Unha actividade lúdica de “escape room” previa á entrega de premios, foi o prato final do Reto #CaminaenDigital, un concurso desenvolvido en toda España no que se premiaba o saudable hábito de camiñar e se incentivaba o manexo e coñecemento de ferramentas dixitais por parte das persoas maiores. Ao longo de 20 días, e tras recibir a formación necesaria nos Centros de Competencias dixitais, os participantes camiñaron nas súas contornas, mediron as distancias percorridas con ferramentas tecnolóxicas, sacaron fotografías, gravaron vídeos e compartiron estas experiencias a través da páxina web e do espazo na rede social Facebook.
Foi, en moitos dos casos e para moitas destas persoas, a primeira vez na que fixeron uso de aplicacións de medición de pasos, ou mesmo a primeira que sacaron unha imaxe ou unha captura de pantalla e a enviaron a través dunha rede social. Este era o principal obxectivo do reto: aumentar a capacitación das persoas maiores e familiarizalas co uso das tecnoloxías dixitais. Mais o concurso tamén supuxo, segundo manifestaron algúns dos responsables dos centros de competencias dixitais, unha experiencia que animou a achegarse e a coñecer a actividade formativa destes espazos para a inclusión dixital a persoas que até agora nunca o fixeran. Cumpríronse así os propósitos principais desta iniciativa coordinada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través da Rede CeMIT, dentro da programación creada para celebrar este ano o Día de Internet, no seo da asociación de ámbito estatal Somos Digital.
Premios colectivos e individuais
Coa emisión online transmitida este luns desde o GaiásTech para toda España, puido verse a alegría coa que recibiron o premio ao centro que recorreu máis quilómetros no Centro de Dinamización Tecnológica Local de El Franco, en Asturias, onde o seu equipo, formado por 45 persoas maiores, percorreu 5.050 km. desde o pasado 29 de abril. Tamén no espazo CyL Digital de Zamora recibiron con moita ilusión o galardón por ser o centro no que recorreron máis quilómetros por persoa, unha media de 265 por participante ao longo de 20 días. Foron recoñecementos que se sumaron aos que recibiron Mercedes Maroto, de Calzada de Calatrava, por ser a participante que percorreu máis quilómetros, 598, e Julia Almeida e María José Camba, ambas de Zamora, por subir o vídeo e a imaxe con máis Gústame na conta de Facebook da iniciativa. Todos eles recibiron dispositivos tecnolóxicos cedidos polo Comité de Impulso del Día mundial de Internet.
Unha experiencia inclusiva para todas as persoas
A experiencia do reto adaptouse a todas as situacións, grazas ao traballo dos axentes dinamizadores dos centros de competencias dixitais. Houbo lugares, como Villanueva de Oscos, en Asturias, onde algunhas das persoas participantes facían as súas andainas dentro do polideportivo, xa que son usuarias do centro de día e da residencia de anciáns da vila e, polas súas características físicas, requirían un lugar cómodo para andar no que poder descansar cada pouco.
Salientable é tamén o caso de San Benito, un municipio de Ciudad Real, onde interviron no reto 29 dos seus 185 habitantes, de xeito que foi o tema principal de conversa nestes días. Noutros casos, o “pique” san entre localidades próximas animaba a realización de quilómetros, xa que a clasificación dos percorridos por cada centro e mesmo por cada persoa podía verse día a día na páxina web da iniciativa, creada e dinamizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, quen tamén construíu o Escape Room co que se puxeron en práctica, unha vez máis, as habilidades informáticas adquiridas polos participantes.
As dúas iniciativas forman parte da ampla programación posta en marcha pola Asociación Somos digital para celebrar o Día de Internet, que este ano se celebrou baixo o lema “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.