Cales son os síntomas da varíola dos monos? Como se transmite?

O Sergas confirma que, de momento, non se detectou ningún caso en Galicia da doenza, que cursa con febre, dor de cabeza e calafríos

Tras detectar varios casos e máis de vinte sospeitosos de varíola dos monos na comunidade de Madrid e outros tantos en Portugal e Reino Unido, o Ministerio de Sanidade vén de poñer en alerta a todas as comunidades autónomas. Polo momento, o Sergas non detectou ningún caso en Galicia. Con todo, cos datos dos que dispoñen actualmente, a Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) aconsella a quen teña dúbidas de infección contactar co seu centro de saúde de referencia para poder levar a cabo o diagnóstico oportuno.

De novo, esta é unha patoloxía zoonótica, que salta entre especies e chega a infectar o ser humano, un tipo de contaxio do que xa veñen alertando os expertos en relación co cambio climático e que xa se fixo patente coa pandemia da covid ou a gripe aviaria. Neste sentido, Jacob Lorenzo Morales, profesor titular de parasitoloxía na Universidade de La Laguna, afirma para Science Media Centre España (SMC) que “xa é hora de pensar que o desenvolvemento sen control das nosas sociedades debe ser máis equitativo” e anima a mellorar os tratamentos e as vacinas así como a evitar a deforestación nos territorios onde predominan este tipo de patóxenos.

Publicidade

Cales son os síntomas?

O virus da varíola dos monos presenta unha sintomatoloxía similar á da varíola humana, considerada como erradicada en 1980. Con todo, esta variante ten unha menor gravidade e capacidade de transmisión e é endémica en África central e occidental.

É habitual a inflamación dos ganglios e a aparición de erupcións

Despois de entrar en contacto con animais e contraer a infección, o período de incubación da enfermidade adoita ser de entre unha e dúas semanas, aínda que dende a SEIMC sinalan que podería estenderse algo máis, entre os 5 e os 21 días.

Publicidade

Os síntomas que recolle este organismo abranguen a febre, a dor de cabeza e molestias musculares, calafríos e esgotamento. Ademais, a diferenza da varíola humana, na dos monos é habitual a inflamación dos ganglios linfáticos, así como a aparición dunha erupción que afecta principalmente á cara, ás mans e aos pés.

Como se transmite?

A transmisión de persoa a persoa prodúcese principalmente a través da saliva ou das excrecións respiratorias, así como polo contacto coas lesións cutáneas que provoca a infección. Por este motivo, as persoas máis expostas serían conviventes e achegadas dos casos confirmados.

Mariano Esteban (CNB-CSIC): “Temos vacinas, métodos de diagnóstico rápido e antivirais. A poboación debe estar tranquila”

Por outra banda, o contacto directo con fluídos corporais ou mucosas tamén pode ser un foco de transmisión, polo que se contemplan como outras posibles fontes de exposición as feces e as relacións sexuais.

Mariano Esteban, virólogo do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC), apunta en SMC que “a preocupación sería maior se non tivésemos con que defendernos, pero si o temos. Na Organización Mundial da Saúde (OMS), de cuxo comité asesor son membro, reunímonos todos os anos para ver casos de varíola dos monos e a posibilidade de que haxa risco de casos de varíola humana en caso de bioterrorismo. Grazas a ese seguimento que se fai todos os anos podemos dicir que temos vacinas fronte á varíola dos monos. Temos métodos de diagnóstico rápido e temos antivirais. A poboación debe estar tranquila porque temos ferramentas para loitar contra este virus”.

Factores de risco

Lorenzo Morales explica que “é pouco probable que a varíola dos monos xere unha transmisión importante, pero hai que estar atentos. A maioría dos casos resólvense favorablemente, un feito que tamén está ocorrendo nos casos detectados nestes días”.

En palabras da SEIMC, sería sospeitosa de estar infectada calquera persoa con exantema vesicular sen unha causa explicable por calquera outra enfermidade (varíola, varicela, sarampelo, alerxias, etc.) acompañado cando menos dun dos síntomas clásicos da varíola dos monos.

Mar Faraco (AMSE): “As relacións sexuais implican contacto estreito e no sexo anal pode haber lesións na pel ou nas mucosas”

Ademais, sinalan que a atención debe ser maior aos pacientes que presenten vínculos epidemiolóxicos cun caso confirmado ou probable nos 21 días anteriores ao inicio dos síntomas, así como un historial de viaxe a África occidental ou central no mesmo período ou no caso de homes que manteñen relacións sexuais con outros homes. Precisamente, polo momento, todos os casos confirmados por Sanidade en España son de homes novos e na maior parte dos casos, aínda que non todos, mantiñan relacións sexuais con outros homes.

Este último punto é o que máis controversia está espertando, posto que para algunhas persoas a advertencia debería estar centrada en prácticas sexuais concretas, por exemplo aquelas que impliquen intercambio de fluídos ou o contacto con mucosas como poden ser a vaxina ou o ano, e non tanto na orientación das persoas que levan a cabo prácticas inseguras.

Neste sentido, Mar Faraco, presidenta da Asociación de Médicos de Sanidade Exterior (AMSE) manifesta en SMC que “o feito de que varios dos casos sexan de homes que teñen relacións sexuais con homes non implica que sexa unha enfermidade de transmisión sexual como tal. As relacións sexuais implican contacto estreito e no sexo anal son máis probables as lesións na pel ou nas mucosas, o que pode favorecer o contaxio“.

Que sabemos sobre o novo brote de varíola dos monos?

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a febre Q, a zoonose causada por unha bacteria silenciosa e común nas granxas galegas

Un estudo da USC revela que un 60% das explotacións son positivas en 'Coxiella burnetii', un patóxeno relacionado con problemas reprodutivos no gando e síntomas respiratorios en humanos

Un parasito ocular avanza en Galicia: Ourense é o epicentro dunha zoonose emerxente

Un estudo da USC revela que os lobos ibéricos funcionan como reservorio natural dunha enfermidade infradiagnosticada con impacto na saúde humana e animal

Badiola: “Hai unha probabilidade moi alta de que a nova gran pandemia teña orixe animal”

O doutor especialista en sanidade animal, sobre a gripe aviaria: “O risco para a cidadanía é extremadamente baixo, pero non completamente inexistente”

“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma