O virus hemorráxico das vacas provoca a morte de 10 reses en Galicia

A enfermidade transmítese pola picadura dun insecto pero non se pode contaxiar de animal a animal nin tampouco a humanos

A Consellería de Medio Rural notifica cinco novos focos da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), un virus que afecta o gando bovino e xa deixa 10 vacas mortas en toda Galicia. Transmítese a través da picadura dos insectos do xénero Culicoides e provoca edemas e lesións na lingua, así como problemas reprodutivos. Aínda que é unha enfermidade infecciosa non é contaxiosa e, polo tanto, non se pode transmitir de animal a animal. Moito menos a poden contraer os humanos, dado que non é unha zoonose. Ademais, tanto dende Medio Rural como dende o Ministerio de Agricultura inciden en que consumir produtos de orixe animal, como a carne ou o leite, non supón ningún risco para a saúde humana. Con todo, unha enfermidade descoñecida en Galicia ata hai apenas uns meses xa se está a estender por todo o territorio e actualmente afecta ás catro provincias, con 13 focos identificados.

A EHE afecta os ruminantes, tanto domésticos como salvaxes, con especial impacto nos cérvidos, que son os que presentan maiores taxas de mortalidade. Especialmente en cervos, pero tamén en gamos e corzos. No que respecta aos animais domésticos, o gando bovino é o máis afectado, dado que as ovellas son asintomáticas e as cabras non son sensibles a esta enfermidade. As vacas, pola contra, si poden contraer o virus da EHE pero as taxas de mortalidade non adoitan ser moi elevadas. De feito, a mortalidade media dos animais afectados en España é inferior ao 1%. “No gando vacún provoca xeralmente unha sintomatoloxía leve pero ao haber infección na explotación, pode haber unha baixada na produción durante uns días”, explicaba o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago, Gonzalo Fernández, nunha reportaxe publicada en setembro en GCiencia.

Publicidade

Como a EHE afecta fundamentalmente a animais salvaxes, e o impacto sobre os domésticos non foi preocupante ata o momento, nunca se desenvolveron vacinas nin tratamentos para atallar esta doenza. A única medida efectiva para reducir o impacto da enfermidade é evitar o contacto dos animais co insecto vector, segundo explican dende a Consellería de Medio Rural. Para iso, precísase evitar zonas con materia orgánica húmida ou lama, dado que son os espazos que escollen os Culicoides para criar. Tamén é aconsellable usar desinfectantes e repelentes nas explotacións, nos medios de transporte e nos animais. Finalmente, se se detectan exemplares cunha sintomatoloxía compatible coa que provoca o virus, tanto domésticos como salvaxes, débese notificar inmediatamente aos servizos veterinarios oficiais da Consellería de Medio Rural.

Cales son os seus síntomas?

A EHE presenta síntomas semellantes aos da lingua azul, segundo explica o decano de Veterinaria. Máis en detalle, o virus pode provocar perda de apetito, edemas faciais, secrecións oculares e nasais, salivación, dificultade respiratoria, descamación en boca e nariz, coxeira e eritema nas ubres. O período de incubación, segundo o Ministerio de Agricultura, vai dos dous aos dez días. Polo tanto, é esperable que os síntomas desaparezan en aproximadamente dúas semanas. Polo que se sabe ata o momento, e revelan no último informe do ministerio, a maior afectación clínica estase rexistrando en animais maiores aos 24 meses e nun sistema de produción extensivo. No que respecta ás cabras e as ovellas, non se ten constancia de que presenten enfermidade clínica.

Comarcas afectadas por EHE en 2022 (vermello) e 2023 (azul).

Esta enfermidade era, ata hai tan só uns meses, unha completa descoñecida en Galicia e tamén en España. Historicamente circulou por América do Norte, Australia, Asia e África pero nunca se notificara en Europa ata o 10 de novembro de 2022, hai case un ano. O primeiro gromo rexistrouse en explotacións de gando bovino na illa de Sardeña e uns días máis tarde notificouse en Sicilia. O 18 de novembro, tan só oito días despois, o virus chegou a España e identificáronse os primeiros casos no sur da península. Habería que esperar a este verán para que saltase a alarma en Galicia, cos primeiros focos detectados na Capela e en Abegondo. Os últimos, notificados este martes, xa afectan aos concellos da Mesquita, Guitiriz, A Pastoriza, Taboada e Vila de Cruces, sendo este último o primeiro gromo da provincia de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A incógnita do virus hemorráxico das vacas: á busca da especie transmisora en Galicia

Un recente estudo apunta o díptero 'Culicoides obsoletus' como vector dunha enfermidade que xa deixa máis de 1.100 reses afectadas en 2024

A galega Zendal lanza a primeira vacina contra o virus hemorráxico das vacas

A Axencia Española do Medicamento autoriza o tratamento para previr unha enfermidade que afecta a ruminantes domésticos e salvaxes

O virus hemorráxico das vacas chega a Galicia: “Non hai vacinas nin tratamento”

A Xunta confirma dous casos na Capela e en Abegondo dunha enfermidade con taxas de mortalidade de ata o 10% nalgúns ruminantes

A inquietante enfermidade hemorráxica que ameaza o gando: tamén afecta os humanos?

Hai uns meses detectáronse os primeiros casos desta doenza vírica en España, que afecta principalmente a cérvidos e ao gando bovino