A emisión de gases de efecto invernadoiro é un dos principais problemas medioambientais e, en Galicia, a industria enerxética —concretamente a eléctrica— é o sector que máis contribúe a esta contaminación. Desde Tameiga, unha parroquia do concello pontevedrés de Mos, estase a desenvolver un proxecto que, de exportarse, podería contribuír a mitigar esta situación. A súa comunidade de montes está a sacar adiante un proxecto de comunidade enerxética con placas solares, coa que queren chegar á súa veciñanza.
Para quen non visitase nunca as instalacións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Tameiga, a experiencia é un descubrimento. Esta organización conta cuns espazos á altura de calquera club de elite: dúas piscinas, instalacións para petanca e skate e un edificio central, onde se localiza o centro social, cultural e deportivo As Pedriñas, cunha cafetería que se enche á hora de comer e que ten un auditorio, a Sala Rebullón, no que a programación cultural non para. Ao lado, un parque de autocaravanas; un pouco máis aló, o polígono industrial. Todo de xestión comunal.
Dúas décadas compartindo enerxía
O proxecto social e de xestión do monte é indisoluble da proposta de autoconsumo colectivo, como explica Bruno Dutto, técnico da comunidade veciñal. “Todo empezou coa leña no 2001“, retrocede. Foi nese ano cando comezouse a falar do proxecto da autopista AP-9, que pasa polos montes de Tameiga. “Partiunos o monte pola metade, pero de aí recibíronse uns cartos”. Mediante eses ingresos e coa contribución esencial dunhas axudas dos fondos FEDER, comprouse maquinaria para poder talar árbores e facer leña. Nun primeiro momento repartían parte e vendían outra, pero, gradualmente, máis comuneiros e comuneiras comezaron a cambiar as súas caldeiras de fuel e gas por outras de leña, que reciben a prezo do custe do traballo de sacala, rachala e transportala.
En 2016 prodúcese o seguinte fito na historia da iniciativa. Neste ano, a comunidade de montes gaña unha sentencia fronte ao concello de Mos. Así recuperan 40 hectáreas de monte Faquiña, das que a administración local poxara varias parcelas para emprego industrial e que agora conforman o polígono que xestionan as persoas comuneiras de Tameiga. Isto fai que se comecen a obter uns ingresos que antes non tiñan.
Unha cuarta parte do territorio galego
Aquí compre facer un inciso para explicar o funcionamento destas organizacións e a súa importancia en Galicia. O monte veciñal en man común constitúe a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, e está xestionado por arredor de 2.800 comunidades. Estas son unha excepción fiscal: non teñen personalidade xurídica, pero si capacidade xurídica. Por lei, teñen obriga de reinvestir mínimo o 40% dos ingresos xerados para a mellora e protección forestal, o que deixa un 60% que pode ser empregado noutros usos. “Todo o que non invistas e gardes”, lembra Dutto, “paga un imposto de sociedades. Entón, o que queres é investir todo para máximo beneficio da xente”.
Volvendo ás comunidades enerxéticas, no 2017 comeza a falarse en Europa destes modelos de autoconsumo sostibles. “Cando saíu, pensamos: levamos sendo unha comunidade enerxética dende hai 20 años. Repartindo enerxía, pero en forma de leña”, sinala. Desde Tameiga, arredor do ano 2020, solicitan unha serie de axudas ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega), grazas ás que conseguen tres instalacións de paneis: unha no tellado da nave na que teñen as pistas de skate e o almacén de maquinaria, de 25 kW nominais, e outras dúas, de 80 e 100 kW nominais, en naves do polígono que xestionan.
As pedras no camiño de Tameiga
“Aí empezamos a tropezar contra todo”, recapitula Dutto. Á hora de facer as instalacións atopáronse con que a normativa estaba aínda en cueiros na parte de deseño do proxecto e instalación e, para axustarse ao máximo, fixeron un modelo de autoconsumo individual sen excedentes, en vez do de autoconsumo colectivo con excedentes que é preciso para un modelo de comunidades enerxéticas. Ademais, daquela estaba estipulado que só se podía distribuír a enerxía a 500 metros do punto de xeración, co que “non saiamos do polígono e non chegabamos a case ningunha casa”. Isto fixo que se comezase co modelo de autoconsumo individual, isto é, para a propia comunidade de montes, que fai que hoxe en día funcionen totalmente con enerxías renovables, na súa maior parte as que proveñen das súas placas solares.
A principal reivindicación
Parte dos obstáculos aos que se enfrontan desde a comunidade de montes pasa porque estas organizacións non son coñecidas fóra do cuadrante noroeste da península, algo co que se foron atopando nos pasos dados para conseguir implementar o seu modelo. Por exemplo, volvendo ás normativas, en 2023 saíu o bosquexo do Real Decreto a través do que se teñen previsto desenvolver as figuras das comunidades de enerxías renovables e das comunidades cidadás de enerxía, pero nel contémplase que deben ter personalidade xurídica propia. Esta é unha das principais reivindicacións da comunidade de montes. Fixeron alegacións no período de consulta pública e tentaron mobilizar a máis axentes, pero aínda están a espera de que se resolva.
No entanto, presentáronse ao programa da Unión Europea Energy Communities Repository, que dá soporte a iniciativas enerxéticas comunais. A súa proposta foi unha das 25 seleccionadas, o que lles serviu para contar cunha asesoría técnica presencial. Este foi un impulso importante, conta Dutto. “No sabían que ían atopar con isto”, lembra. “Dixeron: Deixade de reivindicar que sodes unha comunidade enerxética. Xa o sodes e o sabedes”.
Un modelo con moito futuro
E niso están. Actualmente, as instalacións da CMVMC de Tameiga funcionan xa totalmente en autoconsumo. Nos últimos anos, a lei ampliou o radio de cobertura ata 2 quilómetros de distancia de onde se xera a enerxía. Pese a que en áreas rurais isto segue sendo escaso, no caso de Tameiga permite cubrir practicamente toda a parroquia, agás uns núcleos ao sur para os que están pensando en poñer outras instalacións máis próximas. Falando de instalacións, esperan poder conectar dentro deste ano a primeira das instalacións á rede eléctrica e no ano que vén, a seguinte. En 2025, esperan, comezarán a instalar novos paneis.
Polo medio hai tarefas pendentes, como solucionar os problemas nas instalacións que lles impiden conectarse á rede eléctrica ou aprobar o regulamento da comunidade enerxética, isto é, como se van elixir as persoas que se engancharán a esta rede. Moitos retos que se enfrontan con ánimo. “A nosa idea é cada ano facer unha nova instalación e ir pouquiño a pouco chegando ata o paso de ofrecerlle un kW pico a cada comuneiro ou comuneira e, a partir de aí, aumentar”, explica Dutto. “Sabemos que vai ter efecto chamada, xa o está tendo”. A idea é que cada fogar que se conecte pague 50 euros ao ano de mantemento e para tarefas administrativas e que se lle subministrará o equivalente a dous paneis solares por persoa. Traducido na factura, isto suporá un aforro medio de 250 euros por familia.
E pode este modelo aplicarse a outras entidades semellantes, incluso concellos? “É extrapolable e hai que extrapolalo”, insiste Dutto sobre esta revolución enerxética. “Estase vendo que no futuro hai que buscar outras alternativas, e nos somos un bo exemplo de que funciona”, conclúe.
Boa iniciativa. Pena que teña tan pouca difusión.
A Comunidade de Montes de Tameiga debería ser referente de como traballar, aínda hai que recoñecer que ten tanta capacidade polo polígono industrial que ten, iso asegura uns ingresos directos anuais seguros, que outras comunidades non teñen.
Ogallá poñan a disposición doutras comunidades ou asociacións toda a súa experiencia no tema da comunidade enerxética, fai moita falla.
Bom dia: Moitos parabéns á Comunidade de Montes de Tameiga. Na vangarda, sempre, abrindo caminho e exemplo.
Obrigado!