Non é estraño que os veciños de Tameiga, unha parroquia do concello de Mos, na comarca de Vigo, estean na lupa dunha revolución enerxética mundial. A Comunidade de Montes e Veciños de Tameiga (CMVMC) traballa desde hai décadas porque os bens sexan mancomunados.
Agora, uniron forzas para producir a súa propia enerxía renovable, xa sexa solar, biomasa ou eólica, e compartila entre todos. Esta iniciativa revitaliza a tradición dos bens comunais nas áreas rurais, como a repartición de leña e a xestión de recursos hídricos, pero cun enfoque moderno. Esta vez colectivizando o máis prezado e caro, a electricidade, para conseguir un ben común: reducir a factura da luz e protexer o medio ambiente.
Soa a ciencia ficción? Para nada! É algo que xa está a suceder en toda Europa. Desde España ata Suecia. Estas iniciativas están a despegar grazas á crecente conciencia ambiental e á necesidade de reducir a dependencia dos combustibles fósiles. É o resultado de proporcionar as ferramentas necesarias aos cidadáns para que tomen o control da súa propia subministración enerxética.
Dúas décadas de traballo en Tameiga
A CMVMC de Tameiga é un caso de manual. Unha comunidade exemplar capaz de aproveitar os recursos locais para crear un futuro máis sostible. Hai xa máis de 20 anos, un grupo de veciños decidiron unirse. O seu propósito era xestionar e protexer os seus recursos naturais, prestando especial atención aos bosques que os rodeaban.
Ademais, desde a comunidade tamén se xestiona un polígono industrial, un centro social, cultural e deportivo e a Sala Rebullón, sala de concertos ben coñecida na zona. Este enfoque non só axudou a conservar a contorna natural, senón que tamén reforzou os lazos comunitarios. Ademais asegurou un uso sostible dos recursos da zona.
O éxito derivado das súas actuacións tivo un impacto ambiental sobresaínte. Na actualidade, a maioría de comuneiros substituíron os seus sistemas de calefacción tradicionais (caldeiras de gas e gasóleo) por sistemas de combustión de biomasa. Impulsada por este primeiro éxito, a comunidade de montes decidiu dar un paso máis alá, transformarse nunha comunidade enerxética para aliñarse coas políticas enerxéticas. O seu principal obxectivo? Converter os tellados industriais e residenciais en fontes de enerxía solar. Isto provería as necesidades enerxéticas dos máis de 400 veciños da comunidade actual.
Modelos de sustentabilidade comunitaria
Segundo a Comisión Europea, as comunidades enerxéticas (CE) divídense en dous tipos: as Comunidades Cidadás de Enerxía e as Comunidades de Enerxía Renovable. As primeiras baséanse na participación voluntaria de persoas locais, autoridades ou pequenas empresas. As segundas son grupos autónomos vinculados a proxectos de enerxía renovable.
Que teñen de especial as CE?
Ademais de mellorar a sustentabilidade en áreas altamente poboadas, poñen en valor a diversidade de participación cidadá e empresarial. Exemplos destacados como Energent en Bélxica, Vauban en Friburgo ou Izgrei en Bulgaria demostran avances significativos na promoción da enerxía renovable e a participación cidadá.
Pero isto non é algo novo. Existe outro tipo de comunidades que foron pioneiras na xestión de recursos, como as Comunidades de Montes Veciñais en man común (CMVMC). Trátase dunha práctica tradicional ben establecida en Galicia e norte de Portugal, enfocada cara á xestión comunitaria do territorio de propiedade veciñal e os seus recursos, como os forestais ou os hídricos, entre outros. Do mesmo xeito que as CE, as CMVMC promoven a sustentabilidade e a participación activa dos membros. A implicación cidadá na toma de decisións e a xestión de recursos naturais fainas auténticos motores de empoderamento comunitario e sustentabilidade ambiental.
Unha pedra de “papel” no camiño da revolución enerxética
Non todo é un camiño de rosas. A comunidade de montes de Tameiga enfróntase a obstáculos significativos, como a burocracia e a falta de financiamento. Os trámites administrativos poden ser longos e complicados, o que retarda o progreso dos proxectos.
Os cambios lexislativos e políticos contribuíron ao avance lento das CE. A pesar das barreiras, a tecnoloxía seguiu evolucionando a un ritmo imparable. Ademais, as preocupacións climáticas convertéronse nunha prioridade do horizonte político.
Hoxe, as comunidades enerxéticas xogan un papel cada vez máis importante na transición ecolóxica. A pesar diso segue sendo un desafío conseguir o financiamento necesario para instalar e manter infraestruturas enerxéticas.
A colaboración con institucións públicas e privadas é crucial para superar estes obstáculos.
A misión está clara: seguir adiante coa visión dun futuro enerxético sostible. A visión na comunidade enerxética de Tameiga pasa por apoderar á xente da comunidade de montes local, e evitar que axentes externos entren a facer negocio, ofrecéndolles as ferramentas necesarias e establecendo unha organización forte: o límite é o ceo.
A revolución comunitaria non se detén
A pesar de todo, os integrantes da comunidade enerxética de Tameiga seguen ao pé do canón. Traballando duro para conseguir o seu obxectivo. De feito, xa gozan de instalacións fotovoltaicas que permiten o autoconsumo de electricidade. Isto permítelles reducir custos e mellorar a competitividade local. O seguinte? Aproveitar o potencial fotovoltaico da zona. Segundo os datos solicitados grazas á colaboración da directiva da CMVMC, nos próximos 10 anos está previsto instalar ata 1 MWp. Pero aquí non se deteñen: pensan ao grande! Puntos de carga de coches eléctricos, programas comunitarios de concienciación e mesmo o aproveitamento doutros recursos enerxéticos. Tameiga demostra así que a distribución de enerxía limpa é viable e beneficiosa para todos.
O enfoque comunitario fortalece os lazos sociais. Tamén establece un modelo que outras comunidades poden seguir. Tameiga está a prepararse para o futuro enerxético sostible. Ademais, está a inspirar a toda a poboación a unirse a esta revolución verde. Este espírito de cooperación e autosuficiencia fomenta a evidencia de que as comunidades poden tomar o control do seu futuro enerxético. A lección? Cando unha comunidade se une, pode lograr cousas extraordinarias.
*Ana Larrañaga Janeiro é investigadora posdoutoral na Área de Sostibilidade Enerxética da Universidade de vigo. Juan Jesús Rico Fuentes é investigador no Laboratorio de Procesos de Transporte da Universidade Técnica de Dortmund. Moisés Cordeiro Costas é investigador posdoutoral na Área de Eficiencia Enerxética da Universidade de Vigo. Raquel Pérez Orozco é docente e investigadora na Área de Sostibilidade Enerxética da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo.
Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.