Galicia Nomeada recupera máis de 43.000 microtopónimos en menos de tres anos

A Real Academia Galega e a Xunta lanzan a quinta edición da campaña "Toponimízate" con charlas en 17 concellos para por en valor a toponimia do país

Na memoria dos galegos viven máis de dous millóns de topónimos. Pero se non se recollen nin se rexistran corren o risco de desaparecer. Co obxectivo de evitar o esquecemento naceu Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa xestada pola Real Academia Galega (RAG) e a Xunta de Galicia. A ferramenta, que botou a andar a finais de 2019, xa conseguiu todo un fito: en menos de tres anos consegue recuperar máis de 43.000 microtopónimos en 292 concellos galegos. Especialmente en Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo e Silleda, algúns dos municipios onde máis achegas de fixeron.

Detrás deste proxecto hai máis de 2.600 colaboradores que salvagardan os topónimos e os microtopónimos para que todo o mundo teña acceso a eles. E, sobre todo, para que non se perdan co paso do tempo e coa perda dos costumes e modos de vida máis tradicionais da nosa comunidade. Entre os participantes salientan unha trintena de centros educativos que colaboran activamente na recuperación de topónimos galegos, como é o caso do IES Pintor Colmeiro, en Silleda. Outros incorporáronse máis recentemente, como o IES Illa de Arousa, o CPI O Mosteiro de Meis ou o IES Maximino Romero de Lema de Baio.

Publicidade

Campaña “Toponimízate 2022”

Ademais de Galicia Nomeada, a RAG e a Xunta —a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística— impulsan diferentes tipos de actividades para divulgar e por en valor a toponimia galega. Unha delas é a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que neste 2022 chega á súa quinta edición. Un dos principais obxectivos é integrar novos colaboradores ao proxecto e, para iso, celebraranse charlas nos seguintes concellos: Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio.

Os municipios escolléronse seguindo un mesmo criterio: alí onde os microtopónimos —é dicir, nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos…— corren maior risco de se perder, ben por vivir un forte despoboamento nas últimas décadas ou polos procesos de transformación do territorio, ao ser concellos próximos a grandes vilas e cidades. Tamén se tivo en conta de que moitas das localidades elixidas non foron obxecto de recolla de datos durante o desenvolvemento do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2021), o que fai aínda máis necesaria a recollida dos topónimos.

Publicidade

As charlas de Toponimízate, centradas na riqueza toponímica de Galicia, nas súas ameazas, no funcionamento de Galicia Nomeada e do significado de cada un dos microtopónios, serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, contando coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza na elaboración das etimoloxías.

Concellos e datas

Toponimízate celebra este ano 17 sesións, chegando xa a un total de 70 concellos do país. Estas son as charlas, por data e municipio:

  • Pantón. 17 de xuño. Salón de actos da Casa da Cultura.
  • Sada. 4 de xullo. Centro para a atención de persoas maiores de Mondego.
  • Laza. 8 de xullo, 20.00 horas. Casa do Concello.
  • Chandrexa de Queixa. 29 de xullo. Antigo colexio de Celeiros.
  • A Fonsagrada. 19 de agosto, 19.00 horas. Salón de actos municipal dos Chaos.
  • Covelo. 30 de setembro, 11.30 horas.
  • Castrelo de Miño. 4 de outubro, 11.30 horas. CEIP de Castrelo de Miño.
  • Rodeiro. 7 de outubro, 20.00 horas. Centro Cultural Manuel Lamazares.
  • Fisterra. 10 de outubro, 17.00 horas. Salón de actos da Casa do Concello.
  • Ortigueira. 20 de outubro, 20.00 horas. Casa da Cultura.
  • Allariz. 21 de outubro, 20.00 horas. Casa da Cultura.
  • Oleiros. 28 de outubro, 20.00 horas. Auditorio da Fábrica, en Perillo.
  • Ponteareas. 9 de novembro, 20.00 horas. Auditorio Municipal.
  • Forcarei. 18 de novembro, 12.00 horas. CEIP Nosa Señora das Dores.
  • Zas. 21 de novembro, 16.30 horas. IES Maximino Romero de Lema de Baio.
  • Guntín. 23 de novembro, 12.00 horas. Casa da Cultura.
  • O Incio. 25 de novembro, 19.00 horas. Casa do Concello.

As persoas interesadas en participar na recuperación da toponimia tradicional poden acceder á web de Galicia Nomeada ou a través do correo toponimia@academia.gal

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Esta é a situación de Ponteareas no mapa do risco de radon

A Consellería de Sanidade pecha temporalmente a planta soto do centro de saúde municipal e reorganiza o persoal tras detectar niveis elevados do gas canceríxeno

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas