A incógnita do virus hemorráxico das vacas: á busca da especie transmisora en Galicia

Un recente estudo apunta o díptero 'Culicoides obsoletus' como vector dunha enfermidade que xa deixa máis de 1.100 reses afectadas en 2024

O gandeiro Anxo Oro notificou a semana pasada a primeira morte por enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) na súa explotación de Agolada. Non é a primeira vez que este virus, transmitido por un díptero do xénero Culicoides, infecta as súas reses. Os primeiros casos xa os rexistrou o ano pasado, malia que non houbo que lamentar mortes. “Estamos preocupados”, admite o gandeiro, alzándose coa voz dos seus compañeiros de profesión. O certo é que a información sobre esta enfermidade vírica, que apareceu por primeira vez en Galicia en 2023 e non afecta a humanos, é ben escasa. De feito, aínda non se sabe cal é a especie que a transmite en territorio galego. Segundo o entomólogo Alejandro Polina, o único vector coñecido ata o momento é a especie Culicoides imicola. Porén, a súa presenza en Galicia é tan accidental e esporádica que se descarta que sexa o transmisor da EHE.

A principal hipótese é que a especie responsable sexa Culicoides obsoletus, amplamente distribuída por todo o territorio. Con todo, o entomólogo da Universidade de Vigo advirte que tan só é unha posibilidade, dado que aínda non está confirmada en laboratorio. “É moi importante saber cal é o vector. Se tes localizada a especie tamén podes coñecer o nivel de incidencia da enfermidade nas distintas zonas de Galicia. Iso permitirá ser máis selectivos cos procedementos de control”, apunta Polina. Con todo, corroborar cal é a especie transmisora non é unha tarefa tan doada. “Nós non temos as ferramentas para sabelo pero cónstame que hai outros grupos en España que si están a traballar niso”, engade. De momento, a súa contribución é a publicación dun recente estudo, o máis exhaustivo ata a data, sobre a distribución do xénero Culicoides en Galicia.

Publicidade

Un mapa de riscos

Esta investigación, na que tamén participaron membros da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), que depende da Consellería de Sanidade, senta as bases para a elaboración dun mapa de riscos da enfermidade hemorráxica epizoótica. “É complicado”, recoñece Polina. “Agora teriamos que determinar as zonas máis susceptibles á doenza en función dos focos declarados. O noso é un estudo previo pero agora habería que traballar con outras especialidades”, incide. Malia que o mapa de riscos sexa tan só unha idea, e talvez un proxecto no longo prazo, a súa utilidade sería inestimable á hora de tomar as medidas de control oportunas. De igual modo que o sería coñecer exactamente cal é a especie que transmite esta enfermidade en Galicia.

Medidas limitadas

As ferramentas para loitar contra a EHE son limitadas. Ao tratarse dun virus non existe un tratamento específico, máis alá da administración de antiinflamatorios e antipiréticos para mellorar os síntomas. A medida máis prometedora é a vacina, que se comezou a comercializar o 7 de agosto. “De momento estamos desinfectando todas as semanas e poñendo ventiladores, que é o que mellor funcionou”, di Anxo Oro. Con todo, é moi difícil controlar os Culicoides, sobre todo na explotación deste gandeiro de Agolada. Con 160 cabezas, 80 delas son de leite e están á beira do río, onde se adoitan concentrar os vectores desta enfermidade. Oro tamén usa distintos tipos de repelentes para frear na medida do posible o avance da EHE: “Hai que probar de todo”.

Publicidade

Un exemplar de Culicoides imicola, a única especie que, ata o momento, demostrou se transmisora da EHE. A súa presenza en Galicia é moi esporádica. Foto: Wikimedia Commons

O caso desta explotación de Agolada é tan só un exemplo. Segundo a última actualización ofrecida pola Consellería de Medio Rural, no que vai de tempada notificáronse focos de EHE en 24 comarcas veterinarias. En concreto, doce na provincia de Ourense; sete en Lugo; e cinco en Pontevedra. Se se traducen estes datos, o balance total son 524 explotacións positivas confirmadas en laboratorio e 1.130 animais afectados. Á vista deste balance, o xefe de servizo de Sanidade Animal, Jesús Orejas, adscrito á Consellería de Medio Rural, admite que o impacto da EHE no sector bovino é maior do que se esperaba: “Non temos medios para contela ata que non se faga extensiva a vacinación. Non podemos facer outra cousa que aconsellar que se tomen as medidas preventivas”.

Taxa de mortalidade superior ao esperado

De feito, a taxa de mortalidade da EHE no gando bovino é superior á que se pensaba. O ano pasado, o primeiro no que a enfermidade se notificou en Galicia, a porcentaxe situábase nun 0,95%. Con todo, Orejas recoñece que, segundo os datos preliminares desta tempada, este ano a taxa é bastante superior. Sen ofrecer unha cifra sobre a que orientarse, a EHE non só está no punto de mira pola mortalidade que causa, senón polas secuelas que sofren as reses. “Polo que trasladan os veterinarios clínicos e oficiais, hai determinados animais que tardan moito en recuperarse”, apunta. Isto ten un impacto económico considerable ao que fai referencia o gandeiro Anxo Oro. Como a enfermidade afecta ás mucosas bucais e nasais, as vacas non poden beber nin comer e, polo tanto, perden peso e deixan de producir leite. Aínda que non morran, as perdas son significativas para o sector.

“Esta enfermidade preocúpanos moito”, admite Orejas. “Dende o punto de vista da saúde pública non ten repercusión porque non se transmite por contacto con animais nin mosquitos infectados. Os humanos non podemos infectarnos por ningunha vía, nin sequera por consumo de alimentos, como carne e leite, de animais enfermos”, continúa explicando. Con todo, dende a óptica da sanidade animal as repercusións son inxentes. As principais recomendacións para sortear a situación están na vacinación e na desinfección de animais e instalacións, pero a capacidade de actuación é moi limitada. Amais diso, tamén aconsellan evitar augas estancadas ou áreas de materia orgánica húmida onde poidan crear os Culicoides; así como a comunicación inmediata aos servizos veterinarios de Medio Rural no caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade.

Unha vaca con mucosidade e lingua inflamada a causa da EHE.

Vacina si, pero non obrigatoria

A recente comercialización da vacina é tan só unha opción de cara á prevención da enfermidade hemorráxica epizoótica. Pero tal e como recalca Orejas, é unha vacinación voluntaria que non se vai aplicar de forma oficial nin obrigatoria en ningunha comunidade autónoma. “A EHE é unha enfermidade descoñecida, exótica. Ata o ano pasado non había ningún condicionamento para o movemento dos animais, como si acontecía coa lingua azul”, apunta o xefe de servizo de Sanidade Animal. Polo tanto, a decisión de aplicar a vacina depende dos gandeiros. Con todo, Orejas abre a posibilidade de que no futuro, cando se faga unha valoración máis exhaustiva da enfermidade e se teñan máis datos, se poida esixir a vacina de maneira oficial. Sobre todo porque, a luz dos resultados preliminares, “o grao de afectación dos animais a nivel tanto cuantitativo como cualitativo é bastante superior ao esperado”.

As vacas que enfermaron de EHE na explotación de Anxo Oro no último ano ascenden a seis, das cales morreu unha. Os primeiros síntomas que detectou foron espuma na boca e mucosidade, e todas elas se recuperaron relativamente rápido menos a falecida, que acababa de parir e, probablemente, tiña moi baixas as defensas, segundo lle trasladou o equipo veterinario. O certo é que os síntomas poden ser moi variados. “O virus ten afinidade polo sistema vascular e linfático. Polo tanto, hai unha afectación xeral que, no caso das vacas de leite, provoca unha diminución drástica da súa produción”, sinala Orejas. As lesións bucais e nasais dificultan considerablemente a alimentación dos animais, o que deriva nunha delgadez importante. “A casuística é inmensa. Depende moito do estado inmunolóxico do animal, da situación na que estea, do manexo da enfermidade…”, sinala Orejas.

Inmunidade natural adquirida?

Como ben describe o nome da propia enfermidade, tamén é relativamente habitual que teñan hemorraxias, diarreas sanguinolentas, inflamación na cabeza e na ubre, febre e inapetencia. O dato máis esperanzador é un estudo serolóxico do primeiro trimestre de 2024 que valorou a situación dos animais afectados en Andalucía, a comunidade autónoma que rexistrou os primeiros casos en España en 2022. Segundo a investigación, as reses infectadas e recuperadas tiñan unha porcentaxe de inmunidade natural adquirida de entre o 60% e o 80%; unha cifra que, en palabras de Orejas, “é bastante alta”. Dende a administración estase tratando de sacar unha liña de axudas para paliar o impacto económico da enfermidade. Pero o problema radica nesa acusada falta de información sobre unha doenza que non só é nova en Galicia, senón da que se carece da experiencia suficiente como para facerlle fronte da maneira máis efectiva posible.


Referencia: Updated checklist of the Culicoides Latreille biting midges (Diptera: Ceratopogonidae) of Galicia (NW Spain): Diversity, distribution and medical-veterinary relevance (Publicado en Veterinary Medicine and Science)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Zendal lanza a primeira vacina contra o virus hemorráxico das vacas

A Axencia Española do Medicamento autoriza o tratamento para previr unha enfermidade que afecta a ruminantes domésticos e salvaxes

O virus hemorráxico das vacas provoca a morte de 10 reses en Galicia

A enfermidade transmítese pola picadura dun insecto pero non se pode contaxiar de animal a animal nin tampouco a humanos

O virus hemorráxico das vacas chega a Galicia: “Non hai vacinas nin tratamento”

A Xunta confirma dous casos na Capela e en Abegondo dunha enfermidade con taxas de mortalidade de ata o 10% nalgúns ruminantes

A inquietante enfermidade hemorráxica que ameaza o gando: tamén afecta os humanos?

Hai uns meses detectáronse os primeiros casos desta doenza vírica en España, que afecta principalmente a cérvidos e ao gando bovino