Rogelio Santos Queiruga é un mariñeiro de Porto do Son que adoita faenar entre Fisterra e Corrubedo na súa pequena lancha xunto a sete compañeiros de oficio. Porén, nun momento dado, e sen ser premeditado, converteuse en todo un ‘influencer‘ do mar. Deuse a coñecer nas redes sociais un pouco antes da pandemia polos seus contidos sobre a vida e o oficio de mariñeiro, a alimentación sostible e o medio ambiente. Neste 8 de xuño, no Día Mundial do Océano, Rogelio Santos Queiruga participa nas actividades da primeira Feira do Océano, organizada polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). Nesta data tan importante, Queiruga —con decenas de miles de seguidores en Twitter e Instagram—, como polivalente mariñeiro, xa é todo un referente.
—En que momento decidiu pasar da rede de pesca á rede dixital?
—Foi un pouco antes da pandemia, animado por un profesor de bacharelato, xa que o estou sacando pouco a pouco, polas tardes e semipresencial porque non podo deixar o meu traballo no mar. Durante este tempo estudando, mandáronme facer moitos comentarios de texto, e relacionaba sempre estas redaccións coa miña experiencia e coñecemento sobre o mar. A miña forma de escribir chamoulle a atención ao meu profesor e comecei a usar as redes sociais como exercicio para seguir mellorando a miña redacción e porque, ao mesmo tempo, sempre me gustou falar coa xente, escoitala, e non quedar co que sei e co que penso. Así comecei a compartir a miña experiencia cos demais.
Son un privilexiado polo meu traballo como mariñeiro. Hoxe en día estase perdendo a conexión que se ten co mundo do mar, coa riqueza que temos aquí en Galicia, á xente resúltalle un tema bastante descoñecido e por este motivo comecei a crear este tipo de contido. Ademais, a pandemia fixo que a xente, sobre todo nas cidades, tivese que estar pechada nas súas casas e eu, por ser o mar unha actividade esencial, continuei saíndo a pescar. Entón xa só por empatía, durante a pandemia, abrinlles aos demais unha ventá ao mar, ao océano, comecei a miña actividade nas redes sociais, como divulgador case científico. Entre todo o odio e a frustración que a xente verte nestas plataformas dixitais e entre toda a desinformación, quería achegar algo construtivo, algo bonito que existe en Galicia e en todo o mundo: o mar.
“Estase perdendo a conexión que se ten co mundo do mar, coa riqueza de Galicia”
—Ser un referente na rede, ensinando a coidar o mar e aproveitar os seus recursos, como lle cambiou a vida?
—É verdade que eu achego moitas cousas boas á xente pero, desta mesma forma, esas persoas que me ven e escoitan tamén me achegan moitísimo valor a min. Si é certo que ver o efecto que ten nos demais, tanto as publicacións que fago como as cousas que escribo, é moi gratificante. Sobre todo, porque recibo moitísimo apoio, moito ánimo de todos os sectores da sociedade. É bonito que aconteza isto nun mundo tan fragmentado, con tan pouca colaboración. Que de repente unha persoa coma min, un humilde mariñeiro, reciba o recoñecemento de todo o mundo da pesca, da ciencia, educación, xornalismo, dos consumidores, dos galegos esparexidos polo mundo… Xente que se sente identificada ou á que lle interesa o mundo do mar e incluso os aspectos que podo comentar do mundo da ciencia xa que, aínda que non son científico, leo moito sobre este ámbito. De modo que a miña labor divulgativa achega todos estes temas ao conxunto da sociedade.
—De que xeito esta labor divulgativa contribúe a educar os máis novos?
—Penso que tanto no caso da educación dos pequenos e dos grandes, sobre todo hoxe en día, o que falta non é tanto achegar máis coñecemento, que xa existe e hai dabondo, o que máis inflúe e precisa a xente é o exemplo. As persoas cansan do márketing e da publicidade que moitas veces se dá no sector do medio ambiente ou no alimentario, por exemplo, parece que están movidos polo interese e por manter unha boa imaxe, poñen os seus propios beneficios sobre o das demais persoas. Creo que este é o motivo polo que chama a atención a miña maneira de comunicar, porque está baseada en transmitir exemplo e verdade de maneira sinxela, pero sobre todo porque devolve a confianza perdida entre tanto engano.
—Ademais do labor divulgativo, continúa a súa vida de mariñeiro?
—Levo traballando 27 anos no mar e espero poder xubilarme neste oficio. É máis, algo que lle chama moito a atención á xente é o feito de que un mariñeiro, máis alá da súa actividade profesional no mar, vaia dar charlas aos coles ou se adique a crear contido nas redes, sen obter beneficio económico a cambio. Eu como toda persoa ando preocupado por cousas que teñen que ver co meu e coa miña vida, como que vou comprar mañá, a miña seguridade na lancha, a miña formación… Pero ao mesmo tempo preocúpanme tamén outros asuntos alleos á miña persoa, como a seguridade dos océanos, o benestar da xente e a súa alimentación… Cousas comúns que decido tratar nas miñas redes sociais. Non me van a pagar máis por esta atención e implicación extra coa sociedade pero hai moitas máis cousas que teñen valor máis alá de gañar máis ou menos cartos.
—Ante que panorama se atopan os mariñeiros de hoxe en día cando saen ao mar?
—Os océanos están moi afectados por toda á actividade humana, tanto a xerada pola pesca como polos malos hábitos da cidadanía como tirar o lixo ao chan, a contaminación do aire, xerada pola vida nas cidades que acaba repercutindo no océano… Ao final todo inflúe e o panorama que nos atopamos os mariñeiros é bastante incerto. Os océanos están sobrexplotados, iso está claro, pero isto ten que ver coa sociedade en xeral. Gustaríame poder xubilarme no mar, encántame o meu traballo como mariñeiro, non só polo salario, senón polo feito de achegar peixe de calidade ao mercado, ben tratado e pescado de forma sostible, sen explotar os océanos.
A xente está agora moi preocupada, e con razón, porque cada vez que ten que encher o tanque do coche gastan case 100 euros, cando antes lles custaba igual 50, como moito. No noso caso, que somos unha embarcación pequena, de 2 mariñeiros, que nos desprazamos cerca da costa, entre Finisterre e Corrubedo desde Porto do Son, gastamos en 3 días ata 300 euros de combustible. Entón, penso que cada peixe que pescamos leva implícito ese custo económico pero tamén ambiental e enerxético. Desta forma non podemos permitirnos deixar de lado na alimentación o peixe, senón que temos que aproveitalo o maior posible, sobre todo neste momento que está diminuíndo a cantidade deste animal no mar. Sobre todo tendo tan bo produto aquí en Galicia co que poder alimentarnos. O consumo de produtos do mar está moi ligado á nosa saúde, en xeral, pero vivimos tan acelerados hoxe en día, que cada vez parece máis difícil sentar a comer peixe.
“Está ben recoller plásticos pero o que hai que facer é deixar de tiralo”
—Como poderiamos contribuír a reverter esta situación?
—Temos que consumir máis peixe de temporada, de baixura. Non se trata de consumir este alimento todos os días nin en tanta cantidade, senón de comer menos e de mellor calidade. Deberiamos interesarnos pola nosa saúde, non indo ao médico e tomando pastillas, senón moito antes, informándonos de que alimentos son bos para nós, onde se producen e como se conseguen. Non deixarnos levar por modas e non caer na trampa de que por ser máis económico será obrigatoriamente de mellor calidade. Por outro lado hai que cambiar tamén os nosos hábitos, porque está ben recoller plásticos, por exemplo, pero o que hai que deixar de facer é tiralo, acabar co problema de raíz. Isto vale tanto para xente que traballamos no mar como para todos os que están en terra. O ecosistema non é só o mariño, tamén as nosas cidades e parques son ecosistemas. É triste que as cidades estean cheas de cabichas, bolsas, latas, botellas… É horroroso e todo isto acabará logo no mar, ensuciando algo que é de todos e prexudicando á vida dos océanos e a calidade dos nosos alimentos.
—Cal é a mensaxe principal que queres trasladar á sociedade nos teus contidos?
—Cando se fala de medio ambiente, de sostibilidade estase a falar, sobre todo, do planeta que deixamos aos nosos fillos e netos, do futuro a longo prazo, mais isto é un asunto importante que debería preocuparnos agora mesmo, a curto prazo. É neste momento cando hai pouco peixe, é agora cando o mar, o aire e os ríos están moi contaminados. Calquera acción que fagamos hoxe terá repercusións no noso benestar actual, a curto prazo e nos próximos anos que vivamos. Por outra parte, non podemos descargar toda a culpa nos gobernos e institucións, porque nós tamén temos unha responsabilidade individual e se queremos queixarnos do que se fai mal, antes de nada, deberiamos empezar por facelo ben nós e actuar como co noso planeta.
—Pretende seguir a longo prazo como ‘influencer’ do mar?
—O meu plan e seguir facéndoo toda a vida! Quero seguir achegadno e aprendendo dos demais porque ao final isto é unha forma de vida. Como usuarios temos a oportunidade de estar rodeados de xente que sabe moito, de modo que non só teño o labor de comunicar, senón tamén o de aprender. Gustaríame que isto mesmo que conseguín eu o puidese seguir facendo máis xente, abrín unha porta non só a consumir os meus contidos sobre o coidado do medio ambiente e sobre ser responsables co mar, senón que tamén brindo a oportunidade de achegar, posto que a divulgación e dar exemplo é cousa de todos.