Atopados catro corpos na foxa de San Miguel de Cabreira, en Salvaterra de Miño

O grupo da USC que lidera a escavación baralla a hipótese de que sexan cinco moañeses desaparecidos en 1936

O equipo de arqueólogos que están a traballar na exhumación da foxa de San Miguel de Cabreira, en Salvaterra de Miño, acaban de atopar os corpos de catro individuos. A escavación, que comezou o 18 de novembro, está liderada por Histagra, un grupo de investigación vinculado ao Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago (USC). Polo de agora, din os arqueólogos, non se poden extraer conclusións definitivas.

Dende os colectivos da Memoria do Morrazo achegan a hipótese de que puideran ser cinco veciños desaparecidos en Moaña en 1936, dos que as súas familias reclaman a súa busca, exhumación e identificación, pero non se puido aínda verificar este punto.

Publicidade

Tal e como explica a historiadora do proxecto Conchi López, os traballos na foxa “foron complicados debido a que é un espazo que presenta unha estratigrafía complexa e un terreo que foi parcialmente alterado”. Na escavación atopáronse importantes niveis de recheo “ata chegar a localizar o enterramento de dous individuos que foron exhumados para poder analizar os seus restos e comprobar se son vítimas da violencia golpista de 1936”.

Indicios de dous enterramentos máis

Nunha segunda fase, e unha vez chegado ao substrato natural, optouse por realizar unha ampliación, na que apareceron indicios de dous enterramentos máis, nos que se está traballando actualmente.

Publicidade

Segundo o informe histórico previo de Histagra, coa colaboración da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e investigadores locais, “buscabamos o enterramento de cinco persoas que foron inscritas no rexistro civil de defuncións como “descoñecidas” o 19 de outubro de 1936, tras ser paseadas no lugar de Curros, a un escaso quilómetro do cemiterio onde foron inhumados”, explica Conchi López. Actualmente, dúas fillas e/ou sobriñas dos moañeses reclaman ao equipo a procura, recuperación, identificación e entrega dos restos.

5.000 vítimas asasinadas

A desaparición foi un fenómeno “relativamente frecuente”, segundo sinalan os datos de Nomes e Voces. Das 18.000 vítimas rexistradas, ao redor dunhas 5.000 foron asasinadas, e unha quinta parte foron desaparecidas. “É dicir, estamos a falar de nomes sen corpo e corpos sen nome, como é o caso desta foxa”, advirte a investigadora de Histagra.

Con esta exhumación o grupo Histagra dá por rematado o I Plan Cuadrienal de Memoria Democrática (2021-2024), financiado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática en colaboración coa USC e a Xunta de Galicia.

1 comentario

  1. Felicitar ao grupo Histagra polo seu magnifico traballo.
    O goberno de Feijóo e agora de Rueda da cero euros para facer esta labor de recuperación dos republicanos asasiñados polo franquismmo. esa é a importancia que lle da o PP a estes traballos.
    Todos os republicanos fusilados, merecen un enterro digno e un recoñecemento público pola defensa da legalidade, que era a República.
    Desde o ano 1936 ata 2025 pasaron case 90 anos. Cantos paseados seguen nas cunetas ? Este país é unha vergoña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE