En 2023, o 21% dos concellos galegos estaba máis habitado por vacas que por persoas. Así o recolle a última actualización do Instituto Galego de Estatística (IGE). En total, hai 66 municipios —a maioría na provincia de Lugo— onde a poboación bovina supera a humana. Unha cifra que aumentou lixeiramente en comparación co 2018, cando GCiencia publicou unha peza onde o número de concellos con máis vacas que persoas se situaba en 64. Unha situación propiciada pola progresiva perda de poboación rural en Galicia, onde precisamente se concentra o maior número de explotacións gandeiras.
A continuación, podes consultar neste mapa os concellos con máis vacas ca persoas e o número de cabezas de vacún que hai en cada municipio. Canto máis escura é a cor, maior número de animais. O que ten unha cifra máis elevada é o concello lucense da Pastoriza, con 15.565 vacas censadas. O que menos, a localidade ourensá de San Xoán de Río, que só acada as 624 reses de vacún.
A provincia de Lugo, á cabeza
Tal e como se pode apreciar no mapa a simpla vista, a provincia de Lugo é a que concentra o maior número de concellos con máis vacas ca persoas. De feito, o 57% dos municipios lucences ten máis habitantes bovinos ca humanos. Estas son as 38 localidades nas que o elevado número de reses deixa constancia da importancia do sector primario nesta zona: Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Carballedo, Taboada, Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Portomarín, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Trabada, Meira, Pol, Riotorto, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Triacastela, Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, O Saviñao, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei.
A seguinte provincia no podio é A Coruña, con 20 concellos: Arzúa, Boimorto, Touro, Aranga, Curtis, Irixoa, Vilasantar, A Capela, Monfero, As Somozas, Dumbría, Frades, Mesía, Tordoia, Trazo, Santiso, Sobrado, Toques, Mazaricos e Santa Comba. Neste caso, tan só o 21% dos municipios ten máis poboación de vacún que de persoas.
As últimas na lista son as provincias de Ourense e Pontevedra, con cinco e tres concellos, respectivamente. No caso da primeira, os municipios con maior poboación bovina en relación á humana con Castro Caldelas, Montederramo, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e A Veiga. No caso de Pontevedra, son os de Agolada, Dozón e Rodeiro, os tres pertencentes á tradicional comarca gandeira do Deza. En proporción, tan só o 5% dos municipios de Ourense e Pontevedra teñen máis vacas ca persoas.
Máis de 10.000 reses…
Seguindo coa análise dos datos de 2023 achegada polo IGE, hai seis concellos con máis de 10.000 vacas. Porén, tan só en catro as cabezas de gando vacún superan á poboación humana. É o caso da Pastoriza, con 15.565 vacas fronte a 2.814 persoas; Mazaricos, con 13.957 reses fronte a 9.317 persoas; Santa Comba, con 10.793 fronte a 9.317; e, finalmente, Castro de Rei, con 11.434 vacas en comparación coas 5.012 persoas. Nesta lista tamén hai que sinalar os concellos de Frades (9.635) e Friol (9.824), que roldan as 10.000 cabezas de gando vacún.
Con todo, hai catro concellos con máis persoas ca vacas, pero que tamén superan a cifra de 10.000 reses. É o caso do municipio lucense de Sarria, que chega ás 12.336 cabezas fronte ás 13.317 persoas; e de Lalín, con 15.233 vacas fronte a unha poboación humana de 20.231. Ademais, os dous son os concellos máis habitados das súas comarcas, Sarria e Deza, historicamente vinculadas ao sector gandeiro.
E ningunha vaca
No lado contrario dos concellos con máis de 10.000 vacas están os municipios que non teñen censada ningunha cabeza de vacún. En total son sete repartidos entre as provincias de Ourense (Toén, A Arnoia, Beade, Ribadavia, Rubiá, Catoira e A Illa) e Pontevedra (Catoira e A Illa de Arousa). Hai outro municipio que podería engrosar esta lista: trátase da localidade ourensá de Cenlle, con só unha vaca censada.
A mínima diferenza
Os concellos do Val do Dubra e de Becerreá, o primeiro na Coruña e o segundo en Lugo, poderían sumarse á lista de municipios máis habitados por vacas que por persoas se continúa a crecente tendencia do despoboamento rural. O primeiro ten 3.770 habitantes e, moi de preto, séguea a poboación de vacún, que acada as 3.136 reses. Un caso semellante é o de Becerreá, con 2.705 persoas fronte a 2.561 vacas. Unha situación difícil de predicir pero que talvez continúe a estela dos últimos anos, nos que o número de concellos con máis gando vacún ca persoas está a aumentar: progresivamente, iso si, pero sen deterse.