Domingo 13 Outubro 2024

Fernando Serrulla: “Poderíase abrir o sepulcro de Santiago O Maior e ver o que hai”

O científico é autor dunha investigación que confirma que a morte de Santiago O Menor non se corresponde coa descrita na historia sagrada

Os supostos restos de dous apóstolos descansan na Catedral de Santiago. Un centro de peregrinación internacional xa en 1991, ano no que o antropólogo Fernando Serrulla realiza a súa investigación por encargo da Xunta. El analizou os fragmentos dun cráneo que sempre fora atribuído a Santiago O Menor. E tras o seu estudo sacou unha conclusión: morreu asasinado por unha espada. Unha versión que non coincide coa que aparece descrita na historia sagrada.

Unha das hipóteses de Serrulla, que traballa na Unidade de Antropoloxía Forense do Hospital de Verín e é responsable do Instituto de Medicina Legal de Galicia, é que os restos de Santiago O Menor poidan pertencer aos de Santiago O Maior, coñecido como o Apóstolo, sobre o cal se construíu a historia das peregrinacións a Compostela. Pero só é unha hipótese. Serrulla insiste en que o seu estudo, publicado agora e realizado hai trinta anos, segue ofrecendo máis dúbidas ca certezas.

Publicidade

—Como recorda aquel ano 1991? Como foron os inicios da investigación?

—Isto comezou cunha chamada da dirección xeral de Patrimonio da Xunta para ver se me podía facer cargo deste estudo. Naquel momento, estábase a facer un traballo de prospección ou de investigación na catedral. O deán naquel momento era Alejandro Barral e tiña moito interese en estudar esta reliquia, non sei moi ben o motivo. Entón propúxolle á Xunta buscar un antropólogo, que era eu, e dixéronme que tiña que ir a Santiago porque o estudo só se podía facer dentro da catedral. E iso foi o que fixen. Tamén se contratou un fotógrafo profesional para sacar imaxes analóxicas.

Publicidade

—Que técnicas se utilizaron? Tendo en conta que non foi posible estudar os restos nun laboratorio, senón que tiveron que facelo no propio sepulcro.

—Non foi complicado porque só contabamos con 15 ou 20 fragmentos do cranio. Á marxe de todo isto, outros tantos reducidos a po de tamaños menores de un ou dos milímetros que non son, en principio, valorables. A metodoloxía é a habitual en antropoloxía: inspección, antroposcopia, ver os ósos, examinalos con detalle e a través do método puzzle reconstruír na medida do posible o elemento óseo que esteamos estudando. Eu apenas estudei un 10%, 15% ou 20% dun cranio. Podería ser desexable facer análises doutro tipo? Pois seguramente si. Nunca sabes o que pode saír se fas unha radiografía pero o fundamental do caso creo que non tería cambiado: as lesións ou o feito de que pertencera a un varón adulto.

“Apenas estudei un 15% ou 20% dun cranio porque non había máis”

—Por que só se estudou un 15% ou un 20%?

—Non se puido analizar máis porque non había. O relicario é unha peza metálica de prata sobre dourado e no seu interior estaban conservados os restos. No ano 1921 produciuse un incendio na capela das reliquias e seguramente o relicario actuou como forno. É probable que o cranio, se é que estaba enteiro e conservado dentro do relicario, se fragmentara e calcinara. Quedou, en moitos aspectos, reducido a po ou a fragmentos subcentimétricos ou centimétricos que son os que, basicamente, se poden estudar. No traballo hai fotografías nas que se ve claramente a magnitude e o tamaño do que se estudou, que é ben pouco.

—É dicir, extráeronse as conclusións que se podían extraer. 

—Si, e isto tamén limita moito a valoración e conclusións porque apenas se puido estudar unha pequena parte do individuo. Ademais só estás vendo óso, non o corpo completo porque é unha proporción moi pequena dunha persoa. Ás veces xa nos cadáveres frescos é complicado saber de que morreu unha persoa, non che quero contar cando o que tes é apenas un 2% dun corpo.

“Xa é complicado traballar con cadáveres frescos, máis aínda cando só tes o 2% dun corpo”

—Unha das principais hipóteses da súa investogación é que os restos de Santiago O Menor poderían pertencer aos de Santiago O Maior.

—O máis importante de todo non creo que sexa iso, senón considerar que a reliquia atribuída a Santiago O Menor contén un cranio cunha lesión por arma cortocontundente, é dicir, unha espada. Ese tipo de lesións non son compatibles co modo de morte descrito pola historia sagrada de Santiago O Menor. É dicir, ou ben a historia sagrada non é certa ou ben a persoa á que pertence este cranio non é Santiago O Menor. E isto é o fundamental.

A partir de aí, todo o demais son interpretacións. En primeiro lugar, consideramos que cando o cranio chegou a Santiago no século XII, xa o arcebispo Xelmírez dubidaba que fose de Santiago O Menor. É máis, eu creo que morreu pensando que o cranio pertencía a Santiago O Maior. Mesmo enviou un fragmento a Italia asegurando iso e parece ser que o creron.

Busto relicario de Santiago Alfeo, atribuído a Rodrigo Eáns, e datado no ano 1332. Foto: Museo da Catedral de Santiago.
Busto relicario de Santiago Alfeo, atribuído a Rodrigo Eáns, e datado no ano 1332. Foto: Museo da Catedral de Santiago.

En segundo lugar, talvez o máis importante desta argumentación, é que a finais ou mediados do século XIX o Vaticano encargou un estudo a profesores da Universidade de Santiago de Compostela para que estudasen uns restos moi fragmentados que apareceron na escavación dunha cripta.

Alí concluíron que os ósos pertencían a tres persoas novas e que eran dunha data moi antiga. A escavación era a un nivel de época romana sen especificar. O Vaticano fíxolles tres preguntas. Unha delas era se os restos podían ser do Apóstolo Santiago e eles dixeron que podían ser. Entón O Vaticano, despois da resposta destes profesores universarios, concluíu que os restos achados na cripta eran de Santiago O Maior malia que se dicía que eran restos de tres persoas e estaban moi fragmentados.

—Cal é a súa impresión?

—Hoxe en día este tipo de estudos non se sosteñen. Se me preguntaran a min vendo o mesmo que viron estes profesores diríalles que non estou seguro porque non tería suficientes datos para asegurar que era o Apóstolo Santiago. De igual modo que non teño ningún dato para pensar que o cranio que está contido no relicario de Santiago O Menor é Santiago O Menor nin Santiago O Maior. Eu non o sei. O único certo é que a historia sagrada da morte de Santiago O Menor non é a que din que é ou ben o cranio que está dentro do relicario non pertence a el. Iso é un dato obxectivo. Todo o que hai arredor son hipóteses, tan válidas como outras moitas. Unha das posibilidades é que sexa Santiago O Maior porque presenta unha lesión cunha espada.

“Unha das hipóteses é que sexa Santiago O Maior porque presenta unha lesión por espada”

—Cales son as posibilidades de obter máis información deses restos? As técnicas evolucionaron moito nestes trinta anos?

—Non creo que se puidera investigar moito máis porque estamos ante ósos carbonizados e isto limita moito o estudo. Eu creo que calquera antropólogo que puidera estudalos chegaría a conclusións moi similares. Non sei se se podería practicar un Carbono-14, penso que non. Porque a carbonización é moi posible que afectase á estrutura do carbono. Non estou seguro porque non son experto. E pouco máis realmente.

O que si se podería facer é abrir o sepulcro onde se supón que está Santiago O Maior e ver realmente o que hai. Eu persoalmente non teño especial interese porque estou dedicado a outro tipo de investigacións, este non é o meu campo. Para min ten interese por tratarse de restos humanos pero non penso en mañá abrir o sepulcro de Santiago. Agora ben, se a Igrexa quere abrilo e contar comigo eu estaría encantado.

—Poderíase afondar máis se os restos se analizasen nun laboratorio?

—Si, seguramente. Trabállase con outros tempos, doutra maneira. Se ti sabes que tes que  marchar ou que o teu tempo está limitado a dez días… Sempre é mellor podelos estudar en laboratorio. Eu investiguei algunhas reliquias pero a Igrexa, en xeral, non adoita permitir que os ósos se saquen de alí.

—É un tema delicado dado o seu impacto cultural e mediático.

—Máis que o mediático a min preocúpame o cultural. O mundo científico no que eu me movo e o mundo da relixión son esferas da cultura moi distintas. Eu non quero molestar a ninguén. Unicamente achego o meu punto de vista científico a un feito que tamén ten unha faceta relixiosa e cultural de moita importancia e moita trascendencia. Por tanto, e como di Joan Manuel Serrat, nunca é triste a verdade, o que non ten é remedio.

“Sempre é mellor estudar os restos nun laboratorio pero a Igrexa non adoita deixar que se saquen de alí”

—Vostede dixo nalgunha ocasión que a súa investigación non achega certezas, tan só dúbidas.

—Efectivamente. Son hipóteses que se poderían corroborar se se estudara ben a cripta, a arca… O que pasa é que estas cousas, pola miña experiencia, xeran moita polémica dentro da Igrexa. Logo pode coincidir ou non segundo o estudo co que se supón da persoa, pode permitir dubidar da identidade ou non… Eu creo que a fe e a relixión son cousas totalmente distintas. Se un cre que está realmente o Apóstolo Santiago alí, cre iso e listo. A túa fe non se debería quebrantar porque houbera unha confusión nos últimos vinte séculos na Catedral de Santiago.

—A súa investigación realizouse hai 30 anos. Por que se dá a coñecer agora?

—No 91 eu era un antropólogo que estaba empezando a miña experiencia, levaba apenas tres ou catro anos traballando con ósos arqueolóxicos. Estaba moi enfocado na miña vida académica e profesional porque estaba preparando a miña oposición de forense e  estudando criminoloxía. Por iso o meu interese non era nin é publicar este nin ningún outro traballo.

De feito, moitas das miñas investigacións están aínda sen publicar porque hai que sacar tempo, dedicar horas… En segundo lugar porque tampouco teño especial interese. O estudo quedou así ata que me pareceu que tiña tempo. A finais do 2018 un compañeiro animoume a publicar nesta revista porque ían facer un número especial. Enviei o artigo, aceptárono no 2019 e publicárono agora. Son os tempos das revistas, aí non teño nada que ver eu. Non hai ningunha man negra que queira sacar á luz determinadas polémicas. Ás veces a realidade é totalmente prosaica.

“Non hai ningunha man negra que queira sacar á luz as polémicas. Publiqueino cando tiven tempo”

—Fixo máis estudos dende o 91 ou o artigo publicado é o mesmo que elaborou hai 30 anos?

—Este traballo do 2019 non ten nada que ver co do 1991. Nese ano fíxose un informe antropolóxico puro, a parte descritiva. Evidentemente faise algunha mención a que os restos non coinciden co modo de morte de Santiago O Menor pero non vou máis alá. No 2019 si que fago un estudo da documentación histórica e aí é cando empezo a decatarme de que cabe a posibilidade de que este cranio pertenza a Santiago O Maior. O caso publicouse nalgún congreso científico e algunha xente xa o coñecía. Vino comentando e presentando en ambientes científicos e académicos da universidade, non estivo oculto. Publicouse pero sen repercusión mediática.

—Poderase seguir con outras liñas de investigación? Cales son as súas perspectivas, dada a repercusión do caso?

—Nin idea. Aínda que si sei que a tónica xeral da Igrexa é deixar as cousas como están. Os estudos científicos non se adoitan facer nas igrexas pero iso non quere dicir que mañá aconteza unha excepción. Mais os estudos científicos dunha reliquia fanse de forma moi, moi puntual. As investigacións coma estas son moi excepcionais e máis nun caso coma este de Santiago Apóstolo. A repercusión cultural e social é enorme.

—Vostede xa participou no estudo doutras reliquias.

—De reliquias e de cadáveres enterrados en igrexas. Sen ir máis lonxe estiven na busca de Cervantes. Tamén no estudo dunha momia que apareceu en Mondragón, outra investigación dun varón que estaba nunha igrexa palentina… A Igrexa, se son persoas que non teñen o valor de reliquia, non adoitan poñer ningún problema. Pero se son reliquias non. Imaxina a repercusión que podería ter que o dedo incorrupto dun Santo poida ser un pau. Pode parecer un dedo medio momificado pero fas unha radiografía e resulta que non é un dedo, senón outro obxecto. Este tipo de cousas poden ter unha repercusión grande e a todos os niveis. Non entro a valoralo, pero iso fai que poidan colisionar estas dúas esferas: a científica e a cultural-relixiosa.


Referencia: A Forensic Anthropological Study of Human Remains Attributed to the Apostle James Alphaeus (Publicado en Forensic Anthropology).

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Quen era Teodomiro? O ADN identifica os restos do fundador do Camiño de Santiago

Un estudo internacional liderado polo galego Patxi Pérez-Ramallo confirma que a tumba da catedral pertence ao bispo de Iria Flavia

Novo achado na catedral de Santiago: unha ventá románica oculta tras un retablo

A fiestra da capela de San Salvador sae á luz durante as obras de restauración do templo compostelán, dotadas con 250.000 euros

Como era a tumba do Apóstolo? Reconstrúen en 3D os santuarios previos á catedral de Santiago

Unha empresa galega crea imaxes dixitais da arquitectura prerrománica galega, co santuario de Afonso III como máximo expoñente

Novo acto vandálico en Santiago: escalan a fachada da Porta Santa a plena luz do día

Defensores do patrimonio histórico-cultural alertan de que este tipo de comportamentos se están descontrolando