Sábado 20 Abril 2024

“A transmisión da varíola dos monos non é comparable á da covid”

A viróloga do CHUAC Ángeles Cañizares asegura que a nova doenza ten unha mortalidade "moitísimo máis baixa" que a varíola humana

Unha trintena de casos confirmados e máis de vinte sospeitosos xa converten España no país con máis doentes de varíola dos monos do mundo. Unha enfermidade que xa se está a dispersar rapidamente. Na mañá deste venres, países como Bélxica, Alemaña e Italia confirmaron os seus primeiros casos. Cabe preguntarse, entón, se xa temos motivo para a alarma, aínda que en Galicia non se notificase, de momento, ningún caso. “Está claro que a enfermidade estase a expandir e temos que saber cal é a causa. Estamos alerta pero, de momento, debemos investigar ben e manter a tranquilidade”, declara a viróloga do CHUAC Ángeles Cañizares. A experta insta á calma, recordando que ten que haber un contacto “moi estreito” para que se produza o contaxio. “A transmisión da varíola dos monos non é comparable á da covid”, recorda.

“A diferenza do coronavirus, esta doenza non se contaxia polo aire, senón por gotas de saliva ou por contacto con mucosas infectadas e lesións”, explica a viróloga. Polo tanto, a roupa de cama, as toallas ou os diferentes utensilios empregados polo doente, se estiveron en contacto coas lesións cutáneas, ou vexigas, poden funcionar como transmisores da enfermidade. Outra vía de contaxio é a través das relacións sexuais, malia que Cañizares advirte de que a varíola dos monos aínda non se considera unha Enfermidade de Transmisión Sexual. “Estás en contacto estreito coas persoas coas que practicas sexo e, polo tanto, coas súas mucosas, por iso se transmite”, detalla a viróloga do CHUAC.

Publicidade

Casos de menor gravidade

Outro dos motivos para non xerar alarma é que os casos diagnosticados non son de gravidade. Segundo Cañizares, non consta que ningún dos infectados en España —segundo La Vanguardia, todos homes— estean hospitalizados, polo menos de momento. Iso calma os ánimos, especialmente pola súa asociación coa varíola humana, unha doenza máis virulenta e que se declarou erradicada en 1980. “As dúas enfermidades son curmás, están moi relacionadas e sábese que as persoas que están vacinadas contra a varíola están máis protexidas contra a doenza actual”, apunta Cañizares. De feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciou hoxe que se debería comezar a vacinar de varíola os contactos estreitos de pacientes de varíola dos monos.

“As persoas vacinadas contra a varíola humana están máis protexidas fronte á varíola dos monos”

“Unha vez que se declarou erradicada, deixouse de vacinar. Polo tanto, as persoas maiores de 40 anos son as que están máis protexidas, ao contrario que as máis novas”, indica a viróloga. É máis, a experta do CHUAC matiza que un dos motivos polos que a varíola dos monos se está comezando a espandir sexa, xustamente, que xa queda máis xente sen vacinar ca vacinada. De feito, diferentes medios de comunicación fixéronse eco onte dunha información relacionada con Ministerio de Sanidade que, ao parecer, anunciou a posible compra de vacinas contra a varíola humana.

A este respecto, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que están á espera de que o Ministerio traslade “información oficial” ás comunidades autónomas sobre a posible compra das vacinas da varíola, segundo as súas declaracións nun acto celebrado hoxe en Ourense. “Se a vacina é efectiva, confiamos en poder tela a disposición no caso de que houbera algún caso sospeitoso e que se confirmase en Galicia. Así poderíase administrar se realmente é unha arma terapéutica, como parece que si o é”, apuntou. Ademais, o conselleiro anunciou que Galicia acaba de activar unha rede para detectar casos de varíola dos monos.

As lesións poden durar ata tres semanas

Malia as similitudes que pode ter a varíola humana coa varíola dos monos, a infección que produce esta última é máis leve. Así o explica Cañizares: “Ten unha mortalidade moitísimo máis baixa e os síntomas tardan bastante en aparecer. Adoitan ser adenopatías, febre, dores de cabeza, cansazo extremo…”. Segundo continúa detallando, o período de incubación do virus pode ser de entre unha e dúas semanas. Logo aparecen os síntomas, cunha inflamación dos ganglios antes da aparición das lesións en boca, cara e extremidades.

“Os síntomas tardan bastante en aparecer e adoitan ser adenopatías, febre, dores de cabeza e cansazo extremo”

As lesións cutáneas, ademais, poden durar ata tres semanas. “Ata que as vexigas non fan as súas fases, ata que a costra non cae de todo, considérase que a persoa pode infectar”, asegura a viróloga. De feito, a experta do CHUAC insiste en que ata que non desaparezan as lesións, poden contaxiar, incluso entrando só en contacto coa roupa do infectado. Polo tanto, o mellor é illarse e usar máscara.

De momento, a única recomendación para pasar o virus é esa: illarse. Segundo confirma Cañizares, non existe a día de hoxe ningún tratamento para esta enfermidade. “Hai fármacos para tratar de aliviar os síntomas, pero nada máis. Ou, por exemplo, se se dá unha infección secundaria nas lesións. Habería que vixilar e, de ser necesario, administrar antibiótico”, aclara. A experta tamén reflexiona e insta a valorar a importancia da vacina de varíola. “Pode que o máis lóxico sexa volver vacinar”, insiste, dado que as persoas inoculadas están máis protexidas contra esta enfermidade.

Aumento das zoonoses

A investigación é clave para ser capaces de responder a todas as preguntas que aínda están no aire. Por iso é preciso manter a prudencia. Cañizares recorda que o primeiro é facer o diagnóstico e logo secuenciar o virus para saber de onde procede. Segundo explica a experta do CHUAC, hai dúas especie de variantes de varíola dos monos: unha é máis contaxiosa, frecuente e transmítise entre humanos e, a outra, presenta características diferentes. “É importante crear os mapas filoxenéticos. Saber cal é a relación do primeiro paciente cos demais, se os casos están relacionados, se non…”, analiza a viróloga.

O certo é que a cada hora agroman novos casos de varíola dos monos. Non só nos países da nosa contorna, senón tamén nas diferentes comunidades autónomas, posto que xa varias delas contan con casos sospeitosos. A varíola dos monos non deixa de ser, como o coronavirus ou a gripe, unha zoonose. “É o que ten a globalización. Fai que os animais cambien de continente cando non terían que cambiar. Móvense dos seus ecosistemas, dos seus sitios… Ademais hai moito movemento de persoas que veñen con contactos primarios e secundarios. Son barreiras ecolóxicas que xa se saltaron”, di Cañizares. De momento, a seguir esperando. E quedar cun dos aspectos máis importantes: a mortalidade, de momento, é moitísimo máis baixa que a da varíola humana.

Que sabemos sobre o novo brote de varíola dos monos?

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios

Galicia arrinca a vacinación contra a gripe e a covid o 25 de setembro

A Consellería de Sanidade confirma que a campaña de 2023 se prolongará ata o 31 de decembro e se levará a cabo en diferentes centros