dos lugares que o grupo Histagra incluíu na folla de ruta do seu plan cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia, que desenvolveu entre 2021 e 2024.

Traballos no camposanto de San Breixo (Grupo Histagra)
Traballos en San Breixo (Grupo Histagra)

Da terra ao laboratorio

Unha intervención deste tipo ten catro patas: a investigación histórica previa, o traballo arqueolóxico para localizar as foxas e o restos, a análise forense do alí atopado e, finalmente, o estudo xenético co que comprobar as identidades.

Todo isto pode contemplarse polo miúdo no documental que recolle, en primeiro lugar, as tarefas na terra do grupo dirixido polo arqueólogo Julián Bustelo, acompañado no camposanto pola historiadora Conchi López e o forense do Imelga Fernando Serrulla.

Identificada a foxa nunha zona axardinada do cemiterio e recuperados os restos, a acción trasládase ás dependencias do Imelga para acompañar ao doutor Serrulla na análise dos osos para constatar que as persoas alí enterradas presentaban sinais de ter sido executadas con disparos de armas de fogo.

O seguinte paso era confirmar que se trataba dos desaparecidos Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez del Busto. Puido facerse gracias ao Laboratorio de Xenética Forense da Facultade de Medicina da USC, que cotexou, con resultado positivo, os restos de ADN extraídos das moas dos represaliados cos dos seus descendentes.

Marcelino e Abelardo son dúas das tres persoas que puideron ser identificadas grazas aos traballos nos últimos anos do grupo Histagra nas exhumacións nas que se procuraban a 28 asasinados polo réxime en cinco foxas comúns nas que, finalmente, logrouse atopar os restos de 29 persoas. A maioría, polo tanto, agardan ser identificados nun proceso que, como recoñece o propio grupo da USC, é a parte máis complexa porque o paso do tempo xoga na contra da calidade e do estado de conversación dos restos óseos.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

Entre latas e puñais: a arqueoloxía revela a vida dos estraperlistas de volframio en Valdeorras

Un equipo de arqueólogos de Sputnik Labrego escava varias construcións preto da mina de Valborraz asociadas co comercio ilegal dun mineral clave na Segunda Guerra Mundial

Os Foucellas, a resistencia republicana que se botou aos montes para loitar contra o fascismo

O grupo Histagra da USC inicia a exhumación dunha fosa da resistencia armada antifranquista en Teo

De rebelión militar a electrochoque: a crúa represión franquista nos psiquiátricos galegos

A historiadora Noelia Valiño analiza máis de 800 historias clínicas e acha varios casos nos que a opresión foi o único motivo de internamento