Confirmada a presenza de larvas de mosquito tigre no concello de Mos

O municipio pontevedrés súmase aos de Moaña, Vigo, Redondela, O Porriño, Cangas, Vilaboa e Bueu, onde xa está introducida a especie

Tan só dous días despois de que se confirmase a presenza de mosquito tigre (Aedes albopictus) en Bueu, a Xunta informa de que a especie invasora tamén está presente no concello de Mos, despois de que se atopasen larvas. Así o trasladaron dende a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as universidades de Vigo e Santiago. O concello de Mos é o oitavo de Galicia e confirmar a presenza do mosquito tigre, despois de Moaña, Cangas, Vigo, Redondela, O Porriño, Vilaboa e Bueu.

Nos labores de seguimento en concellos circundantes á area de distribución coñecida do mosquito tigre na comunidade galega detectouse a presenza de larvas na zona de Torroso, en Mos. Ao ser detectada en estado larvario, todo parece indicar que a súa poboación está introducida. Desde ReGaViVec, e en colaboración co concello, ampliarase a vixilancia colocando trampas para ver a extensión e abundancia do mosquito tigre en función dos criterios dos técnicos de Saúde Pública e dos expertos entomólogos da rede.

Publicidade

Como evitar a súa proliferación

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación cidadá seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como son o dengue, chikungunya e o Zika. Por iso, lémbranse que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

A Consellería de Sanidade ten un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas, na promoción da descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte dos especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.

Publicidade

Para evitar as picaduras do mosquito tigre aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nas listaxes de produtos autorizados, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns longos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e, nalgún caso, poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Bueu

O concello do Morrazo é o sétimo de Galicia, xunto a Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, O Porriño e Vilaboa, en notificar a aparición do 'Aedes albopictus'

A Caniza, Cangas de Morrazo e O Riós: a Xunta e a RAG impulsan 2.500 cambios na toponimia galega

Durante o proceso tivéronse en conta cuestións como a ausencia do artigo, a zona dialectal e revisións xeográficas

Radiografía do mosquito xaponés: a nova especie invasora identificada en Galicia

Un equipo de Lugo atopa un exemplar de femia adulta na Pontenova e varias larvas de 'Aedes japonicus' na Fonsagrada

Volve o mosquito tigre: primeiro caso identificado do ano en Moaña

Moaña volve ser o primeiro lugar de Galicia onde aparecen exemplares de 'Aedes Albopictus', vector de virus como o zika, o dengue ou o chikungunya