Un grupo de escaladores enfermaron de pneumonía en febreiro de 2021. O mundo estaba mirando con ollos atentos o coronavirus, causante da pandemia. Mais a manifestación clínica que presentaron os montañeiros non se correspondía co SARS-CoV-2, senón coa febre Q, unha enfermidade causada pola bacteria Coxiella burnetii, endémica en case todo o mundo e con alta presenza no gando. Contraeron a doenza tras visitar a cova contaminada de Baltzola, na provincia vasca de Biscaia. Pero non foron os únicos: o gromo de febre Q do País Vasco deixou máis dun cento de casos.
Este episodio foi un dos maiores gromos desta enfermidade en España, que xa en 2019 mostraba a incidencia máis alta de toda Europa. Un equipo da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), en colaboración co laboratorio Ceva Salud Animal, publicou un estudo e, máis recentemente, varios traballos en congresos, para recoller datos epidemiolóxicos nas granxas galegas. En xeral, a bacteria non causa enfermidade grave nin en animais nin en humanos, pero adoita asociarse con abortos e mortes perinatais en ruminantes e con síntomas respiratorios en persoas. Polo tanto, coñecer a prevalencia de Coxiella burnetii é fundamental para a saúde pública.
Alta prevalencia en Galicia
Unha das investigacións do equipo, publicada na revista Animals, revelou que o 60,1% das granxas de vacún analizadas tiñan anticorpos fronte á febre Q. “Na actualidade non se están a tomar medidas para controlar a enfermidade e estamos a rexistrar un aumento da prevalencia”, sinala o investigador da USC José Manuel Díaz Cao, un dos autores do estudo. Os motivos polos que non se aplica unha normativa máis rigorosa, apunta, poden deberse ao propio comportamento da bacteria: o seu curso dentro dunha explotación pode ser moi lento. “Precísase dunha presión de infección alta dentro da explotación. Pódese tardar ano e medio en ver casos que chamen a atención”, sostén.
Iso explica que haxa granxas positivas que, polo curso no que se atopa a bacteria, non mostren aínda indicios de enfermidade ou problemas derivados dela. E, polo contra, haxa outras explotacións que si rexistran mortes perinatais, dificultades coa fertilidade e unha longa lista de problemas de carácter reprodutivo. “Para avaliar a súa relación coa infección necesítase definir claramente o curso infectivo no que está a bacteria, por iso hai resultados publicados que poden resultar contraditorios”, aclara Díaz Cao, quen dá conta das dificultades á hora de analizar a situación de Coxiella burnetii en Galicia.
Gran resistencia ambiental
A bacteria, por tanto, é moi variable e ten moitos mecanismos para evadir o sistema inmune. Mais outro dos trazos que máis a caracterizan é a súa capacidade de resistencia ambiental e de acumularse no ambiente, o que pode causar unha gran presión infectiva nun mesmo espazo, como aconteceu na cova vasca. “A bacteria é altamente resistente ao calor, ao desecamento e a moitos desinfectantes, o que lle permite sobrevivir durante longos períodos no ambiente”, sinala a investigación publicada en Animals, que se desenvolveu en 262 rabaños leiteiros pertencentes a explotacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Ao acumularse no ambiente, os problemas derivados da bacteria poden tardar en manifestarse. Segundo explican dende a Organización Mundial de Sanidade Animal (WHOA), o patóxeno disemínase no leite, nos ouriños e nas feces, e transmítese mediante aeorosois, polo que é moi contaxioso. “As maiores concentracións detéctanse durante o parto, podendo acadar ata 1.000 millóns de centímetros cúbicos no líquido amniótico e na placenta“, indican. De feito, a investigación realizada a partir do gromo do País Vasco determinou que a cova era un lugar frecuentado por rabaños de cabras que non só depositaban alí as súas feces, senón que tamén parían, o que explica a elevada contaminación da gruta.
Problemas reprodutivos
A este respecto, o estudo da USC si detectou que a taxa de concepción foi “significativamente menor” nas granxas que deron positivo en Coxiella burnetii. Esta información é fundamental de cara a entender o comportamento da bacteria e a súa dispersión en Galicia, así como das medidas que se deberían adoptar para reducir o seu impacto. Non obstante, a situación non é tan sinxela. Aínda que existen vacinas contra a febre Q, Díaz Cao explica que o custe de poñelas ten que ser inferior ao beneficio de administralas. “As infeccións adoitan pasar desapercibidas. A enfermidade pode aparecer con diferentes manifestacións clínicas, o que favorece que avance de forma inadvertida”, sinala.
En canto á administración dunha vacina ou dun tratamento, o investigador da USC matiza con cautela as súas palabras. A situación non debería de analizarse dende un punto de vista global, senón particular. “Estamos traballando en cuantificar a situación epidemiolóxica de cada granxa. Algunhas explotacións poden requirir vacinación e outras non, talvez tan só teñan que tomar outro tipo de medidas, como evitar que entren animais portadores”, sostén. Polo tanto, a febre Q precisa dunha análise detallada das circunstancias de cada explotación. O certo é que en Galicia hai unha alta prevalencia, pero a bacteria é endémica en todo o mundo, agás en Nova Zelandia e a Antártida.
Unha zoonose ocupacional
Coñecer a expansión de Coxiella burnetii é unha cuestión de saúde pública, dado que a febre Q é considerada unha zoonose ocupacional, é dicir, que se transmite de animais a humanos e afecta determinados grupos que traballan en contacto directo con eles. Por exemplo, gandeiros e veterinarios. De feito, detectouse por primeira vez en traballadores dun matadoiro no ano 1935 en Australia. E non só pode infectar ruminantes e humanos, senón que hai unha longa lista de animais que poden ser hóspedes: dende aves, ata réptiles e artrópodos.
O gando é, por tanto, a principal fonte de infección para os humanos. Non obstante, dende a revista Eurosurveillance que edita o Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC), os gromos de febre Q poden acontecer en “lugares inesperados”. Estas dúas palabras foron empregadas para describir o caso acontecido no País Vasco en 2021, tamén derivado do contacto co gando, aínda que desa vez indirecto. As persoas infectadas non eran traballadores do sector primario, pero si permaneceron nun lugar frecuentado por cabras, cunha elevada contaminación por Coxiella burnetii e cunha mala ventilación. Iso provocou unha elevada presión infectiva na cova.
Síntomas en humanos
A febre Q adoita transmitirse por aerosois, é dicir, por vía respiratoria. E o seu período de incubación son entre 10 e 15 días. Entre os síntomas que poden presentar os humanos salientan febre alta, cefalea, dores musculares, dor de gorxa, náuseas, vómitos, así como dores de peito e estómago. Amais disto, a febre pode durar ata dúas semanas e derivar en pneumonía ou trastornos hepáticos. En raras ocasións provoca a morte e, de feito, menos do 50% das persoas infectadas desenvolve e enfermidade, e a meirande parte dos casos son leves. No caso de contraer a doenza, o tratamento pautado é un antibiótico de longa duración. Algunhas persoas, tras superar a febre Q, presentan fatiga crónica.
Potencial ameaza de bioterrorismo
Un dos aspectos máis curiosos de Coxiella burnetii é a súa catalogación como “potencial ameaza de bioterrorismo” por ser altamente infecciosa e moi resistente no ambiente, ao desecamento e a moitos desinfectantes. De feito, xa se empregou esta bacteria como arma de guerra biolóxica no pasado, segundo o Centro para a Prevención e o Control de Enfermimdades (CDC) dos Estados Unidos. Díaz Cao explica que a bacteria se utilizou na Segunda Guerra Mundial para aumentar as baixas entre os soldados e así mermar o exército inimigo.
Entre os casos máis recentes, o do País Vasco non é o único rechamante. A WHOA menciona un caso en Alemaña en 2003 que afectou 300 persoas tras o parto dunha ovella. No Canadá, unha gata que deu a luz nunha casa tamén esparexeu a infección entre a familia que xogaba ás cartas. Polo tanto, tal e como asegura o ECDC, os gromos de febre Q poden producirse nos lugares menos esperados. Os estudos epidemiolóxicos, a vixilancia e, sobre todo, o coñecemento, son as mellores armas para enfrontarse a ela.
Referencia: Prevalence, Risk Factors, and Relationship between Reproductive Performance and the Presence of Antibodies against Coxiellosis in Dairy Farm Milk Tanks in the Northwest of Spain (Publicado en Animals)













