A denominación influencer é un concepto que colleu relevancia nos últimos anos. Nas redes sociais, máis que perfís famosos, existen estes personaxes metade humano, metade ser mitolóxico. Estes usuarios, que contan cunha gran cantidade de seguidores fieis ao seu contido, teñen un escuro lado oculto. Neste ámbito, a publicidade parece ser ese problema ao que non se lle atopa solución, e ao que o Ministerio de Sanidade quere dar resposta a través da lexislación.
Deben anunciar que o story publicado é #publi? Só en Instagram ou tamén noutras redes sociais? A estes problemas relacionados coa figura dos influencers dá resposta a popularmente coñecida Lei de Influencers de España. Os afectados por esta normativa deben cumprir simultaneamente tres condicións: ter máis de 300.000 euros de ingresos derivados da súa actividade, un millón de seguidores dunha plataforma de vídeo, ou dous millóns en total e, polo menos, 24 vídeos publicados ao ano. Segundo a normativa, isto é ser un influencer.
Aínda que, segundo esta lei, deben identificar todos os contidos publicitarios, hai unha serie de restricións que deben cumprir. Establécese a prohibición de facer publicidade sobre tabaco ou derivados —nin cigarros electrónicos, herbas para deixar de fumar ou empresas que os producen—. Por outro lado, a publicidade de alcol e xogos de azar está regulada. Estas medidas teñen, entre os seus obxectivos, protexer as persoas menores de idade. Pero… que pasa coa publicidade de produtos sanitarios?
Nova lei en camiño
Para comezar, cabe destacar cal é a diferenza entre un medicamento e un produto sanitario. O primeiro avalíase e, despois, as autoridades sanitarias deben darlle luz verde antes de que saia ao mercado. Por outra banda, o produto sanitario está máis liberalizado, avalíaselle e concédeselle un certificado de conformidade por organismos notificados, que normalmente son entidades privadas. Sobre elas, as autoridades teñen a única responsabilidade da súa vixilancia, auditoría, seguridade e publicidade.
Sobre esta base, trázase o novo proxecto de lei proposto polo Ministerio de Sanidade. A semana pasada, a directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps), María Jesús Lamas, anunciou a futura normativa de publicidade de produtos sanitarios, a causa da crecente preocupación sobre influencers e personaxes famosos en redes que levan a cabo este tipo de promocións.
Actualmente, atópase en fase de estudo, mais sábese que restrinxirá a promoción destes produtos por parte de influencers e prohibirá mensaxes esaxerados e enganosos que induzan a erro comparándoos con medicamentos, espertando expectativas de éxito asegurado ou atribuíndolles funcións que non posúan. “Hai que evitar o nome dun famoso para identificar as bondades dun produto”, sinalaba María Jesús Lama como un dos motivos principais da posta en marcha.
Neste mundo das redes sociais habita Guillermo Carracedo. Santiagués licenciado en Medicina, emprega os seus perfís públicos para transmitir experiencias e valores propios, ademais de compartir os seus logros practicando surf. Dende a súa perspectiva, que engloba os campos de profesional da saúde e personaxe público, el teno claro: “Ninguén que non sexa médico está capacitado para recomendar un produto sanitario”.
O impacto dos influencers
“Recíbense bastantes ofertas deste tipo, mais non tantas como doutros sectores”, asegura Carracedo. Polo seu perfil de Instagram ou TikTok nunca pasou unha publicidade referente a un produto sanitario. “Separo bastante a miña faceta como médico e como influencer“, aclara. Mais no caso de aceptar algunha deste tipo, especifica que ten “coñecementos e estudos como para saber se un produto é seguro ou non”.
Sara Seco é tamén un perfil relevante en redes que se define no seu TikTok como “A dos blogs”. Ela tamén recibiu ofertas de campañas de produtos sanitarios: bucais (branqueamentos), oftalmolóxicos (lentes de ver e de sol graduadas), complementos vitamínicos, cremas redutoras e fotoprotectores. Deste grupo de posibles, aceptou publicidade de lentes graduadas: “Investiguei a marca todo o posíbel e comprobei que tiñan o CE”, aínda que nunca se está libre de erros”. A tiktoker considera que a lei actual “se queda curta” fronte ás posibilidades de que a súa audiencia merque un produto que ela anuncia.
Seguindo a lexislación establecida, a obrigación de marcar a publicidade é permanente. Sara Seco asegura que “a xente ten que saber que é publicidade ou colaboración, e non unha recomendación persoal”. Carracedo complementa esta información: “É unha acción que non todo o mundo fai, incluso os médicos”, asegura, facendo referencia ás accións dos visitadores farmacéuticos ás consultas.
“O obxectivo debería ser non promocionar sen coñecemento, sabendo que pode repercutir na saúde da xente”, asegura o médico-influencer. Non obstante, hai un produto con gran presenza en redes nos últimos anos que preocupa a ambos creadores de contido: as pastillas para a concentración, ás que a tiktoker engade as relacionadas coa perda de peso ou o ánimo, “das que a xente non está facendo un estudo detallado”.
Publicidade encuberta
A pesar das regulacións, a publicidade encuberta sempre está presente. Con todo, a concienciación dos usuarios sobre este tema tamén está medrando, e castígase a aquelas figuras públicas que non engaden estes sinais de advertencia nos seus contidos. Antes do establecemento do Real Decreto 444/2024, repetíanse situacións que poñían en dúbida a integridade do traballo das celebridades das redes.
En 2021, unha gran polémica desatouse na rede social Instagram cando case unha decena de perfís de personalidades famosas promocionaron de xeito encuberto sitios de apostas deportivas. Personaxes como Marina Yers publicaron mensaxes nas súas contas nos que contaban a súa suposta experiencia de éxito apostando ao fútbol, sen identificalas como publicidade. Así, animaban os seus seguidores a facer o mesmo a través dun canal de Telegram. Este é un dos principais perigos que pon no punto de mira a lei existente.
Con todo, nun plano aínda non regulado pola lexislación como é a publicidade de medicamentos e produtos sanitarios, a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) advirte aos cibernautas. “Os medicamentos non son produtos que se poidan recomendar á lixeira, como ás veces fan os influencers“, aseguran a través da súa páxina web.
Esta situación mostra unha realidade escura que impacta na poboación: ás veces, faise publicidade directa ou “camuflada” dalgúns medicamentos. É moi común o caso de medicamentos de uso tópico (toallas, cremas…), pois poden confundirse con cosméticos. Esta actuación por parte dos grandes perfís defínese dende a organización como “algo ilegal que pode resultar perigoso”. Así e todo, este proxecto de lei de Sanidade só é a continuación dunha longa carreira contra a influencia.














