Hai xa dúas semanas que apareceron os primeiros casos de peste porcina africana en España dende 1994: dous xabarís silvestres achados mortos en Bellaterra (Barcelona). As sospeitas da súa orixe pasaron dun bocadillo de embutido contaminado ao escape do virus dun laboratorio, unha investigación aberta polo Ministerio de Agricultura dende o pasado venres. Con todo, cabe preguntarse como funcionan os laboratorios que traballan con virus dende Galicia.
O laboratorio no punto de mira do novo brote é o Centro de Investigación en Sanidade Animal (CReSA), un dos máis punteiros de España, dependente da Generalitat de Cataluña, no que estudan o virus da peste porcina africana cun nivel de bioseguridade 3. Isto significa que traballan con material máis sensible, requiren un nivel máis alto de risco e, en consecuencia, establecen medidas moito máis estritas. Un chío en X de Xavier Abad, virólogo e xefe da unidade de biocontención deste laboratorio, fixo saltar a alarma cando publicaba esta mensaxe 12 días antes da identificación do brote: “Existen os accidentes en laboratorios ou instalacións que manipulan patóxenos”. Esta publicación, vista agora con perspectiva, podería dar lugar ás sospeitas.
Este centro catalán, en obras para ampliar e crear novas salas de alta seguridade, ten a súa versión en Galicia: o Laboratorio de Sanidade Animal de Lugo, dependente da Consellería do Medio Rural e referente do estudo de patóxenos que afecta ao gando. O centro galego tamén conta cun nivel 3, arriscado polos virus que estudan, pero ao mesmo tempo moi seguro polas normas de traballo, dado o seu traballo con enfermidades como a brucelose, que é unha zoonose; é dicir, pode afectar a humanos.
Que nivel de bioseguridade é necesario?
Carlos Pereira Dopazo, virólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, explica cales son as principais diferenzas entre os Biosafety Levels internacionais, descritos por organismos científicos e de saúde pública como os CDC (Centers for Disease Control and Prevention) ou a Organización Mundial da Saúde (OMS). O seu obxectivo é clasificar os laboratorios en función do risco biolóxico que manexan.
Existen tres categorías segundo o tipo de virus animal e, en consecuencia, o nivel de seguridade que precisan. O máis alto é o BSL-3: son aqueles centros que traballan con virus que poden producir, por exemplo, pandemias na viroloxía animal. Este é o caso do Laboratorio de Sanidade Animal de Lugo. Nestas instalacións, hai salas con cámaras previas á entrada nas que os investigadores deben someterse a duchas de desinfectante. O mesmo ocorre na saída, a fin de eliminar os contaminantes. “Os erros non se poden evitar, pero neste caso a probabilidade é moi baixa“, aclara o doutor Pereira.
O laboratorio en BSL-2, o nivel intermedio, xa non está en contacto co resto do edificio. Con todo, tampouco se precisan escafandros, nin salas de acceso independentes, nin cámaras de fluxo laminar. Nesta categoría estaría o laboratorio do Grupo de Investigación de Patoloxía en Acuicultura (GIPA) do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS), o laboratorio do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC) coordinado por Beatriz Novoa e Antonio Figueras e o laboratorio de xenética de Paulino Martínez en Lugo, os tres dedicados ao estudo de virus de peixes. “Todo o que está dentro da cámara non sae ao exterior”, sinala o investigador, e ademais empréganse luvas para traballar, establecendo así condicións de seguridade máis altas.
Finamente, o nivel 1 é o de risco máis baixo. O laboratorio de control está aberto ao resto das salas do edificio, polo que normalmente o usan investigadores (non virólogos) que traballan con patóxenos que non teñen risco, máis como ferramenta que como obxecto de estudo. “Eses virus están modificados para que non sobrevivan fóra dun cultivo celular“, explica Carlos Pereira.
Laboratorio de Sanidade Animal, referente en Galicia
Os niveis de bioseguridade establecidos non son as únicas medidas que se toman no traballo con virus. O doutor da USC explica que, ademais, cada laboratorio subcontrata a unha empresa para realizar auditorías e verificar a súa seguridade. Á súa vez, tamén existe un laboratorio de referencia nacional e outros a nivel comunitario que deben levar a cabo a vixilancia dos laboratorios. En España actúa o CISA-INIA, pero en Galicia é o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Lugo.
Coa integración tamén dos laboratorios de Guísamo (A Coruña) e Salcedo (Pontevedra), é onde se realizan análises e estudos de investigación sobre sanidade e hixiene dos animais, seguridade alimentaria e apoio directo ao sector gandeiro. Reciben arredor de 750.000 mostras anuais de 45 tipos distintos e 20 especies diferentes.
Así, os ensaios máis frecuentes que levan a cabo enfócanse no gando. Traballan coa paratuberculose, o protozoo Neospora caninum e o BVD (Virus da Diarrea Viral Bovina). Entre todas as actividades que se realizan dende o centro está a viroloxía: identifican e illan axentes infecciosos, e realizan ensaios en laboratorio cun nivel 3 de seguridade biolóxica.
As claves da seguridade no laboratorio
Carlos Pereira, Isabel Bandín e Sandra Souto dirixen o Grupo de Investigación de Patoloxía en Acuicultura (GIPA) do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS). Nel, un equipo con ata 40 anos de experiencia traballa con virus de peixes dende laboratorio con nivel de bioseguridade 2, sen antecedentes de dispersión.
No iARCUS, os estudos céntranse no nodavirus e o birnavirus. O nodavirus apareceu en Galicia polo linguado; aínda que é propio do Mediterráneo, na costa atlántica a temperatura non favorece a súa repliación. O birnavirus é ubicuo e causa patoloxías graves nos salmónidos. A raíz destes estudos, desenvolven vacinas e medidas de control para reducir a súa expansión.
Carlos Pereira subliña que o risco principal da seguridade é o persoal: “A experiencia dos investigadores e o rigor do xefe de laboratorio son fundamentais”. En espazos con virus de alto risco, debe haber responsables xerarquizados capaces de responder ante as dificultades.
Ademais, aplican medidas adicionais, como a esterilización mensual das cámaras con desinfectantes químicos de alta eficiencia. Isto explica o accidente de 2019 en Lanzhou (China), cando o uso de desinfectantes caducados nunha planta que fabricaba vacinas contra a brucelose provocou un brote. Tamén se restrinxe o acceso de persoal externo: se chega o repartidor de material ao laboratorio, este queda fóra das salas, a pesar de que os patóxenos que manipulan no GIPA non teñen risco para humanos. “Estamos traballando con virus, hai que ter moito coidado”, conclúe o profesor da USC.












