Diagnose rápida da variola do mono: “O normal é que os casos vaian a menos”

A viróloga Ángeles Cañizares destaca a importancia das PCR como as implantadas en Vigo e A Coruña, co obxectivo de axilizar os illamentos selectivos

Dende que se lanzara a alerta internacional sobre a varíola do mono o pasado martes 17 de maio, os casos non deixaron de aumentar. En Galicia xa son tres os positivos confirmados polo Sergas, dous deles na área sanitaria da Coruña e un na de Vigo. No conxunto de España, segundo os datos recollidos por Our world in data, son 198 positivos, 17 deles recentes, o que a converte no segundo país no mundo con máis casos. A diagnose rápida revélase crucial para deter a súa expansión. Se se consegue, a contención da enfermidade estará máis cerca, explica Ángeles Cañizares, viróloga do CHUAC.

Con ese obxectivo de anticipar a detección, manter a vixilancia e poder confirmar ou desbotar os casos sospeitosos, a Consellería de Sanidade puxo en marcha a realización de PCR no Hospital Clínico de Santiago, no Meixoeiro de Vigo e no CHUAC da Coruña. Esas probas abren a posibilidade de obter un resultado entre as tres e as seis horas posteriores, co que o departamento sanitario xa puido analizar a cinco pacientes: tres negativos, un positivo e un que aínda está en investigación. Con todo, polo momento 14 persoas presentaron un cadro de sintomatoloxía compatible co virus, das que puideron descartarse nove, mentres que dous continúan en investigación.

Publicidade

“Cun resultado tan rápido é máis doado actuar antes e poñer en marcha o illamento dos pacientes para evitar o contaxio. Realizamos dúas PCR: unha do xénero Orthopoxvirus e outra específica do Monkeypox, que é o virus da varíola do mono. Teñen que saír as dúas positivas para considerala un caso confirmado”, sinala Cañizares.

Situación global

Con 303 pacientes infectados, Reino Unido é o primeiro da lista, mentres que Portugal, con 153, é o terceiro. Pola contra, no resto de países contabilízanse menos dun centenar. A Organización Mundial da Saúde (OMS) está traballando con distintos expertos e grupos de consulta para elaborar unha estratexia de resposta a estes gromos atípicos da enfermidade e anima ás persoas a manterse informadas a través das autoridades sanitarias de cada país para manter as medidas de prevención.

Publicidade

Casos de varíola dos monos segundo os países. España é o segundo con máis notificados. Fonte: Our World in Data

“Eu penso que a tendencia será a estabilizar e que, se traballamos de forma axeitada, os casos irán a menos porque ao facer un diagnóstico rápido podemos illar a infección e evitar a transmisión do gromo. O normal é que non vaia a máis e é o que eu penso, pero non temos certezas”, explica a viróloga.

A organización pon especial atención aos contactos estreitos dos casos confirmados, xa que esta é a forma de propagación do virus, polo que o risco é especialmente elevado no caso dos traballadores sanitarios, os conviventes e as parellas sexuais. Con todo, a OMS tamén chama a evitar a estigmatización de determinados colectivos, xa que isto podería dificultar que as persoas afectadas acudisen aos centros sanitarios e provocaría un descontrol na propagación da enfermidade.

Transmisión sexual

Esta alerta lanzada cara as parellas sexuais provocou as dúbidas sobre a natureza da transmisión do virus. Con todo a evidencia é clara con respecto a isto: o contaxio prodúcese a través das gotículas da saliva e o contacto coas mucosas e coas lesións que provoca a varíola.

“A roupa e as toallas son focos de infección”

ÁNGELES CAÑIZARES (CHUAC)

Non se debe considerar unha enfermidade nin unha infección de transmisión sexual porque esta non é a vía exclusiva pola que se transmite o virus. Transmítese por un contacto estreito e, evidentemente, no contacto sexual hai un contacto estreito, pero pode transmitirse sen ter relacións sexuais. Os obxectos que están en contacto coas lesións como a roupa, as toallas ou as sabas tamén son focos de infección e por iso hai que ter un illamento bastante estrito mentres as vexigas estean presentes no corpo”, manifesta Cañizares.

Avaliación do risco

O Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) mantén a avaliación que publicou o pasado 23 de maio onde estabelecía unha estimación de risco baixo para a poboación xeral e moderado para as persoas con múltiples parellas sexuais. Ademais, os expertos sinalan que na maior parte dos casos os gromos de varíola do mono cursan con síntomas leves, mais que a enfermidade podería agravarse en determinados grupos de poboación como son os rapaces ou as persoas en estado de inmunodepresión ou de xestación.

Así, dende o ECDC buscan priorizar o rastrexo de casos e as súas relacións, que deberán vixiar o desenvolvemento de síntomas ata 21 días despois do último contacto cun positivo. Este será o mesmo número de días que deberán esperar para poder doar sangue, órganos ou medula ósea. Por outra banda, as recomendacións para persoal sanitario pasan pola utilización de equipos de protección individual (EPI) cando se avalien casos sospeitosos ou positivos confirmados, incluíndo guantes, bata resistente á auga e respirador FFP2.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O lume como espello: innovación, prevención e cooperación fronte aos incendios en Galicia

Unha xornada organizada por Firepoctep+ en Santiago reuniu a máis de medio cento de especialistas para repensar a xestión do territorio

Fomentar a economía rural, o mellor antídoto contra os incendios

O principal responsable da perigosa acumulación de combustible é un problema silenciado: o abandono das aldeas

Cambiar o sistema: a fórmula para frear a diabetes tipo 2

O sedentarismo e a mala alimentación son só algunhas causantes da resistencia á insulina: vivir nunha gran cidade xa aumenta o risco

Como os xacementos arqueolóxicos poden ser clave na loita contra os incendios

Unha metodoloxía deseñada na UVigo permite identificar enclaves paleontolóxicos que serían tamén puntos importantes na prevención de lumes