O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén a Galicia no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), “O Sector TIC en Galicia 2023”, publicado recentemente.

O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados. O valor engadido bruto (VEB) das empresas tecnolóxicas galegas en 2021 (ultimo dato dispoñible) foi de máis de 1.753 millóns de euros, o 2,7% do PIB galego.

Publicidade

Tamén medrou nun 8% a porcentaxe de traballadores con titulación universitaria STEM (especialidades formativas de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías, Informática e Matemáticas), nas empresas tecnolóxicas galegas, que xa representan un 42,4% do total de traballadores neste tipo de compañías. Aínda así, o 78,8% das empresas TIC galegas considera difícil ou moi difícil contratar novo persoal con formación en especialidades STEM.

Internet das cousas, Big Data e IA

O emprego das tecnoloxías innovadoras no sector tecnolóxico está encabezado pola Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5%. O Big Data ocupa xa o segundo lugar, cunha presenza do 35%, seguido da Intelixencia Artificial, que é empregada polo 29,5% das empresas TIC galegas.

Por outra banda, o 27,5% das tecnolóxicas galegas fai uso ou incorpora aos seus servizos recursos de Business Intelligence, un 24,8% emprega Chatbots e máis do 11% utilizou a impresión 3D no 2023.

Respecto á ciberseguridade, cómpre destacar o crecemento de empresas TIC galegas que oferta produtos ou servizos de ciberseguridade, que no ano 2023 foi do 27,6% e supón un incremento do 12,2% respecto ao ano anterior.

Comercio electrónico e electricidade

O 32,6% de empresas TIC venden os seus produtos a través do comercio electrónico no último ano, cun crecemento relativo do 21,2% sobre o ano anterior. No 2023, o peso das vendas a través do comercio electrónico respecto ao volume de negocio das empresas TIC representou o 53,7%.

Novamente, no 2023, a fibra óptica é a tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas. As empresas que contratan esta tecnoloxía incrementáronse nun 3,5 puntos porcentuais e acadan unha porcentaxe do 76,1%.

Tamén se mantén a velocidade no último ano, cun 83,4% de empresas TIC con velocidade de conexión igual ou superior a 100 Mbps. Todos os informes e documentos do OSIMGA están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Intelixencia artificial contra os discursos de odio

Os investigadores do CITIC Paloma Piot e David Otero participan no novo episodio de O Descodificador

A galega Gradiant desenvolve un modelo de atención integrada para os pacientes con feridas crónicas

A ferramenta creada polo centro tecnolóxico, en colaboración co IIS Galicia Sur, busca ofrecer unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente

Usar a IA sen entendela: que consecuencias ten para os estudantes?

Aínda que un 'chatbot' responda con confianza isto non garante a súa veracidade. Por Juan José Lorenzo Castiñeiras, Andrea Fernández-Sánchez e Isabel Fernández-Menor

Máis servizos electrónicos para administracións e cidadáns: así foi o balance dixital galego do 2025

O balance anual da Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborado pola Amtega, recolle as medidas levadas a cabo no último ano e actualiza os obxectivos de cara ao final da década