Publicidade
Mércores 21 Maio 2025
Publicidade

“Queremos que todo o mundo viva a ciencia”: arranca a terceira edición de CinVigo

Xincanas, postos con proxectos, concursos e obradoiros infantís protagonizan o evento organizado polo CINBIO

A curiosidade vista nos xestos dun rapaz é algo belo. As miradas dos nenos ilusionados ao ver un espectáculo case máxico en directo. Todo, en pleno corazón de Vigo. CinVigo volta un ano máis co mesmo lema: “Ciencia na rúa”. Un festival ao aire libre que promete bater este sábado e domingo, unha vez máis, a marca de asistentes. De feito, as inscricións para actividades como algúns obradoiros infantís esgotáronse en cuestión de horas. O evento, organizado polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), contará cunha programación variada para todas as idades.

CinVigo promete máis e mellor na súa terceira edición, tras o éxito dos anos anteriores. A acción comezará a partir das 11 horas deste sábado, coa apertura dos postos da feira científica, que centrarán o evento durante os dous días. Un total de 70 proxectos científicos creados por máis de 250 rapaces de entre 11 e 17 anos. Todos eles intentarán loitar por algún dos tres premios que se conceden en cada categoría. Hai ideas de diferentes tipos: desde xeración de combustibles ata crear enerxía a partir dunha baldosa. Todos visibles para calquera que pase pola Porta do Sol.

Publicidade

Ciencia en primeira fila

“Respírase ambiente de ciencia na rúa”, explica ilusionado o director de CINBIO, Miguel Correa. O catedrático recorda historias de edicións anteriores, como a ilusión dos rapaces chorando ao recibir o terceiro premio da súa categoría e sentir como o vivían. Pero non todo vai de recompensas. Correa destaca como o chamaron algúns dos participantes nas semanas seguintes a rematar, preocupados en que camiño tomar para poder ser investigador. E diso vai isto. De conseguir crear e promover ese interese pola ciencia.

Miguel Correa anima a cidadanía a achegarse a este evento. “Aínda que esteas paseando polo centro, recomendo que te achegues. Vas quedar sorprendido”, comenta o catedrático. As persoas que vaian poderán vivilo de primeira man e preguntar aos estudantes como fixeron os seus proxectos. “Involucran a toda a cidadanía, queremos que todo o mundo viva a ciencia”, asegura Correa. De seguro, unha forma distinta de aproveitar esta fin de semana de bo tempo.

Publicidade

Moito máis que ver proxectos

Os postos non son o único atractivo deste festival. Diversas actividades completarán esta fin de semana, como é o caso da xincana “CinVigoHolmes”, que proporá aos seus participantes ser detectives por un día. Un misterio que deberán resolver a través de pistas que se atopan espalladas polo centro de Vigo. A actividade rematará o sábado ás 13:30. Os dous días contarán co espectáculo Cienceando. Todo un percorrido pola historia da ciencia a través de diversas experiencias e demostracións como, por exemplo, a natureza do lume.

Fotografía da primeira edición de CinVigo
Fotografía da primeira edición de CinVigo

Os obradoiros infantís, pensados para os nenos de entre 3 e 12 anos, tamén ofrecerán diversión e aprendizaxe aos máis cativos. Os rapaces crearán circuítos con plastilina condutiva de electricidade, pulseiras sensibles á luz ultravioleta e explorarán os mundos microscópicos. “Ver os nenos de ata 4, 5 ou 6 anos facendo experimentos é realmente marabilloso”, asegura Correa. Aqueles que non estean inscritos nestes obradoiros poderán divertirse igualmente polos diversos espectáculos de maxia itinerantes, os experimentos para todo o público ou a propia xincana pensadas para os nenos.

Unha feira con moita evolución

O CinVigo comezou como unha feira modesta, pero o éxito desde o primeiro ano está a facer deste evento algo moi grande. Na edición do 2024, máis de 45.000 persoas asistiron a este festival. Desde CINBIO, o centro organizador, cren que teñen a oportunidade de crecer pouco a pouco, con cada vez máis actividades e coa intención de poder expandilo. E sobre todo, poder levalo a outras cidades. Para Correa, o obxectivo sería que calquera puidese achegarse á ciencia da forma máis próxima posible. De momento, este ano, conseguiron o apoio da Xunta, da Unión Europea, do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Existe a aura? Un estudo di que os seres vivos desprenden unha luz que desaparece ao morrer

Investigadores da Universidade de Calgary comproban en ratos que a bioluminiscencia dos organismos desaparece ao deixar de estar vivos

Lambetadas terapéuticas, semáforos para reducir ruído e outros orixinais proxectos de Galiciencia 2025

A feira científica celebra a súa vixésima edición con máis de 3.500 participantes de Primaria, Secundaria, Educación Especial, Formación Profesional e Bacharelato

Un equipo de Vigo documenta por primeira vez un polbo de nove brazos no seu hábitat natural

É o primeiro estudo que rexistra como se usan as extremidades rexeneradas e bifurcadas nunha contorna salvaxe

Os 6 libros en galego que todo fan da ciencia debe coñecer

Historias de nenos que son heroes ou a orixe da vaca rubia autóctona: repasamos algunhas obras literarias para este 23 de abril, Día do Libro