As Comunidades Enerxéticas (CEs) son entidades xurídicas formadas por socios que xeran e consomen a súa propia enerxía renovable, coa opción de vender o excedente a outros clientes próximos ao momento de xeración. Con isto permítese que a cidadanía, desde o plano residencial ata o industrial, poida xestionar a xeración, a demanda e o almacenamento da enerxía de maneira eficiente, sen recorrer a intermediarios. Investigadores do CITIC forman parte dun novo proxecto europeo de comunidades enerxéticas sostibles do Atántico (SAtComm), que acaba de mostrar os seus avances en materia de descarbonización. Trátase dunha iniciativa formada por 11 entidades públicas e privadas de catro países diferentes (España, Irlanda, Portugal e Francia).
Concretamente, SAtComm céntrase en definir un modelo eficiente e sostible para a implantación destas comunidades no ámbito europeo que sirva, ademais, como instrumento para a transición cara á enerxía limpa e a descarbonización do noso territorio. Para iso realizouse unha análise que inclúe aspectos de regulación, propostas para a predición da xeración e a demanda, novos modelos de xestión enerxética e mesmo sistemas intelixentes para a detección de anomalías no funcionamento.
Así, a proposta do CITIC da Universidade da Coruña, da man de José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián, é modelr todos os elementos das Comunidades Enerxéticas utilizando datos históricos, perfís de usuarios e os tipos de carga que deben abastecer. Estas unidades individuais integraranse nun modelo global, o que permitirá emular o comportamento das diferentes CEs analizadas.
Modelo exportable
SAtComm trata de brindar ás comunidades enerxéticas as ferramentas que precisan para ter o control da súa enerxía e contribuír activamente a que os sistemas estean máis limpos. As novas normas da Unión Europea fan que os usuarios individuais de enerxías sexan máis centrais no cambio cara unha enerxía máis limpa. Con todo, cada país da UE está a adoptar estas regras, o que dificulta que as comunidades de enerxía teñan un impacto significativo nesta transición.
Así, este proxecto planea analizar as reglas nas catro rexións da Área Atlántica, crear e empregar tecnoloxías que funcionen para todos e asegurarse de que sexan sostibles. Deste xeito, todo tipo de usuarios, dende industrias ata fogares, terán a capacidade de poder intercambiar enerxías entre si, xestionar o seu uso de maneira intelixente ou almacenala en baterías.
O proxecto está probando estas tecnoloxías en áreas rurais e costeiras das catro provincias, e as conclusións compartiranse para que outras comunidades enerxéticas podan utilizalas como guía para adoptar conceptos de enerxía intelixente similares, para que se converta nun modelo exportable a outras áreas e rexións.