Os últimos dous anos estiveron protagonizados por unha situación sanitaria inusual: a pandemia de SARS-CoV-2 que aínda non se deu por finalizada. Os datos epidemiolóxicos son favorables e xa estamos aprendendo a convivir co virus. Con todo, a saúde volve ser o tema hexemónico nos medios nos últimos días. A varíola do mono, unha enfermidade da mesma familia que a varíola humana —erradicada en 1980—, fixo saltar as alarmas. É unha doenza endémica de África, sobre todo dos países do centro e occidente do continente. Porén, en pouco máis dunha semana, xa hai arredor de 200 casos, entre sospeitosos e confirmados, en máis dunha decena de países do mundo, segundo os últimos datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Cal é a situación en Galicia?
De momento, non hai ningún caso confirmado en Galicia, pero si tres sospeitosos. Segundo informou hoxe a Consellería de Sanidade nun comunicado, xa se enviaron as mostras dos pacientes ao Instituto de Salud Carlos III, onde se analizarán e se realizará un diagnóstico definitivo. Ademais, o Sergas confirma que, de momento, as tres persoas se atopan estables. Ata o de agora non transcendeu máis información.
A mortalidade é “moitísimo máis baixa” que a da varíola humana
No que respecta a España, segue a ser o país co maior número de casos. Segundo os datos recollidos por El Confidencial, o foco principal está en Madrid, con 34 casos confirmados e 38 sospeitosos. Canarias é a outra comunidade autónoma que ten unha infección confirmada e outras catro en estudo. Tamén se suman, ademais de Galicia, outras rexións con casos aínda sospeitosos, como son a Comunidade Valenciana, Aragón, Andalucía, País Vasco, Castela-A Mancha e Estremadura.
Cal é a súa orixe?
Un artigo publicado o 20 de maio en Nature explica que foi en 1958 cando se detectou o virus por primeira vez en monos de laboratorio, de aí o seu nome. Segundo a OMS, en 1970 a varíola símica detéctase en humanos, sendo o primeiro caso un neno de nove anos na República Democrática do Congo. Ata o de agora, a meirande parte dos casos notificados procedían de rexións rurais da África occidental e central, onde se considera unha doenza endémica. De feito, segundo o artigo de Nature, o virus causa “uns poucos miles de casos” na zona cada ano.
Fóra de África, os brotes de varíola do mono foron esporádicos e relacionados con viaxeiros procedentes do continente ou por contacto con animais infectados. Iso foi o que aconteceu en 2003 en Estados Unidos, a primeira vez que se detectou fóra de África. Case todos os pacientes notificados tiveran contacto estreito con cans da pradaría domésticos que, á súa vez, foran infectados por outros roedores importados.
Cal é a sua gravidade?
Non consta que ningún dos casos confirmados estea hospitalizado. Ademais, segundo as declaracións da viróloga do CHUAC Ángeles Cañizares a GCiencia, a mortalidade da varíola do mono é “moitísimo máis baixa” que a varíola humana. De feito, a comunidade científica, aínda que está en alerta, insta á calma e recorda que a situación non é comparable á que provocou a irrupción do coronavirus. Un dos aspectos nos que máis inciden os expertos é que a varíola dos monos non é unha enfermidade descoñecida, como foi a covid no seu momento, senón que o virus que a causa xa se estuda dende a década dos 70.
“A transmisión da varíola dos monos non é comparable á da covid”
Cantas cepas hai?
Segundo o artigo de Nature, e á espera de máis resultados, todo apunta a que o virus que está afectando os países non africanos está relacionado cunha cepa de África occidental. Ao parecer, causa enfermidade máis leve e ten unha taxa de mortalidade máis baixa (estímase que do 1% nas poboacións rurais pobres) en comparación coa que circula en África central. De todas formas, é preciso seguir estudando ata que punto están relacionadas e se o están, tamén, os virus que apareceron nos diferentes países.
En palabras de Raina MacIntyre, epidemióloga da Universidade de Nova Gales do Sur en Sidney, Australia, o virus que provoca a varíola do mono é de ADN. Iso significa que “é mellor” para detectar e reparar mutacións en comparación cos virus de ARN, como é o SARS-CoV-2. É dicir, “é pouco probable” que o virus da varíola do mono mutara de maneira repentina para converterse “nun experto da transmisión humana”.
Por que saltan agora as alarmas?
O motivo de alerta é a gran dispersión xeográfica que acadou a enfermidade en tan só unha semana. Segundo os últimos datos da OMS, facilitados nunha mesa redonda retransmitida hoxe dende a súa conta de Twitter, hai arredor de 200 casos, entre confirmados e sospeitosos. Segundo expuxeron os expertos no relatorio, a preocupación actual deriva de que é a primeira vez que se detecta a varíola do mono en varios países e ao mesmo tempo en xente que non viaxou ás rexións de África onde a enfermidade é endémica. Ademais, agora xa se notifican casos en contornas urbanas, cando era unha doenza máis frecuente no rural.
Segundo a OMS, a vacina da varíola humana demostrou unha eficacia do 85% na prevención da varíola do mono
Ademais, no artigo de Nature indican que só na última semana o número de casos detectados fóra de África xa supera a cantidade notificada fóra do continente dende 1970. Aínda que a rápida propagación é o que mantén á comunidade científica en alerta, os expertos de Nature piden non entrar en “pánico” e recordan que non ten nada que ver coa pandemia de covid: a varíola do mono está causada por un virus xa coñecido, non se propaga coa mesma facilidade que o SARS-CoV-2 e espérase que infecte a menos contactos estreitos. Segundo Nature, os doentes adoitan recuperarse en poucas semanas e sen tratamento específico.
Como se contaxia?
A viróloga do CHUAC Ángeles Cañizares explicaba a GCiencia que a vía de transmisión da varíola do mono non ten nada que ver coa da covid. Mentres que esta última se propaga a partir de aerosois, a outra doenza require dun contacto moi estreito para contaxiar. Segundo a OMS, pódese contraer a infección ao producirse contacto con secrecións das vias respiratorias, lesións cutáneas ou con obxectos contaminados polos fluídos dos pacientes. Indica, ademais, que a principal forma de transmisión é a partir de pingas respiratorias, sobre todo despois de prolongados contactos cara a cara.
No artigo de Nature fan fincapé en que a varíola dos monos, de momento, non é considerada unha enfermidade de transmisión sexual. Con todo, este tipo de relacións requiren de contactos moi estreitos cos fluídos corporais, incluso coas lesións cutáneas que poida ter a persoa infectada, polo que é fácil que se transmita a enfermidade a través desta vía. Na mesa redonda celebrada hoxe pola OMS, os expertos pediron non estigmatizar a ningún dos doentes de varíola dos monos, a meirande parte deles homes que manteñen relacións sexuais con outros homes. E insisten: todos nos podemos contaxiar se mantemos contacto estreito cunha persoa infectada.
Cales son os seus síntomas?
Segundo a OMS, os síntomas que aparecen primeiro son a febre, a cefalea intensa, a inflamación dos ganglios linfáticos, a dor lumbar e muscular e o cansazo. Despois aparecen as erupcións cutáneas ou exantema que adoita afectar primeira á cara e logo vaise estendendo ao resto do corpo. As zonas nas que máis se rexistran son o rostro (95% dos casos) e palmas das mans e plantas dos pés (no 75%). A eliminación das pústulas —ata que iso non se produza o paciente pode seguir contaxiando, segundo Ángeles Cañizares— pode durar ata tres semanas.
Ten tratamento?
Unha das mensaxes máis repetidas nos últimos días é que para a varíola do mono non hai tratamento nin vacina específica. Porén, as noticias non son tan malas como cabería esperar. Segundo a OMS, a vacina contra a varíola humana “demostrou unha eficacia do 85% para previr a varíola símica”. O problema está en que a inxección, despois da erradicación da doenza en 1980, xa non é accesible ao público. Aínda así, informacións dos últimos días, tanto da OMS como do propio Ministerio de Sanidade español, apuntaban á posibilidade de recuperar esta vacina e inoculala á poboación de máis risco, que serían os contactos estreitos dos doentes.
De feito, no artigo de Nature a epidemióloga do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades de Estados Unidos Andrea McCollum aposta por que a vacina da varíola non se vai aplicar a “gran escala”. Pensa que o máis probable sería recorrer á “vacinación en anel”. É dicir: vacinar os contactos estreitos para conter a ruta de transmisión. A epidemióloga vai máis alá e segura que “os brotes actuais probablemente non requirirán estratexias de contención máis alá da vacinación en anel”. “Incluso en áreas onde a varíola do mono ocorre todos os días segue a ser unha infección relativamente rara”, asegura.