Sábado 27 Xullo 2024

As vacinas da gripe e da Covid-19, simultáneas para os maiores de 80 anos en Galicia

Sanidade presenta a campaña de vacinación antigripal, que se adaptará para facilitar a inxección da dose de reforzo nos maiores de 70 anos

Desde o pasado luns 18 de novembro, Galicia afronta unha nova campaña de vacinación da gripe. Será un dispositivo atípico, xa que confluirá co tempo coa administración da dose de reforzo contra a Covid-19 que o Ministerio de Sanidad español e as comunidades autónomas acordaron inxectar a persoas maiores de 70 anos. A administración do fármaco antigripal cobra relevancia no contexto actual despois de que, tralos rexistros mínimos do pasado ano por mor das medidas de prevención instauradas contra a Covid-19, se estean a detectar de novo casos de infeccións causadas polo virus da gripe.

A Xunta de Galicia presentou este mércores a campaña de 2021, que se prolongará ata o 31 de decembro. A principal novidade, segundo expuxeron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o secretario xeral técnico da consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e a directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán, vai ser a administración simultánea das vacinas da gripe e da Covid-19 entre a poboación de 80 ou máis anos.

Publicidade

Por mor da pandemia da Covid-19, a campaña abordarase de forma secuencial. Desde o luns 18 comezou a administración das primeiras doses entre o persoal sanitario dos centros públicos e privados. A continuación, ata o vindeiro mes de decembro, o Sergas habilitará máis de 900 puntos de vacinación na que se administrarán as doses. A Xunta adquiriu para esta campaña un total 885.800 unidades.

Así, desde o día 25, vacinarase ás persoas de 65 ou máis anos, así como ás persoas institucionalizadas de maneira prolongada (residencias de maiores e discapacitados e traballadores destas institucións). Desde o 15 de novembro atenderase ás persoas de 60 a 64 anos, persoas menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio; prematuros de 6 meses a 2 anos; persoal de servizos esenciais; persoal de exposición laboral; e, ademais, o persoal das oficinas de farmacia. E, finalmente, dende o 29 de novembro as persoas a vacinar serán o resto da poboación diana e conviventes de persoas de risco.

Publicidade

Procedemento

García Comesaña expuxo que os centros de saúde de cada área sanitaria citarán a través dun SMS remitido ao teléfono de contacto que figura na listaxe do Sergas ás persoas de 80 ou máis anos para vacinarse. No momento en que acudan a recibir a vacina de reforzo da Covid-19 (na meirande parte dos casos xa transcorreron os seis meses indicados desde a pauta de dobre dose inicial), ofertaráselles de xeito simultáneo a vacina antigripal. Así, as dúas vacinas poderán administrarse nun mesmo acto, aínda que en distintas partes do corpo.

No caso das persoas de entre 70 e 79 anos, primarase a administración da vacina contra a gripe, xa que neste rango etario aínda non se cumpriron os seis meses marcados nas recomendacións de vacinación para a dose de reforzo da Covid-19. Así, as persoas poderán recibir, se o solicitan, a vacina antigripal, e máis tarde Sanidade convocará a este colectivo para a dose de reforzo da Covid-19.

A consellería de Sanidade fai tamén un chamamento ao resto dos grupos diana da campaña de vacinación na gripe, nos que se inclúen, ademais do grupo de 70 ou máis anos, as persoas de 60 a 69, os residentes en institucións pechadas de calquera idade; e tamén aquelas de entre 6 meses e 59 anos de idade que conten con factores de risco de padecer complicacións derivadas da gripe.

A vacinación contra a gripe tamén está indicada para as embarazadas -estendéndose incluso até nos 6 meses seguintes ao parto-, e para os prematuros. A vacina ofertarase tamén a aquelas persoas que poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, así como a aquelas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade, ou grupos con exposición laboral e conviventes con persoas de risco.

Alén das persoas maiores de 70 anos, que serán citadas por SMS, o resto da cidadanía diana poderá solicitar a súa cita de vacinación a través da web e as aplicación do Sergas; no seu centro de saúde, ou mediante unha chamada telefónica.

O obxectivo da Xunta de Galicia é acadar o 75% de vacinación entre as persoas maiores de 65 anos e tamén entre os traballadores do Servizo Galego de Saúde, e dun mínimo dun 60% entre as mulleres embarazadas.

Tres vacinas distintas

Na campaña de vacinación da gripe usaranse tres vacinas distintas segundo os  diferentes grupos de poboación: a trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados poñerase ás persoas de 65 ou máis anos; a vacina de alta carga tetravalente, aplicarase nas persoas maiores de 60 anos institucionalizadas en residencias, dado que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión; e a vacina tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación comeza a partir dos 6 meses de idade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta subvenciona a conexión a internet de case 5.000 persoas vulnerables

Os bonos permitirán unha redución mensual de ata 20 euros na factura e poderán solicitarse ata o 30 de setembro

O lado escuro dos ‘influencers’: a publicidade de produtos que quere evitar Sanidade

Os galegos Guillermo Carracedo e Sara Seco apoian o novo proxecto de lei, que restrinxirá a promoción de artigos sanitarios nas redes sociais
00:00:16

A maioría dos ‘pellets’ xa alcanzaron a costa seis meses despois do accidente do ‘Toconao’

Un equipo de Canarias crea unha simulación da marea de bólas plásticas, que tamén chegaron a outras zonas do norte de España e ao oeste de Francia

Sanidade detecta en 21 concellos a carracha que transmite o perigoso virus Crimea-Congo

A Xunta reforza a vixilancia pola aparición de casos no Bierzo pero sen constancia de que o patóxeno chegase a Galicia