Alerta laranxa en Galicia: unha borrasca atlántica provocará máis chuvias e fortes refachos de vento

Poderanse acumular máis de 40 l/m2 en apenas 24 horas en boa parte do territorio, con refachos que superarán os 80 km/h na fin de semana

Chuvia e vento. Así se pode resumir o escenario meteorolóxico que viviu Galicia nas últimas semanas. Pero tamén o que vai vivir de cara aos vindeiros días. Estaremos baixo a influencia dunha borrasca situada ao suroeste de Irlanda, responsable dunha sucesión de frontes que deixarán en alerta laranxa o litoral galego e en aviso amarelo por grandes acumulacións de chuvia a fortes refachos de vento a todo o territorio. Meteogalicia confirma que se chegará a máis de 40 litros por metro cadrado en tan só 12 horas na provincia de Pontevedra e na meirande parte da Coruña. Ademais, os refachos de vento superarán os 80 quilómetros por hora durante a fin de semana. A partir do domingo a situación de intestabilidade non cambiará a prevese unha ponte de novembro pasada por auga.

Máis en detalle, este venres 27 de outubro todo o litoral galego está en alerta laranxa por temporal marítimo. De feito, as ondas poderán acadar os catro metros, chegando aos cinco no litoral da Coruña durante a tarde. No que respecta á chuvia, será unha xornada de transición entre unha fronte que afectou a fachada atlántica durante a madrugada e unha que entrará pola noite. Polo tanto, ao longo do día as chuvias serán intermitentes e intensificaranse nas provincias atlánticas conforme avance a xornada, con especial impacto na provincia de Pontevedra e no suroeste da Coruña. O vento soprará con forza no litoral e as temperaturas máximas manteranse por debaixo dos 20 graos en toda Galicia.

Publicidade

As temperaturas roldarán os 20 graos de máxima

O sábado a situación non mellorará, senón todo o contrario. A borrasca situada ao suroeste de Irlanda afectaranos de cheo, provocando unha situación de temporal na terra e no mar. Ademais de manterse a alerta laranxa en todo o litoral galego, actívase o aviso amarelo en toda Galicia por chuvia a vento. Dende Meteogalicia prognostican que as chuvias serán máis persistentes na provincia de Pontevedra e no suroeste de Ourense. Co avance do día, as precipitacións irán remitindo. No que respecta ao vento, os refachos máis fortes rexistraranse no litoral e nas zonas máis altas. As temperaturas ascenderán lixeiramente e acadarán os 20 graos de máxima en Pontevedra e Vigo, con 19 graos en Ourense, Ferrol e A Coruña. Santiago tan só acadará os 16 graos e Lugo quedarase cos 17 graos de máxima.

O escenario non vai cambiar o domingo, nin tampouco nos comezos da vindeira semana. Galicia continuará baixo a influencia da borrasca situada ao suroeste de Irlanda, o que provocará inestabilidade traducida en chuvias e vento. Esta situación é semellante á das anteriores semanas, dado que dende mediados de outubro as precipitacións non deron tregua en Galicia. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), na semana comprendida entre o 18 e o 24 de outubro Vigo chegou a rexistrar 196 litros por metro cadrado. Unha situación semellante á de Pontevedra, que acadou os 160 l/m2. A chuvia xeneralizada e abundante seguirá a ser o patrón meteorolóxico de Galicia nos vindeiros días.

Publicidade

Choverá na ponte de novembro?

Novembro comezará coa inestabilidade propia das últimas semanas, cun escenario onde a chuvia, o vento e as temperaturas suaves serán unha constante. Aínda que o prognóstico meteorolóxico sempre está sometido á incerteza, todos os modelos apuntan a unha ponte de novembro pasada por auga en Galicia. De feito, dende o portal eltiempo.es aseguran que o vindeiro mércores chegarán unha nova fronte que deixará chuvias abundantes no país. De momento, no horizonte máis próximo non se prevé un cambio no patrón meteorolóxico. Esta mesma semana, nunha reportaxe publicada en GCiencia, o físico da Universidade de Santiago Gonzalo Míguez Macho declaraba o seguinte: “Non se ve a fin da chuvia”. E todo parece reforzar a súa afirmación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño